lunes, 24 de noviembre de 2014

GRANDES COMUNICADORES

Houbo tempos remotos nos que un informador que se prezase no se prestaba a realizar publicidade para ningunha empresa nin para ninguén, a non ser que se tratase dunha obra social ou de caridade. Diso xa hai moito. Agora será raro que un presentador, non digamos deportista ou persoa algo coñecida – o que parece máis aceptable-, non complemente os seus ingresos axudando a vender automóbiles, seguros de vida, traxes, teléfonos, pasta para os dentes ou sardiñas en lata. Será o signo dos tempos: débese aproveitar o momento, nada chega, canto máis tes, máis necesitas... Cada quen é libre, por suposto, e non se trata de exercer de xulgadores meticulosos, mais existe unha liña que non entendo ben como é que se pode traspasar sen que vendedores e informadores non se decaten do pouco estética que resulta tanta mesturanza. 
Pensen no comunicador ou comunicadora que máis lles satisfaga, nese programa de radio da mañá ou da tarde, dirixido por un afamado comunicador, pagado coma executivo do Ibex 35, que sen lle tremer a voz, nin tan sequera modulala para indicar que se produce un cambio na mensaxe, pasa de dirixir unha conversa sobre a actualidade a vender as bondades dunha determinada gasolina. Sen salto nin aviso previo, sen mediación, silencio nin nada que o diferencie, con tanta naturalidade que dá por entendido que a súa voz e prestixio serven o mesmo para a defensa da obxectividade e neutralidade que para publicitar a quen mellor lle pague. Así, con naturalidade. Pasan de informadores e intérpretes obxectivos da realidade, de críticos feros en moitos casos, de inquisidores nalgúns, pasan, digo, sen o máis mínimo reparo, a convencernos das enormes vantaxes de apuntarnos a un gabinete de avogados, a un seguro médico ou a que enchamos o depósito de gasolina co da refinería que  el publicita. Non soa estraño?
Caerían no detalle que non me estou a referir a xornalistas explotados, pobres, moitos deles amarrados a unha mesa aburrida coma oficinistas sen decisión, ou que deben prestar a súa voz a un tempo para dar as noticias locais e gravar cuñas publicitarias, despois de carreira con con alto nivel de esixencia para entrar e vocacións moitas veces alimentadas dende a adolescencia. Non, aos que me refiro son estrelas da comunicación, voces da radio e da televisión que adquiren un nome e prestixio, ás veces pola súa valía, outras non tanto, capaces de negociar cifras de escándalo coas cadeas que os contratan case coa fachenda de deportistas de elite. Directores de programas en tramos horarios de maior audiencia que basean as súas esixencias económicas precisamente no poder de convocatoria da súa voz, crítica, intelixencia, agudeza ou simpatía para reter aos oíntes e así atraer publicidade para o medio. Non lles debería abondar con iso?
Parece que non. Como xa indiquei, a parte aínda se permiten gravar spots publicitarios para grandes almacéns, bancos, supermercados ou quen lles pague, nas linguas que faga falla. E, xa no límite da elegancia, préstanse sen miga de vergonza – a razón instrumental serve para xustificar todo o que nos apetece, sobre todo se vai no noso favor- a coser entrevistas con políticos, científicos ou artistas varios co touciño da publicidade que eles mesmos promocionan, confundindo ao oínte coa tentación de que crea que a fiabilidade e validez da información e da publicidade van en idéntico lote, co mesmo personaxe, en idéntico ton de voz, dicción e simpatía. Unha mesturanza que pode resultar efectiva para o anunciante, pero que entendo debera causar urticaria no comunicador que se presta a tal amoado. 
No colmo da agresividade publicitaria escoitei nunha radio non hai moito unha clínica de fertilidade que vendía a categoría dos seus tratamentos asegurando que á muller que non quedase preñada devolvíalle os cartos, coma se dun deterxente para lavadora se tratase. Menos mal que o descarado anuncio respondía á gravación dunha axencia que se vería obrigada a contratar voces anónimas de locutores e locutoras con necesidade des sobrevivir. Mais cando regresou ao micrófono a famosa comunicadora que dirixe o programa da tarde desa cadea de emisoras, acordoume o tempo que necesitaremos para que desaparezan as cuñas e sexa ela coa súa voz a que nos venda as bondades desa clínica. Porque está claro que se comeza dando voz a grandes bancos, empresas de gas, eléctricas e refinerías, coma se ao ser tan importantes os anunciantes non se rebaixase o anunciador, pero verán como en calquera momento, e non por necesidade económica precisamente, senón porque é signo dos tempos, eses grandes comunicadores, repartidores do ben e do mal, salvadores case nalgún caso, formadores de opinión, non lles doen prendas por prestar imaxe e voz para dar publicidade a calquera empresa de dubidosa intención ou claramente estafadora. É un simple paréntese. Logo continúa a información, o serio, a obxectividade 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.