jueves, 6 de noviembre de 2014

POR QUE SABEN QUE NON PODEMOS?

Non me estraña que os partidos escleróticos teman a Pablo Iglesias. Imaxinar a Rajoy ou Pedro Sánchez, non digamos a Cayo Lara, debatendo con el explica por que os atemoriza: liquidaríaos sen piedade. Porque é mellor orador, porque cre máis no que di, a pesar de que maiormente xogue con elementos utópicos, porque conecta co sentir maioritario de cidadáns alporizados, porque aparenta formado e honrado, porque demostra educación, porque sabe escoitar, porque está afeito a someterse a mil trampas, porque foi listo aceptando discutir cos máis rabiosos detractores, porque arrinca de verdades simples e incuestionables, porque é demoledor sen despeitearse e porque, en definitiva, é moito mellor comunicador – non sei se político- ca eles. Así pois, que os políticos o teman, que traten de desprestixialo, ignoralo ou mergullalo canto antes, non me sorprende. O que non acabo de entender é como analistas e politólogos, escribidores e formadores de opinión, agás contadas firmas e medios, coinciden en tratalo como un ignorante atrevido que levaría ao país ao desastre inmediato. Non serei eu crédulo nin afervoado defensor da súa causa así como así. Podo garantirlles que idéntico espírito crítico que me move cara os por el chamados da casta non se abranda diante da súa coleta. A modo de aperitivo, só resaltar que na magnífica entrevista realizada por Évole – con reflexos, directo, duro, sen caramelo- , Iglesias demostrou unha debilidade en cuestións económicas preocupante e por norma elude incluír entre os da casta aos partidos nacionalistas, defectos que, como non atalle axiña, o meterán nun xardín con difícil saída. Aínda así, demostrou o que de sobra espallou por canta cadea tivo a ben invitalo aos seus debates: valentía, elocuencia, serenidade, sinceridade, educación, nivel mínimo de formación. Características todas que os actuais políticos non soen amosar. Por iso digo que non entendo a feroz campaña desatada contra el por parte de analistas cando pouco é o que imos sabendo do seu programa e nada sobre a súa eficacia como xestor. Adiantarse de tal maneira como visionarios antóllaseme prexuízo máis que análise. 
Como é que todos os que nin por asomo previron a crise do 2008 nin saben agora prognosticar cando dela sairemos, a golpe de filtración van albiscando e cambiando de rumbo, poden descubrir a ciencia certa que Iglesias actuará coma un Maduro bolivariano inmaturo, un Evo  cocalero, un Correa ecuatoriano na España do 2015? Como, digo os analistas, non os políticos, xa sabemos que estes si teñen razóns para tremer , poden machacar a alguén que está construíndo o partido dende a base como non se construíra ningún ata agora? A que criticalo por asembleario por consultar ás bases (porque é democrático) e de ser casta por querer organizarse (por ser pragmático)? Por que ese empeño en repetir que non expón nin unha idea cando debate tras debate, diante de ninguén se arreda, demostra ser capaz coa súa dialéctica de poñer nerviosos e desarmar aos contrincantes? A santo de que ridiculizalo como líder se calquera admite que sen un bo líder non é posible ganar unhas eleccións? É ou non é bo líder? Comunica ben ou mal? Consulta ás bases e somete as súas ideas ao voto de 120.000 cidadáns ou resulta elixido a dedo por Aznar? Debate o seu incipiente programa en público ou agóchao? Somete a revisión os mecanismos de control do partido ou non? É populista, din uns, antisistema outros. Populista por conectar coa amargura de millóns de cidadáns que se senten tratados coma imbéciles, por resaltar que existen desigualdades pornográficas que dan noxo? Antisistema por dicir ás claras de lado de quen está? Como é que tanto analista chegou á certeza que non é posible transformar o xeito de facer política? Como se explica que tantos coñezan tan ben o futuro e anuncien catástrofes sen fin? Por que tanto empeño en matar de raíz o xermolo dunha forza que ilusiona e atrae á mocidade ao compromiso político? 
Claro que é un proxecto indefinido, fráxil, con lagoas evidentes. Claro que vive da euforia da iniciación, esa que dá pé a pensar que os limpos e xenerosos só medran no noso bando, a corrupción e a maldade habitan fóra; a que invita a sacralizar iso chamdo “la gente”; a que anima ao axuste de contas pola rabia acumulada; a que se alimenta dos soños mentres a necesidade da acción non obriga a mancharse coa ferruxe de cada decisión; a que insiste nas ideas simples con éxito, sen afondar nas complexas que tanto rompen a cabeza e as fantasías... Claro que é Podemos un partido con interrogantes, con defectos visibles, ao que o agardan caídas á volta da esquina. E que? Non teñen dereito a irse modelando, a moderarse no contacto coa realidade, a aprender andando, a ir perfilando un programa á vista de todos? Entendo que os rivais treman e utilicen tódalas armas para desactivar a quen os está deixando en evidencia. Entendo que esteamos atentos e críticos co nacemento deste novo partido, ninguén debe salvarse da vixilancia e escrutinio severo, para que a democracia funcione ha ser así. Pero que se intente tronzar de raíz e con argumentos falaces un proxecto de renovación cando por todas partes se suplica renovación, non me cadra. 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.