martes, 31 de mayo de 2011

O ÉXITO DE BOLAÑO EN EEUU

O propio Bolaño di en 2666 que nos EEUU gustan dos escritores desaparecidos (ou millonarios) ou da lenda dos escritores desaparecidos. O axente literario Guillermo Schavelzon di hoxe nunha entrevista dixital  que a verdadeira causante do éxito do autor de Los detectives salvajes foi Ophra Winfrey ao dedicarlle un programa a un escritor desaparecido prematuramente. Calquera sabe o motivo do éxito... O que si se coñece é ao escritor que escribe porque lle vai a vida no que realiza. 

MIRANDO A ISLANDIA


VERÍA BORGES NA SÚA CEGUEIRA QUE A SAÍDA ESTABA EN ISLANDIA E POR ISO A ESTUDOU TANTO?

domingo, 29 de mayo de 2011

SCHUBERT/QUASTHOFF

A QUASTHOFF NON O ACEPTARON NO CONSERVATORIO POLA SÚA DISCAPCIDADE FÍSICA. A TALIDOMIDA FOI CRUEL COA NAI E CON EL, PERO CANDO A DIVINIDADE ESTÁ DENTRO DUN, NON HAI VELENO QUE A MATE. 

MELODY GARDOT


A PARTIR DUNHA DETERMINADA IDADE - NON CONVÉN AGARDAR MOITO-, O MELLOR É ESCOITAR E APRENDER DOS FILLOS. ONTE, MENTRES O BARÇA CONQUISTABA A GLORIA, PABLO DESCUBRIUME ESTA ORIXINAL E MAGNÍFICA VOZ.

sábado, 28 de mayo de 2011

VIAXANDO CON CLAPTON


Eu dixéralles de Eric Clapton a eles, claro, pero escoitei por primeira vez esta canción conducindo. A cinta - daquela eran cintas- quixeran os meus fillos Pablo  e David, que ían sentados detrás,  que a puxese. Acórdame que Pablo explicárame o motivo da composición . Desde aquela, nunca me farto de escoitala.

