sábado, 30 de noviembre de 2013

A INSOPORTABLE MARAÑA DA RIQUEZA


Levo algún tempo tratando de adquirir un criterio razoable e fundamentado sobre a riqueza pero xa lles adianto que non me dou aclarado. Por idade e formación, de inicio, o de ser rico, ricos coma porcos soa mal. Xa saben: é mais fácil que un camelo entre polo furado dunha agulla que un rico no Reino dos ceos. E claro, mamando dende pequechos das ensinanzas contraditorias do catolicismo, a un quédalle esa corrente subconsciente de que o da riqueza é asunto non grato nin beneficioso para o amaño deste mundo tan complexo e desamañado, sobre todo cando se correlaciona a riqueza de algúns coa pobreza e inxustiza de moitos. Máis cando se perde de vista este prexuízo, se observa a historia e non só desde o fito importante da influencia da cultura protestante, resultan evidentes as vantaxes de que homes e pobos loiten pola ambición de enriquecerse e mellorar.
Así situados, o máis simple e de sentido común, parecería animar a que por medios lícitos e honrados as persoas e os pobos se esforcen por ser ricos, pero a cambio de algo que parece compensación lóxica: que contribúan máis cos seus impostos para o beneficio do ben común. E aquí é onde se arma a insoportable maraña. O primeiro asunto a dilucidar preséntase á hora de decidir quen é rico. Que vara de medir utilizamos? A declaración da renda? Pésimo método para o cálculo. Sabido é que os verdadeiramente ricos non teñen o máis mínimo problema con este imposto. Ata lles pode saír a devolver. Se nos atemos a este criterio o único que faremos é castigar ás clases medias asalariadas, limpas, sen posibilidade de escape legal, que han contribuír de maneira desproporcionada moito máis que aqueles que realmente si teñen riqueza da de veras. Pero quen teñen riqueza de veras? Vostede coñece alguén rico que sexa unha persoa física? Onde aparecen de verdade os potentados é nas sociedades. Calquera que se eleva por enriba dos mortais en canto nivel de riqueza o que ten é unha maraña de sociedades administradas por expertos en leis e trampas ao seu servizo que son un auténtico enredo para dar co inicio do fío do novelo. De aí tantos miles de folios amoreados nos xulgados intentado seguir a ruta dos cartos sen o máis mínimo éxito. É un auténtico quebracabezas: a sociedade A, subdividida e B e B1, está entroncada coa C, que á súa vez depende da C1 e máis da D, sendo os titulares da A partícipes da D, pero a medias da B, nada da B1 e un 51% da C, co que o asunto soe acabar triturando as meninxes dos xuíces e os seus asesores económicos, quedando todo nun rebumbio de números segredos, contas legais en paraísos legais, infrinxindo regras mínimas que se aclaran cunha multa simbólica e o enredo das sociedades segue campando con solvencia e valentía por unha razón esencial: se nos buscades as caravillas temos moitos lugares para onde desprazar toda esta cantidade de riqueza e como a alguén se lle ocorra subirnos moito os impostos, xa sabe o que lle queda: as sociedades disólvense, quebran, os empregados van ao paro e aló vos entendades todos. É, segundo o dito, positivo escaravellar nas sociedades ricas para obrigalas a que realmente contribúan como deben co ben común? Os sindicatos disque eran, entre outras cousas, mecanismos de control para que isto non ocorrese e miren que axiña aprenden e como tamén se embarullan na tentadora maraña das sociedades. Existe ademais un factor incuestionable que dificulta toda tentativa: os mellores bufetes contan cos máis expertos en todo tipo de dereito para asesorar a estas sociedades; aqueles que crearon algún mecanismo para que as trampas esixan algo máis de sapiencia, acaban sendo contratados polos que en principio ían ser perseguidos. Co que, non é por ser pesimista, pero mal vexo esta saída. Se alguén pensa que señores como Botín ou Amancio Ortega son ricos de verdade, están errados: saltaron xa o listón, son máquinas perfectamente engraxadas por expertos económicos e en dereito que manteñen un novelo tan enredado de cruce de leis internacionais, fundacións benéficas, magnanimidade na creación de emprego e redes invisibles de traballadores espallados polo globo e investimentos tan difíciles de seguir que nin Marco Polo sería capaz de buscar o camiño desa ruta.
Chegados a este punto, o que me pregunto é algo no que me repito, pero do que non me dou apeado porque me parece que non ando errado de todo: existen ricos en realidade? Non será todo un invento para nos distraer aos que realmente temos a obriga insalvable de pagar cos nosos impostos aqueles servizos que os non existentes ricos non queren e saben como non pagar? O curioso é que cartos haber hainos, bancos expertos en ocultalos e distraelos tamén, persoas con niveis de vida tan groseiros que insultan bastantes, sociedades que acumulan bens patrimoniais case incontables dabondo. A pregunta, simple, seino, volve ao comezo: como se desenmaraña entón este novelo de que habendo ricos non os haxa para que paguen proporcionalmente moito máis que as clases medias que son as que sosteñen cos seus impostos o funcionamento do Estado? Para min que este é un misterio do que deberían ocuparse novos filósofos escolásticos, porque en realidade trátase de algo que existe e vemos as súas manifestacións, pero non poden contribuír porque non teñen esencia detectable, cuestión delicada onde as haxa.

PUBLIADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.