sábado, 24 de mayo de 2014

"EL VIEJITO" QUE DÁ QUE PENSAR

O corpo e a alma son misteriosos. Por máis que a neurobioloxía avance e acurrale as explicacións de moitas das nosas condutas, sempre quedan aspectos por desentrañar, currunchos nos que só o asombro e a curiosidade reinan despois de moito investigar. Non quixera poñerme como exemplo, porque un é raro dabondo coma para servir de modelo en nada, pero é curioso que durante a quimioterapia me entrase unha fobia radical diante da televisión. Nas noites máis duras de insomnio, nas que nin lectura nin nada me distraía, moitos compañeiros de sofá onde se nos inxectaban os velenos aconsellábame que ver bobadas de madrugada na televisión era un remedio dos menos malos para soportar o tempo que nunca se movía. Nin intentalo puiden. Ver os mandos a distancia producíame unha urticaria maligna que me avivaba o xenio e a rabia. Pasei os seis meses sen dar premido o mando. Agora, superada a época dos velenos en vea, non é que me chame moito, entre outras cousas porque nada hai que ver, pero fóiseme a fobia e podo acender o aparato sen padecer males maiores. Por iso un destes días elixín a entrevista de Évole a José Mujica, presidente do Uruguay. E gustoume. Sabía e escoitara algunha vez ao orixinal presidente do pequeno país, pero nunca tanto tempo seguido explicando a súa visión da vida, a coherencia que pretende e o talante que o goberna. Sorprendeume, non porque non soubese que vivía na súa casa de sempre, a maneira de recibir a un xornalista que viaxa de lonxe para entrevistalo. A sobriedade que comparto, non explica a case falta de respecto no xeito de se presentar diante do entrevistador e dos espectadores que o verían. Non creo que, como suxería algunha entrevistada polas rúas de Montevideo, sexa unha pose publicitaria esa xeito de vivir, coincido máis co presidente, 40 anos son moitos anos de pose publicitaria, pero desde logo é estraño ese abandono no vestir e na presentación en público. Vivir coma a maioría dos cidadáns do seus país e non coma as elites minoritarias, tal e como fan o resto dos presidentes mundiais, algúns de xeito tan groseiro e laxo que estarrece, non obriga a presentarse nun contorno tan descoidado e cunha vestimenta tan pouco apropiada. Vivir sobriamente non casa cun xeito tan desordenado, onde cans, galiñas, pantalón de deportes, zapatos sen calcetíns, táboas, caldeiros de pintura, todo mesturado sen concerto nin dirección, están máis cerca da falta de educación e abandono senil que da sobriedade exemplar que o presidente pretende predicar. En canto ao seu pensamento, con independencia da discusión profunda que merecerían moitos das ideas que manexa, merece a pena escoitalo e deixarnos aguilloar polas críticas e suxestións que moitos estudamos de mozos e, co tempo, talvez por acabar pensando como vivimos, fomos esquecendo ou deixando por non ser prácticas ou non estar de moda entre o pensamento dominante. As críticas que Mujica fai ao consumismo, á carencia de orixinalidade no resto do gobernantes mundiais, a dexeneración de Europa e a necesidade de unir política a humanismo, a felicidade, a igualdade, responsabilidade e boa vida, non son ideas menores. Nótase no pensamento do presidente uruguaio a reflexión de quen pasou sete anos sen poder ler, torturado co silencio e a soidade. Esa fortaleza que adquiren os que pasaron por situacións extremas, que saben o que os seres humanos somos capaces de resistir, que viviron no límite da loucura e souberon resistir. Coma Mandela, Mujica é home escaldado, que podería caer no escepticismo máis radical ou no odio máis vingativo, e, sen embargo, resiste coma un home de pensamento crítico, capaz de ver os seus propios defectos e contradicións, de pretender casar o soño co pragmatismo, realista coma para aceptar que tamén o seu goberno é servidor de intereses que non lle gustaría defender. Mostra por momentos clarividencia, seguridade de quen acepta que lle queda pouco desta vida pero pensa aproveitala ata o último goto, que soña cunha escola para que os adolescentes aprendan a realizar cousas coas súas mans, que no teme atentados nin calcula cada palabra ou pensamento en función do voto que pode ganar ou perder. Destila por veces unha sorna fina para nada incompatible coa fe no cambio da sociedade. Acepta con humildade o pouco que pode realizar de todo canto lle gustaría. Acaba sendo unha persoa coa que se podería falar ata quedar sen palabras ou argumentos, non se ve canso nin aburrido. Mantén o equilibrio suficiente para, no estado máis laico de América, defender a importancia institucional do catolicismo, á par coa lingua. En fin, unha entrevista que, para os que non a visen, lles aconsello vexan con ollo crítico e aberto. Nas preguntas realizadas na rúa polo entrevistador – non máis significativas que o que son- parece dar a entender que os cidadáns de Montevideo pensan que o seu presidente é un «viejito» afable e filósofo, que fai o que pode, pero que todo o seu mérito quedará reducido a tres leis vistosas (matrimonio entre homosexuais, aborto e marihuana) pero pouco máis. Un «viejito» ao que dá xenio escoitar a súa filosofía, pero incapaz de transformar o país. Non sei se esa percepción será correcta. O que si está claro é que «el viejito» está curtido, pretende ser coherente e dá que pensar. Isto , nos tempos que corren, xa é moito.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.