AUGA FRÍA SOBRE A INDIGNACIÓN

Tal coma se a un litro de viño lle botaramos un caldeiro de auga, ben fría, así de rebaixado percibo que irá quedando o grao de indignación que se estendía polas prazas de España. Non porque se desinchen nin porque afrouxen nas súas peticións os indignados – que tamén, que a constancia na loita é dura-, senón porque despois de que o pobo soberano e sempre con razón falase, aí temos ao PP disposto a recoller a desfeita do PSOE para confirmar que é ben certo que se non queres caldo, dúas cuncas. O asunto xa empezara a coller forma cando recoñecidos analistas tacharon estas protestas de fume de leña verde, infantilismos e simplezas que o reducen todo a políticos corruptos, banqueiros cobizosos e utopías xuvenís , fantasías de hoxe e de onte para os que non as deron cumprido e se senten frustrados. Vamos: asunto dos can- frauta, cinco mozos en paro, dous vellos chochos (tres: Hessel, Sampedro e Navarro) e catro adultos resentidos que seguen soñando con un mundo mellor (imposible) simplemente porque non “triunfaron” cos parámetros por eles establecidos do que é triunfar nesta sociedade. O expertos, serios e desprezativos analistas coinciden sempre en desprestixiar de inmediato toda crítica ao miolo do sistema: unha escala de valores na que é máis importe producir cousas inútiles e mortais para crear riqueza mal repartida, que afanarse por crear e investigar e investir en vida digna, solidaria e limpa. Ao achegarnos a este carozo esencial, de inmediato os pragmáticos sentencian que sen os efectos secundarios da ambición seguiriamos no mesolítico, que sen competencia fera isto sería un enxame de vagos vivindo á costa dos laboriosos e que todo está descuberto neste mundo: sempre haberá traballadores e lacazáns, ricos e pobres, malos e bos, e que quen quere troitas ha de mollar o cu. E, por desgraza, intelixencia, interese, riqueza e ambición van da man do progreso e non se compadecen de conainas que dan a lata coa necesidade de máis igualdade, bondade, beleza e razón ben apegadas. Por iso a estes realistas e experimentados resabidos parécenlle estupideces que fan rir as pancartas nas que se reflicte a rabia e tristeza ao ver que para que unha minoría de endeusados amos do mundo continúe gozando da súa egolatría clasista e dando gusto aos seus frívolos e estúpidos caprichos, levan ao paro e a unha vida sen futuro a millóns de persoas. Porque non é tan simple, din. Todo é moito máis complexo. Eles son os donos do saber, eles planifican e controlan, por iso determinan que tocarlle ao máis pequecho dos seus privilexios é pura demagoxia, infantilismo intelectual que produce máis pobreza e dor. E se con todos estes argumentos aínda alguén rebulise: zas!, sacan do sombreiro a Stalin, Mao e Fidel e boca pechada, que iso si foi pobreza, suplicio e mala vida, o que, por desgraza, non deixa de ser certo. Pero é que agora, ademais, por se coa teoría non estabamos convencidos, ao cambiar o vermello socialista de pacotilla de Zapatero polo azul incorrupto de Rajoy, é moi probable que a indignación se calme e volva ao colchón da mamá boa e grande. Porque algo si é certo: para contentar aos que pretenden que nada cambie ninguén mellor que os da corda máis achegada. Enténdense mellor. Coñecen e dominan claves sutís que combinan sen demasiada protesta a continuidade no aumento dos privilexios da caste dominante a cambio de ir dosificando con habilidade a cantidade de narcótico necesaria para que non cheguen os malos olores á porta da casa. Por iso ás veces é máis sabia a dereita manexando os tempos e doses necesarios para que a indignación se aplaque, os ánimos se calmen, aínda que, como non pode ser doutro xeito, o tren siga na mesma vía, en idéntico sentido da marcha, con velocidade idéntica. Un tren que, mentres non descarrile, pode facer crer, ás veces baixo os maquinistas do PSOE outras do PP – sempre ben muxidos polas dereitas vascas e catalanas-, que imos na dirección correcta. Se o miran ben, os dous partidos que compiten por repetir idénticos erros non se cansan de intentar convencernos de dúas verdades incontestables, serias, científicas e rigorosas, non infantís coma as simplezas dos indignados: que isto vai cambiar e que estamos conquistando o futuro. Os indignados piden imposibles e ridiculeces como que os bancos non sexan tan ponográficamente usureiros, que a lei electoral represente mellor ao cidadán, que os políticos corruptos non sigan facendo da política a súa profesión, que o obxectivo sexa a persoa e non o beneficio e que non se programe bazofia permanentemente para aloular á poboación.. Simplezas. Os realistas, os que teñen os pés na terra e aplacarán este estado primaveral de indignación prometen asuntos de peso: cambio (para seguir na mesma dirección) e futuro (para unha minoría), seriedade e sentido común, o que realmente lle interesa á xente (a algunha), como gusta repetir Rajoy, un MacGuffin que nos entreterá outra temporadiña.

martes, 24 de mayo de 2011

sábado, 21 de mayo de 2011

BACH/CASALS


Para que dicir nada? Abrir a pel, a alma, e deixarse penetrar ata o medio do ser deste zoar cheo e vibrante. E calar. Non dicir nada.

