sábado, 26 de octubre de 2013

O COCHEIRO DE TOLSTOI


CÓNTASE que cando Tolstoi necesitaba con urxencia desafogar, alugaba un coche para que o paseasen pola cidade. Durante ese tempo contaba o que quería e o pobre do cocheiro aguantaba sen dicir pío. Claro que por escoitar ao xenio que escribiu Anna Karenina, de vez en cando, tampouco esaxeremos, que xa se sabe como dexeneraron os seus últimos anos, compensaría ser o seu cocheiro. O malo é cando un ten que selo dun vulgar lareto que se cre comunicador de verdades fondas, ou dun lercho, ou dun simple imbécil. Mal oficio e triste o de aguantar coas urxencias de ególatras, caprichosos e malcriados... ou políticos que nos toman por bobos, porque un pode levar en carruaxe ou en taxi a moitos tipos de persoas, pero algunhas, só escoitadas as primeiras palabras, é preferible frear, invitalas a baixar, e perder a carreira. Os choromicas, os que non saen do lamento perpetuo, os que ven ao lonxe males aínda moito peores dos que virán, os que miran para o seu embigo e por riba te culpan de non lles facer caso, son malos de aguantar.
Claro que quen escribimos tamén corremos o perigo de caer en idéntico vicio. Aceptando humildemente que somos pobres escribidores, ás veces caemos na tentación de escribir en exceso de nós e as nosas pequeneces. Por adiantado pido que me desculpen, nada me gustaría menos que utilizalos para desafogos ou chorimicadas. Pero como nos últimos tempos non me andan as cousas ben no campo da saúde, por prudencia repasei por riba os últimos artigos neste e noutros medios e vexo que caio con frecuencia en enfermidades e hospitais. Non digo que non estea libre de caer na mesma pedra. O que un vive de maneira tan inesperada, tronzándote, situándote diante da vida e da morte a peito aberto, é difícil que non condicione os temas a elixir, mesmo o ritmo dos dedos tecleando. Por iso é probable que si, que sen morbo nin mágoa dun mesmo –prométoo–, nos próximos meses se atopen con letras tinguidas do medo, do cansazo, da dor e da angustia que produce saber dun golpe seco que a morte está ao axexo e asusta e aperta cando lle dá a gana. Pero non teman, a miña verdadeira intención, se algo falo de min, non será outra que facerlles o obsequio da experiencia que supón loitar por tódolos medios, sachando forzas se fai falla do fondo do inferno, para agarrarme (para agarrarnos) á grandeza de vivir. Nunca para que sexan os meus cocheiros.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.