domingo, 11 de marzo de 2012

CALMAR O CORAZÓN

Do 9 ao 10 de abril celebrarase en Madrid o II congreso sobre a felicidade. Científicos expertos na divulgación como Punset ou o psiquiatra Rojas Marcos participarán na xuntanza. Polo momento, o Instituto Cocacola sobre la Felicidad, institución encargada do congreso, xa lanzou algunha noticia que contrapesa coas últimas do CIS. Mentres o centro de investigación sociolóxica nos aplana coa contundente porcentaxe de xente (84%) que non ve miga de esperanza, os analistas que van tratar sobre a felicidade dinos que, a pesar da crise, dous de cada tres españois ( un 67,83%) séntense felices. Agradécese que nestes momentos haxa quen se dedique a pensar na felicidade. Cando todos os motivos de esperanza parecen podados polas malas novas económicas de cada día, que expertos e divulgadores se reúnan para descubrir o felices que somos ou podemos ser, a pesar todo, ten o seu mérito. Que a reunión estea pagada por unha multinacional de bebida con chispa é irrelevante. Ou non. Porque moito mellor é que as multinacionais se dediquen a indagar sobre as razóns da nosa felicidade e non en como deixarnos sen pernas. Ou sen corazón. E ademais incluso puidera exercer efecto contaxioso, pois non ben esta noticia saíu aos medios, Standar&Poor's anunciou sen reparo que a crise inmobiliaria acabará no 2013 e a macroeconómica no 2012. Aí quería ver a Standar&Poor's e axiña espero que a copien unha detrás doutra todas as axencias que con tanta furia e teimosía nos inxectaron o veleno da desconfianza e pesimismo extrems que nos consumen. Dirán algúns, con razón. Si e non. Puidera ser a economía tamén un estado de ánimo? Non. Non me embarrancarei neste xardín inexplicable e no que embazan ata os máis afamados dos capacitados. Non sei se é ou non un estado de ánimo, poida que non, pero o que parece innegable é que necesitamos luces de esperanza. O peor que nos regalou a dereita medrada e altiva, intratable, é a terrible desconfianza e a melancólica resignación. Primeiro meteunos neste embrollo, logo convenceunos de que todos a partes iguais tivemos a culpa por non aforrar o debido e ao final, tan desorientados coma cando non souberon atallala, machácanos con que non hai motivo para a esperanza e nada mellor que resignarse ata novo aviso. Mentres se ansiaba alcanzar o poder había que ridiculizar con saña o máis mínimo xesto de esperanza. Abofé que o consegurion con mestría. En canto se alcanzou, o que procede é incrementar a dureza da situación para, instalados no medo, a ninguén se lle ocorra dubidar canta submisión se ordene, non sexa que todo sexa peor, sempre se pode empeorar. Pedimos sacrificios porque somos sensatos e razoables. A calar. Claro que algúns xa deben estar de volta no camiño dos recortes e intúen que, tal e como algúns economistas heterodoxos prognosticaron dende o comezo, sen estímulo non só se incrementan as penalidades dos perdedores, senón que pode correr risco a ganancia dos que sempre ganan. Se cadra por iso multinacionais da chispa e as axencias máis aleutas dan os primeiros pasos na liña de ir abrindo unha miga de luz, non sexa que a escuridade sexa tanta que perdan a vista e ata os ollos moitos máis dos que estaban previstos e aceptados. Como a interdependencia entre os feitos e a interpretación que deles se realiza parece algo máis ca unha hipótese simpática, se cadra os encargados da interpretación deron no acordo de ir manifestando as primeiras sinais de cambio, ao tempo que se afrouxa na arte de meter medo igual a propia realidade vai collendo outro rumbo. Un dos científicos que ten previsto asistir ó congreso sobre felicidade do que lles falaba ao comezo é o profesor da universidade de Harvard Mario Alonso Puig. El foi quen dixo que a felicidade non é un benestar subxectivo, como sentirse quentiño en inverno ou tomarse un refresco en verán (xa me dirán como o patrocinador permitiu exemplo tan pouco conveniente). Parécelle que a felicidade é algo que calma o corazón. A min tamén. Cando o corazón se atropela, se anica ou perde o control, imposible resulta o goce da alegría, antesala de calquera anaco de felicidade. Á sociedade ocórrelle outro tanto. Para que se lle calme o corazón, ademais de contar coa calor mínima para non morrer polo frío debaixo dunha ponte, necesita de palabras animosas e esperanzadas. O mesmo profesor Alonso Puig explica a relación: as emocións afectan á saúde, porque a utilización de palabras negativas distorsionan a percepción da realidade. A nosa saúde depende das palabras, do que nos digamos. A saúde da sociedade igual. Non mellorará mentres o negativismo interpretativo e os prognósticos se ceben con insistir e alarmar con datos pésimos. Talvez chegou xa a hora de ir transformando o catastrofismo en esperanza razoable, o sacrificio en confianza a medio prazo. Con chorar nada se consegue. Adiantando desgrazas, salvo quen xogue con cartas marcadas para beneficios dobrados, ninguén mellorou nin saíu das dificultades. Se de verdade queremos ir detrás da calma do corazón, a porta de entrada non ha ser outra que ir comezando polas palabras que tiren de nós cara a confianza e a esperanza.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.