INDIGNADOS E CON RAZÓN

O estraño é que non esbourase antes o descontento, a frustración e a rabia. En Grecia, Portugal e Reino Unido xa se adiantaran as protestas da mocidade, cos resultados por todos coñecidos: en Grecia seguen asfixiando á poboación, en Portugal firman a solicitude de asfixia e no Reino Unido, imperturbables, toman as medidas de prevención contra a asfixia asfixiando coma quen non quere a cousa. En España, sen respiro, como arredor dun 45% dos mozos están en paro, debe ser, como escribiu Daniel Serrano, que cansaron de se aburrir e decidiron protestar. Polo menos protestar. Porque inicialmente isto é máis que nada unha protesta, unha catarse, unha queixa de quen nada ten que perder. De mozos fundamentalmente, claro. Protesta pouco definida, utópica, asemblearia, difusa, incerta. Pero fundada. Perfectamente entendible. Fíxense se será entendible que ata representantes da banca e da alta empresa, políticos de dereita e de esquerda, eses mesmos aos que critican, amosan a súa comprensión ante o fenómeno. Será porque cren que durará os días dunha rabecha infantil ou porque sospeitan que non se darán organizado e concretado a súa indignación en medidas e vehículos de esixencia que os zarandeen das súas cómodas cadeiras? Os feitos parecen confirmar que todo pode quedar en auga de bacallau. Unhas noites de concentración, de arrimo necesario para se saber capaces de algo, de protagonismo efémero sen a máis mínima repercusión na cadea de inercias que dirixe esta democracia cansa e desnortada. Os seus predecesores gregos, portugueses e británicos na rabia non parece que se deran organizado de maneira eficaz e, ás probas me remito, as esixencias(chantaxe) de recortes para que paguen a crise os traballadores seguen apertando o pescozo de funcionarios, parados e mozos, cunha sede de sangue tan insaciable como a desas películas de vampiros coas que tanto entreteñen aos adolescentes aos que non parece que lles quede outro porvir que reunirse nas prazas das cidades con pancartas. Talvez por esta constatación a ninguén parece inquietar demasiado esta revolta de maio, coma se fose unha distracción máis apegada ao escándalo de DSK en USA, coma un requisito simpático no medio destas campañas rituais e amorfas dunha democracia tan pouco estimulante. Mais non existe garantía de que o fenómeno vaia responder a estas previsións. Haberá que estar atentos. Por descontado que buscar algunha similitude ou contaxio coa revoltas doutros lares está fóra de razón, as circunstancias son tan dispares que non resisten comparación algunha. Pero tampouco conviría esquecer que os movementos de transformación comezan así: por fastío e rabia. E que no seu inicio son utópicos, indefinidos, con máis claridade naquelo que se rexeita que sobre as propostas de construción. Ninguén se atreve a prognosticar cal será a evolución desta protesta centrada en esixir democracia real xa, pero se callase, se aparecesen propostas ben articuladas e líderes con presenza, talvez se sentasen os cimentos dunha renovada socialdemocracia completamente perdida e fracasada neste comezo de século. Sobran motivos para a indignación, agora só fai falla construír unha polea madura, reflexiva e realista que renove e transforme este sistema que invita de maneira descarada a estar contra el.

jueves, 19 de mayo de 2011

SENTEN. VAN MORRISON


ANTES DE QUE CHEGUE A NOITE. SILENCIO. APAGA AS LUCES. PECHA OS OLLOS. ESCOITA.

miércoles, 18 de mayo de 2011

CUNQUEIRO/PRADA

Dicía hai algunhas semanas Víctor Freixanes - aínda non leron  Cabalo de ouros?-  na súa colaboración de La Voz de Galicia, que talvez un dos mellores traballos de Amancio Prada foi o que lle dedicou á poesía de Cunqueiro. Poida que si. 

COCIDO CELESTIAL

(Cando releo este artigo, moito lamento que xa estea de volta con nós o Sr. Vázquez sen cumprir na súa plenitude aquel meu sincero desexo) 




