domingo, 23 de septiembre de 2012

AS INFANTAS PARA O GRUPO C


Como ben se encargan de propagar os interesados en desprestixiar aos funcionarios, soe ser habitual que os que gozamos de tales privilexios pasemos o dia lendo o xornal, facendo a compra e tomando café de longa duración. Hai excepcións, sen embargo, e algúns levamos semanas rompendo a crisma para que os grupos dos distintos niveis educativos do centro no que traballamos cadren de maneira que favorezan a mellor educación posible utilizando os recursos dos que se dispoñen. Por iso a xefa de estudos e máis eu analizamos un por un os casos de todos e cada un dos alumnos que deben formar parte dun grupo ou outro en función de todas aquelas variables que consideramos poden ser determinantes á hora de aprender e convivir nun centro educativo público. Dado que os recursos decrecen e as dificultades aumentan, cómpren verdadeiros equilibrios para que os grupos non saian descompensados, ingobernables e inoperantes. Así, procuramos repartir os repetidores de maneira equitativa en cada un dos grupos dun curso, intentamos que non se concentren na mesma aula alumnos con problemas de conduta, repartimos aos desfavorecidos sociais, de distintas étnias ou procedencia doutros países ou de retardada incorporación escolar, de xeito que, ao final, apañadiños, os grupos estean o máis compensados e xustamente repartidos. O labor, como entenderán, non resulta doado, porque ademais das carencias de aprendizaxe de moitos alumnos, xúntanse problemas de personalidade, dificultades familiares que condicionan en grande medida a conduta e actitude do alumno e outras moitas circunstancias que obrigan a realizar verdadeiros encaixes de Camariñas para que a configuración sexa aceptable. Aínda así, compréndese, ás veces hai grupos nos que, por máis que limes e repases e calcules, sempre se cruzan personalidades incompatibles, alumnos de difícil acomodo e números tan amplos que converten a aula nunha gaiola xustiña na que deben convivir 25 adolescentes en plena efervescencia, saturados de estímulos audiovisuais, anémicos de normas e límites e moi fraquiños na resistencia á frustración. Pero así están os tempos e con estes vimbios habemos de traballar. Levar traballo para a casa non é aconsellable, sabido é. Pero se un pasa horas calculando se é preferible que coincidan nun mesmo grupo o marroquí que por norma se incorpora a primeiros de outubro porque antes non dá chegado de Casablanca co diagnosticado de TDA-H, ou, en cambio, mellor sería xuntalo co caprichoso e maleducado declarado que só busca retar ao adulto pola súa desconexión co currículo de estudo, chega un punto en que, antes de durmir, sobre todo se un dorme mal nos últimos tempos, pode acabar ás dúas da mañá seguindo dándolle voltas ao problema. Normal. A calquera lle ocorre que polo seu traballo perde o sono nalgún momento. O malo é cando un, entre durmindo e soñando, xa non sabe ben en que estado de conciencia se atopa, talvez atravesado pola forza que os medios lle confiren a determinadas noticias, comeza a darlle voltas que ten que buscar grupo para as Infantas de España. Non rían. Tal me pasou nun destes días que espertei ás 5 da mañá coa preocupación de que nolas mandaban para o noso instituto e tiña que lles buscar grupo en 1º da ESO. Non fai falla que me digan que é surrealista o soño, nin en soños habemos temer que as Infantas de España elixan xamais un centro público nas aforas da cidade para estudar a ESO – idade á que aínda non chegaron, claro está-, pero como a cabeza –nalgunha épocas peor- dá máis voltas ca unha buxaina, aí me teñen de madrugada buscando o mellor grupo para que as especiais estudantes non se sentisen rexeitadas, nin incómodas, nin maltratadas en grupo ningún. O primeiro que decidín foi mantelas xuntas. Para que cambialas? Pobres. Co desprazadas e soas que se poderían sentir, polo menos que se puidesen apoiar dentro da mesma aula. Logo, como todos somos iguais diante da lei e privilexios os mínimos, intentei atopar o grupo máis equilibrado. Despois de dúbidas e algún trasacordo optei polo grupo C. Creo que sería o mellor. Compartirían pupitre con un diagnosticado de trastorno xeneralizado de desenvolvemento, con tres xitanos, con dous marroquís, un chileno, tres repetidores, dous con claro trastorno de conduta e unha nena a tratamento por depresión severa. Pero polo demais, normal, os catorce alumnos restastes mostran interese polo estudo, a maioría teñen os pais no paro, pero é o que por desgraza toca neste momento, as familias ocúpanse e miran para que progresen nos estudos como garantía de igualdade de oportunidades en función do esforzo e saben comportarse con educación e amabilidade entre eles e cos adultos. E para máis vantaxes, contarían cun titor ao que todos os alumnos respectan por saber manter distancia, respecto e simpatía con seus pupilos sen esquecer a súa paixón por Wagner. Non creo que puidera atopar mellor grupo para elas. Espertei decidido: as Infantas, sen dúbida, para o grupo C. Pero que non se durman, temos os grupos moi numerosos e como non anden listas, xa será a comisión de escolarización a que as mande a onde lles toque, e aí, entenderano, eu xa non podo facer máis nada por elas. E síntoo. No grupo C creo que aprenderían moito.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.