lunes, 9 de abril de 2012

DE BOLINA, QUEIRUGA, DE BOLINA

Quen teme a Andrés Torres Queiruga? Que medo pode infundir quen dedicou a vida ao estudo para mellor facer cadrar a súa fe co pensamento secularizado e moderno? Que temen os vixiantes da ortodoxia católica dun intelectual que prestixiou a teoloxía ao situala no nivel de diálogo científico máis moderno e fondo? Si, en zonas fronteirizas, delicadas, discutibles. Pero é aí onde se dilucidan os asuntos transcendentais da fe e do saber. Que mal lles causa, que desconfían, que remoen nas súas atemorizadas análises os gardiáns da verdade? Lin atento a notificación da C. E.de Doctrina de la fe na que se reprende ao teólogo. Non procede que me deteña aquí nos puntos que se discuten dada a complexidade filosófica e teolóxica dos mesmos, pero en síntese poderiamos concluír que aos custodios da fe preocúpalles que o profesor Torres Queiruga , repensando dende as coordenadas da ciencia e filosofía actuais, non dea a visión que ao Maxisterio da Igrexa lle gusta sobre os seguintes aspectos: a intervención de Deus na historia, a Revelación como algo indeducible, o realismo milagroso da resurrección de Xesús e o poder da oración de petición. Parécelles aos paternalistas gardiáns do dogma que a maneira de pensar de Queiruga, a pesar de partir da boa intención de presentar a un Deus todo amor e de achegar o cristianismo aos homes e mulleres de hoxe , corre o risco de se deixar levar polo dominio das correntes interpretativas da cultura actual que poderían eliminar ou escurecer a novidade introducida pola Encarnación do Fillo de Deus. Por iso se ven na obriga de aclarar diante do Pobo de Deus cal é a postura correcta (única) sobre estes asuntos, ao tempo que se reprende, supoño que con caridade cristiá, ao ben intencionado pensador galego unha miga despistado por se escorar en exceso á beira das correntes do pensamento actual. Non quixera supor a estes preocupados represores, por suficientemente lidos e estudados, ignorantes de que o pensamento e a ciencia, os homes e mulleres de hoxe, sen excepción, a cada paso son menos amigos de necesitar para o funcionamento do cosmos nin para as relacións de progreso a intervención de un ser mecanicista, máxico, irascible, subornable e caprichoso que non respecta a autonomía do mundo nin a liberdade dos seres aos que di salvar. Sería falso agochar que os temas repensados por Queiruga dende a fe en diálogo coa cultura científica e filosófica actuais son de fronteira delicada. De aí o mérito da súa empresa intelectual. Claro que serán discutibles dentro dun sa pluralismo que toda institución debería alentar. Sempre me resultou sorprendente a posición pechada e en exceso vixiante da Igrexa respecto daqueles pensadores entregados e valentes intelectualmente, como é caso de Torres Queiruga, que son en realidade verdadeiros motores de resistencia da propia doutrina. Se non fose por mentes atentas e fieis que tratan de adecuar os cimentos da fe á transformación cultural do momento, non creo que o cristianismo puidese dar explicado moitas das súas verdades reveladas. A estes pensadores que guiados pola fe, polo convencemento de que nela se atopa a salvación, un regalo para mellor vivir, é aos que a Igrexa debe o non ter quedado illada e desconectada e que aínda se poida dialogar- non demasiado, polo que se ve- con ela. Agradecida debería mostrarse de que teólogos deste corte aberto e plural adaptasen como unha oferta razoable, intelixente e moderna a esencia da fe. Ata hipócrita se me antolla esta maneira paternalista de reprender a quen saben non tardarán en perdoar con bondade infinita para integrar moitas das súas interpretacións á corrente xa polo Maxisterio admitida en canto vexa que non lle queda outra. Pero talvez sexa nesta dialéctica de termar do pasado con determinación e vixiar as ideas novas a clave da conservadora resistencia da Igrexa. Tardar en aceptar como válido ata que que non queda outro remedio. Ceder só unha miga aos signos dos tempos, sobre seguro. Deixar que os esforzados e xenerosos se esnafren. Defender como inmutable o que logo poderá variar unha vez instalado e admitido polo Pobo de Deus. Manifestou o profesor Torres Queiruga sentirse asombrado por esta reprimenda. Non me estraña, profesor. Asombrado ha de estar quen se esforzou ao máximo por facer cadrar dentro da fe, non só en Xesús senón na propia Igrexa, os difíciles envites e encrucilladas aos que os enfronta o pensamento contemporáneo. Axustar con finura o problema da creación, da revelación, do mal, dos milagres e os da oración sen renunciar á fe e defendéndose con rigor intelectual, en igualdade de argumentos, coa filosofía do momento é tarefa que merecería todo o apoio e recompensa por parte da institución á que se defende. Pero xa ves, amigo profesor, ás veces son os da propia casa os que menos recoñecen o que un se entrega por ela. Non importa. No último libro que lle lin a Queiruga, facía referencia a que dende ben novo, sendo como é de Aguiño, sabía o que era navegar de bolina. Aproveitar os ventos, aínda que sexan dos malos, para cinguirse e avanzar positivamente a canda eles. Pois iso: a navegar de bolina. Haberá que tomar esta reprensión coma unha crítica máis á que se haberá que cinguir con boa arte mariñeira para aproveitar e avanzar. Os amoestadores confían en que o profesor Torres Queiruga siga clarificando o seu pensamento e o poña en plena consonancia coa tradición da fe autorizadamente ensinada polo Maxisterio da Igrexa. En confío en que siga estudando con idéntica fe, liberdade e valentía intelectual, porque queda moito que repensar. Os homes e mulleres de hoxe xa non cren de calquera xeito, necesitan mentes finas que expliquen e ofrezan unha alternativa razoable de como se pode aceptar a un Deus todo amor que non rechíe coa evolución e a autonomía do mundo, coa liberdade, a igualdade e os dereitos conquistados.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.