Só a Francisco Vázquez, ex alcalde da Coruña, tan provinciano socialista como católico universal, agora enviado por Zapatero como embaixador diante da Santa Sede, se lle podería ocorrer idea tan luminosa: invitar as principais autoridades dos dicasterios da curia a comer un auténtico cocido de Lalín. Non se lle deu, non, por convidar a tan preclaras figuras principais a probar uns mexillóns de Lorbé, unha empanada de zamburiñas ou uns percebes de Cedeira. A ocasión esixía calorías abundantes, contundencia na fartura: chourizo, grelos, cachola, touciño, garavanzos, fociño, orella. Algo de verdura, moita carne, non en van foron de sempre os pecados contra ela, contra carne, os que máis quebrantos lle levantaron ás cabezas de tan eminentes gobernantes. E xa se sabe: nada vacina coma o veleno ó que se desexa combater. Dado que ó embaixador non se lle escapa detalle, a comida non sería en venres.
Se por algo a un lle queda pena ó non ter prosperado na carreira eclesiástica é por perderse ocasións coma esta. O que non daría por acompañar, entre o alcalde de Lalín e o embaixador coruñés, a cardeais, bispos e monseñores en tan opípara pitanza. ¿Desexa que lle sirva máis orella, eminencia?, preguntarían os servidores ó encargado da Congregación para a Doutrina da Fe. ¿Outro chourizo, monseñor? ¿Á súa excelencia non lle gustou o lacón? ¿Unha miguiña de touciño, sr. Presidente do Consello pontificio para as comunicacións sociais? ¿Quere o sr. Presidente do Tribunal da Rota que lle sirva  outros poucos grelos? Así mentres o viño non correse e a afabilidade do embaixador non se impuxese invitando a todos a gozar santamente de manxares tan autóctonos e contrastados, como ben seguro corroboraría o sr. Alcalde. Neste punto, as  conversas ataríanse ás necesidades terreais e comprobaríase unha vez máis que os dirixentes, tanto eclesiásticos como laicos, son humanos de verdade e, polo tanto, sen posibilidade de fuxir ás tentacións do diaño, que haber haino. Rematada a sobremesa, reflexivo na soidade da incipiente depresión despois da euforia gastronómica, é probable que ó sr. Embaixador lle entrase un pico de insatisfacción. Faltou o Papa. Haberá que mellorar na diplomacia. O obxectivo queda marcado: para o próximo convite haberá de participar Súa Santidade. E así, moneando nun sofá reliquia, canso polo esforzo de congregar tan ilustres comensais arredor do porco, soñará o sr. Embaixador co próximo cocido, que xa sería celestial.
 

A LIMPADORA

Coincido con Gay Talese: a verdadeira protagonista da historia  é  a limpadora que o denunciou, non o presidente do FMI. Se é vítima, sen dúbida. E se, polo que sexa, non o fose tanto, tamén. De tódalas maneiras, recomendo para clarificar todo isto ver The good wife

POR QUE LLE DICIMOS LIBERDADE SE É DESAMPARO?

