lunes, 21 de febrero de 2011

GROLIÑOS DE AUGA DE PISCINA

Reproduzo embaixo un artigo de hai algúns anos para que se vexa que o paso do tempo non impide seguir afogándonos, pero vivindo. Como a idade xa avanza, non me parecía conveniente seguir co meu estilo de nado de interior, ese que suplica con vergonza aos vixiantes da piscina que estean atentos por se en calquera instante un precisa que o rescaten, e propúxenme un plan de aprendizaxe autónomo e rigoroso de nado. Perfectamente convencido, buscando apoio teórico entre amigos e expertos, iniciei as miñas matutinas sesións de aprendizaxe nunha piscina olímpica, tampouco vai un aprender en calquera poza de mala morte. Con fe e vontade que para outras tarefas quixera, ás oito da mañá aí me teñen tres días á semana, chova ou trone, camiño das procelosas augas da piscina olímpica de Pontemuiños. Os primeiros bracexos prometeron resultados inmediatos. Parece que o cerebelo aínda non está danado de todo e a base de tenacidade e constancia fun collendo o ritmo da respiración, a harmonía no movemento e a seguridade para me ir desprazando dentro da auga ao estilo que se coñece como a braza. Cando máis satisfeito me sentía por este progreso, unha chuzada ao saír dunha destas sesións, mentres me duchaba, coma un balazo nas costas que me fixo pensar nun cólico nefrítico ou calquera mal dos que fulminan para sempre a vida dun humano, levoume a consultas e consellos que me conduciron á máis penosa das decepcións: para o que se cría que era a chuzada - un ataque de ciática- o peor que se pode facer é nadar á braza. O meu esforzo ao garete.  Pero como o desánimo nunca debe poder coa vontade de quen anda detrás dalgún obxectivo nobre, de contado transformei a pena en ganas: habería que dominar o nado de costas e logo o  crol. O de costas, talvez por tomalo coma descanso, non tardei en pillalo. Pero o crol...non afogo porque herba ruín non morre. Cando non levo cloro á gorxa éntrame auga polo nariz e a contagotas vaime producindo tose que non dou tusido, e cando non son as pernas as que coma un momo se van afundindo sen me dar conta, bracexo cos meus braciños anémicos de músculo coma as aspas dun muíño descompenetrado, ora levantando escuma coma un peixe bravo, ora febles e engruñados coma se buscasen apoio nas augas que se abren sen ofrecer resistencia. A cabeza xira, érguese, afúndese, vira e pide auxilio cando pola boca non entra aire e á fin, para me serenar, volvo á braza prohibida, uns instantes como refuxio, para volver outra vez, con calma, recuperando aire, ao intento de adquirir o hábito que me permita coordinar movementos, respiración e impulso  como vexo en nadadores que me pasan polas rúas da beira, coma balas, disparados, perfectamente acomplados á auga, avanzando coma tiburóns no seu propio medio. Moitos días, antes de me tirar á piscina, coa escusa de que trato de colocar ben as gafas, aproveito para tratar de aprender destes nadadores expertos, pero nada aprendo, só con envexa contemplo que teñen perfectamente interiorizados os movementos, que non necesitan pensar, que o automatismo está ben fixado no seu cerebro e con só deixarse ir, brazos, respiración e pernas acóplanse nun deslizarse fermoso, sen resistencia, dentro da auga. De todos os xeitos, ás oito da mañá guíndome á piscina para tragar os groliños de auga clorada que faga falta: de min a auga non se ri, e antes de que chegue a hora veraniega de volver a tragar grolos de mar, como me chamo Miguel que hei de saír nadado a crol. Mal ou ben, pero sen afogar.

1 comentario:

  1. Tras disfrutar mucho con su manera de contar su plan de aprendizaje en la piscina, estoy convencida de que con esa tenacidad uno consigue lo que se propone. Sírvanos de ejemplo.

    ResponderEliminar

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.