Marc Augé presenta un panorama segundo o cal camiñamos cara unha aristocracia planetaria. Nese futuro por el pensado habería tres estratos ben diferenciados. No primeiro, os aristócratas serían os donos do coñecemento. O coñecemento tende a concentrarse e arredor del o poder e o capital. Si, hai países aristócratas, pero sobre todo será un grupo global, enraizado en distintas cidades, París, Shanghai, Nova Iork, Londres, onde, indistintamente se vive, negocia, se pagan impostos ou se dirixe unha investigación, unha inversión ou se asiste á ópera. Tal e como defende Saskia Sassen, as clases altas son cosmopolitas, globais cando queren, por que se van a limitar a investir, vivir ou relacionarse nun só estado? Por suposto que hai países aristócratas. USA non admite discusión, e non tanto pola súa potencia de armamento, que tamén, senón, sobre todo, polo poder do seu orzamento en investigación, que supera ao de todos os países europeos xuntos. Arredor da ciencia acaba sempre o poder. E o capital. Para algúns é máis preocupante a desigualdade que se produce entre o acceso ao coñecemento que entre países ricos e pobres, mais eu non a creo, pois sempre, ata agora, coñecemento, poder e riqueza foron indisolublemente unidos. O segundo estrato desta configuración do mundo estará formada pola inmensa masa de consumidores pasivos de imaxes e mensaxes. Esa masa vive na ilusión da liberdade, algo no que a aristocracia está especialmente interesada: en facer crer a esa masa que é libre. Dálle mandos a distancia para que pase dun canal de televisión a outro para ver o mesmo, permítelle que manifeste a súa opinión en internet como se a tivese, a maioría das veces non é opinión nin nada que se lle pareza, e cando o é, resulta inútil, non conta absolutamente para nada, cumpre máis ben unha función liberadora, evasiva, de engano comunitario, baixo a cal pensan que pensan cando só reproducen o que lles interesa aos que realmente pensan. Esta inmensa masa pasiva cumpre á perfección o modelo pantalla: esa cultura na que o centro da vida está na pantalla, pantalla da televisión, do ordenador, do móbil, de tódolos trebellos tecnolóxicos que nos permiten saír de nós mesmos, que nos arredan de espacios onde non existen relacións sociais, para deixarnos na entrada do que Augé chama Non Lugares, espacios onde non existe pasado común entre os que o frecuentan. (aeroportos, centros comerciais, multicines, parques temáticos), zonas onde a masa, guiada pala pantalla, saen de si para estar fóra de onde se está. É dicir: para non estar en ningunha parte. Ou, cando existe unha clase media forte, se refuxia en reaccións identitarias de tipo relixioso ou nacionalista, se pegar nacionalismo a relixioso non fose un pleonasmo. Instalados nesta democracia esquizofrénica, a masa peterrea coma se contase, coma se fose libre, cando non vive máis que nunha mera ilusión. Queda, por último, o estrato final, aquel que nin acceso ten ao consumo. Os desherdados. Aqueles que pelexan por incorporarse á ilusión da liberdade. Son estes tamén, case sempre, cosmopolitas, pois pretenden, onde sexa, incorporarse a esa ilusión de ser e de estar en algures. En calquera destes tres bloques existe un termino máxico, talismán, esixido por uns, utilizado como bandeira por outros: Liberdade. Os aristócratas proclaman o seu éxito grazas á liberdade. A masa consumidora refúxiase no engano de ser libre. Os desherdados pelexan e morren por alcanzar tal privilexio. Líbreme calquera deus de dicir algo contra da liberdade. Libre quérote, libre busco, libre penso, libro me expreso, libre me movo e desexo que se movan. O que me molesta e me irrita é cando nos venden o engado e nos camuflan de contrabando unha liberdade de opinión, de mercado, de residencia, de decisión política que non é máis nada ca un camelo, un badoco engano. Porque, deixémonos de monadas e admitámolo, a meirande parte dos sacrificios que nos venden como pago pola liberdade non serven nin por asomo para tapar o profundo desamparo no que nos obriga a vivir este tipo de nova aristocracia planetaria. Non é a esencia deste sistema a liberdade, non, éo un desolador desamparo.

miércoles, 11 de mayo de 2011

NINGUÉN NACE APRENDIDO

Non é, como puideramos crer por mal mirar para Rousseau, que nazamos cándidos, bos, sen mácula, para logo a sociedade irnos maleando. Ao contrario. Ninguén nace xeneroso, nin respectuoso, nin sensible, nin piadoso, nin bo, nin valente. Como explica Héctor Abad Faciolince na súa tan intelixente como tenra obra El olvido que seremos: "gracias a la benéfica influencia de mi padre, he podido ser un malo que no ejerce, un cobarde que se sobrepone con el esfuerzo a su cobardía y un avaro que domina su avaricia". Pois iso: haberá que empeñarse en saber qué queremos ensinar, qué queremos aprender.

PHILIP ROTH NON LEU A QUEIRUGA

Deduzo, despois da lectura de Némesis , a última  novela (bastante plana) de Philip Roth, que non leu a Torres Queiruga. Se lera o último libro sobre o mal do pensador de Aguiño, seguro que o protagonista que padece o mal da polio, Bucky Cantor, non descargaría con tanta amargura paralizante toda a súa desgraza nun deus causante. Evolucionados ata un pensamento capaz de entender o mundo coas súas propias leis autónomas, carece de sentido buscar de maneira infantil a culpa das contradiccións deste mundo fóra del, nun deus que se non o precisamos para entendernos, para que o utilizamos como causa das miserias dun mundo que ou é con mal ou non é? Con todo, aínda sen ler a Queiruga - supoño-, Roth aproveita o último capítulo para abeirar a Cantor na súa inmatura contradicción. 
As páxinas máis logradas parecéronma aquelas - as finais- nas que describe con minuciosa precisión, talvez cun certo vento homérico, a vitalidade que se desprende no atleta que executa os movimentos en perfecta harmonía.

lunes, 9 de mayo de 2011

CASUAL OU CAUSAL?

¿Es el mal casual o causal? Si es causal, podemos luchar contra él, es difícil de derrotar pero hay una posiblidad, más o menos como dos boxeadores del mismo peso. Si es casual, por el contrario, estamos jodidos. Que Dios, si existe, nos pille confesados. Y a eso se resume todo.

Abel Romero. Café El Alsaciano. 
Los detectives salvajes.Roberto Bolaño. 

DÚAS PREGUNTAS BOBAS

1. CANTO LLE HAI QUE PAGAR A UN BANQUEIRO PARA QUE SE SINTA BEN RETRIBUÍDO?

2. CANTO DEBE COBRAR UN POLÍTICO CORRUPTO PARA NON TER A TENTACIÓN DE   ROUBAR?

MALA MEMORIA

Non me dou acordado de quen foi o que dixo: Se en 1943 a economía estadounidense foi capaz de se reconverter en poucas semanas ao servizo da guerra, non podemos facelo agora en favor da austeridade, do emprego e do reparto do que existe?

NA ILLA DAS ESCULTURAS

 
MÚSICA PARA PASEAR POLA ILLA DAS ESCULTURAS DE PONTEVEDRA. O SOFÁ DE GRANITO DE LEIRO FLOTA NO LÉREZ.

GLUCK/BERGANZA

Poucas voces lle acaen tan ben a Gluck como a de Teresa Berganza.

domingo, 8 de mayo de 2011

A MAXIA DE ATENDER

SENTÍN ben non poder asistir ao congreso que se celebrou na illa de San Simón sobre maxia e neurociencia. Hai algún tempo que sigo con interese os pasos da galega Susana Martínez-Conde, directora dun equipo de investigación en Foenix, porque a súa intención de conectar o saber artístico dos magos coas súas correspondentes leis neurolóxicas paréceme orixinal e de grande utilidade. Martínez-Conde foi para EEUU atraída por Hubel, recoñecida autoridade científica (curioso: outro grande investigador galego en EEUU, José M. Alonso López, comezou a súa formación á beira de Wiesel, quen compartiu con Hubel o Nobel do 81 polas súas investigacións sobre a percepción visual no nivel cortical), para máis tarde crear o seu propio laboratorio no que se mesturan as últimas técnicas para lograr evidencias experimentais con pintores, magos e carteiristas.
Aviva esta orixinal liña de investigación en Martínez-Conde a idea de que se fose capaz de comprender os mecanismos da manipulación, as habilidades para manexar a atención dos magos sobre o espectador, andaría cerca de chegar ás bases neuronais da consciencia. Para iso pasa horas nas Vegas dialogando cos mellores magos despois dos seus espectáculos, realiza congresos por todo o mundo con eles e publica investigacións nas que vai demostrando como a cegueira ao cambio ou por desatención nos impiden ver o que deberiamos ver sen inconveniente; como o noso foco de atención está dominado polo máis iluminado; como ignoramos e nos distraemos en base a diálogos internos que nos despistan; como pola atención conxunta, onde miran os demais, se non somos autistas, miramos todos...; como, incluso, reconstruímos erroneamente aquilo que nos parece lembrar ou, apoiando a consistencia cognoscitiva, pola cegueira á elección inventamos unha razón coherente para unha elección trucada. Os que traballamos no campo educativo -e calquera- vemos inmediatamente a utilidade desta investigación. Non só os estudantes con problemas de déficit por atención e hiperactividade se beneficiarían no coñecemento destes mecanismos. Calquera que desexa aprender sabe das dificultades da atención, das trampas da dispersión e da cegueira que nos invade no proceso de aprendizaxe. Coñecer e dominar a maxia da atención sería unha ferramenta valiosísima para que o aprendiz saiba dirixir voluntariamente a súa atención, aprenda a concentrarse e reciba os estímulos principais. E non digamos para o profesor, os descubrimentos de Martínez-Conde e as habilidades dos mellores magos non son hoxe suficientes para conducir algunha clase.

UN TIRO NAS PELOTAS

Espertei hoxe coma se toda a noite estivese soñando con Amedo, Domínguez e Garzón, que se cadra estiven. De Garzón xa sei que non se esqueceron grazas ao afán xusticeiro do xuíz Varela, pero de Amedo e Domínguez, especialmente se conto coa fortuna de ter entre os meus lectores algún que sexa novo, poida que non lles diga nada o nome de tales personaxes. Avívolles a memoria: Amedo e Domínguez eran dous policías encargados da guerra sucia contra a ETA que, arrepentidos, resentidos, tentados, protexidos, pagados, declararon diante do xuíz Garzón para sentar diante da xustiza aos responsables (a algúns) dos GAL, trama ideada desde o goberno para acabar con malas artes (boas pensaban algúns) coa ETA. A intención daquela banda (os GAL), ideada, pagada e controlada desde o Estado estaba clara: acabar cos terroristas perversos utilizando calquera método, mesmo o dos propios terroristas. A intención do xuíz Garzón, servíndose de Amedo e Domínguez e de todos os medios de comunicación, moitos, paréceme, máis interesados en acabar con Gozález que en velar pola pureza democrática, era defender o principio de que non serven medios ilícitos, que contradigan a lei, por máis que os fins sexan moi desexables. O resultado de toda aquela mala época xa a coñecen: moitos dos responsables daquel terrorismo de Estado acabaron sendo condenados, o máximo responsable quedou oculto detrás dunha X indescifrable, aínda que moitos puxéronlle nome, e Felipe González acabou por abandonar o poder. E Pedro J. Ramírez e outros especialmente motivados ata a saña para facer prevalecer o estado de dereito, celebraron coma un enorme éxito a dobre campaña mesturada de vixilancia democrática e acoso a quen non gustaba que os votos o elixisen unha e outra vez. Talvez hoxe espertei dándolle voltas a este período triste da nosa historia recente porque onte quedei tocado pola contundencia exhibida por un daqueles apaixonados defensores da lei. Refírome a Alfonso Rojo que comezaba os eu artigo nun diario madrileño, católico e monárquico para máis datos, con estas palabras: “Yo también siento que a Bin Laden le dieran un balazo en el pecho y lo remataran con otro en la cabeza. Y lo siento, porque antes le tenían que haber pegado un tiro en las pelotas.” Logo continúa argumentando, para xustificar apertura tan explosiva, sobre qué outra resposta merecería quen foi responsable dos atentados de Nova York, Madrid, Bali, etc. Recollo o argumento de Rojo non por único, simplemente por estar desprovisto de eufemismos e disimulos nos que se perden outros moitos que, como diría o articulista, levándose de mamonadas, non lle chaman ao pan pan e ao viño, viño. A esencia desta defensa non esixe demasiada eséxese: hai circunstancias, que todos entendemos, como diría Zapatero, nas que é lóxico e admisible e desexable e digno de condecoración que usemos a lei do ollo por ollo, dente por dente. Así parece aceptarse a nivel internacional. E a comprensión parece xustificable, loable, obrigada. Non sei se cerca de Obama haberá algún Garzón resentido por non telo feito ministro, se saltará algún Amedo ou Domínguez disposto a cantar as trapalladas que con todo amparo realizaban nas súas misións detrás dos malfeitores. Habería, tamén, que ver ata onde estarían dispostos os republicanos dos EEUU e a prensa para aplicarlle o torniquete ao presidente demócrata. É probable que o espírito de defensa nacional se antepoña e polos lares do Tío Tom e non prosperen operacións de limpeza democrática. O que está claro é que por aquí, salvando as distancias e diferenzas evidentes, moitos dos que na época de Garzón, Amedo e Domínguez demostraron unha pureza elevadísima de esixencia da aplicación da lei, agora están máis , antes de rematar ao perverso criminal, por pegarlle un tiro nas pelotas.

O PREZO DA VIVENDA EN PAKISTÁN

Padecemos aquí a enorme desfeita inmobiliaria... Miren para Pakistán. Polo menos aquí cando falamos dunha casa dun millón de euros sabemos do que falamos, pero en Pakistán, á vista da información coa que nos están entretendo os Asustados Unidos de América, os prezos son escándalo. Resumindo: que non hai que ser un lince en inversións para saber que pola casa de Bin Laden ninguén daría un millón de euros, nin de dólares, nin de palla, aínda que estivese completamente empapado en Albariño.

viernes, 6 de mayo de 2011

CHEGADA A EUROPA (3)

Aquel verán servía cervexa no Hotel de la Gare de Morges. Un día que librei achegueime a Montreux. Parecíame que era o mozo máis libre de... polo menos España.

REGRESO DE EUROPA (2)

Xurararía que viña de Alemaña cando cheguei a Barajas e escoitei por primeira vez esta canción. Canteina o resto do verán, no outono e ata ben entrado o inverno.

CHEGADA A EUROPA (2)

Ride se queredes, pero a primeira vez que entrei nun gran supermercado en Alemaña a voz que soaba era esta. E emocioneime un chisquiño. E non fun eu só, os que me acompañaban, máis racionais, máis críticos, máis arredador destas "pallas sentimentais", tamén se emocionaron. E a señoras miraban para nós mentres acompañabamos a Julio. Porque todos cantamos "Un canto a Galicia, ei..."

CHEGADA A EUROPA (1)



Un amigo e máis eu, encantados polos cantos de Lyn e o baile de Carol, corremos un verán a Cardiff. Alí soaba a todas horas esta canción. Algunhas noites, na Casa Martínez, intentei chegar á potencia e ton de voz de Jones. Imposible.

REGRESO DE EUROPA (1)

Durante a mocidade sentía unha ganas imparables de escapar durante o verán. Sería inútil buscar o porqué lembro unhas cancións e outras non, pero o certo é que me quedaron pegadas determinadas pezas de cando poñía pé en terra xa fose no país de ida ou cando regresaba á casa. Un verán, non sei se volvía de Suíza ou Alemaña, ó regresar de Europa, a canción que se escoitaba aquí era esta. Aprendina. E lémbroa.

jueves, 5 de mayo de 2011

DOEN AS MANS

Unha amiga perde a súa nai. Explícame os últimos momentos ao seu carón. Lembra especialmente o último día con ela. Sen necesitalo, a nai pídelle á filla que lle axude a ducharse. A filla axúdalle, lávaa con mimo de punta a punta, sécaa ben, bótalle aceite, deitaa na cama. A mamá morre esa noite. 
- Doe moito?- pregúntolle.
- Moito. Moitísimo. Doe o corpo. Doen as mans. 
- As mans?
- Sí, desde o cóbado ata as mans doe moito. E os pés. Tamén os pés. Doe todo.

miércoles, 4 de mayo de 2011

PASEANDO POR CATANIA


ANOITECE E PASEAS POR CATANIA. VAGA LUNA. BELLINI. PAVAROTTI.

lunes, 2 de mayo de 2011

POR QUE?

Por que habendo no país cinco millóns de parados son as manifestacións do primeiro de maio minoritarias? Por que, sendo que sobre os mozos recae o peor deste andazo, non saen ás rúas irados, comestos pola rabia? Por que, se como se di, máis dun millóns de familias teñen a todos os seus membros sen traballo non se rebelan en protestas desesperadas? Por que? Haberá que lle pedir a Mourinho  que o pregunte, o único ao parecer a quen se lle escoitan os porqués.

NIEMEYER EN AVILÉS


domingo, 1 de mayo de 2011

CAL É A MELLOR LÁGRIMA?


                    Tres lágrimas. Tres voces. As tres prodixiosas. Unha, na miña opinión, supera con moito ás outras dúas.

ESCRIBIR PARA VIVIR ...(BEN?)

Martín López-Vega, que parece un optimista saudable, confesa que escribe poesía para deixar de escribila, para aprender a vivir ben. No momento no que xa saiba as claves da boa vida, deixará de escribir e vivirá e adeus.  Di que agarda deixalo axiña. Eu, que non debo de ser tan optimista, acepto, si, que se escribe para ir aprendendo ou soportando o vivir, pero teño para min que como  nunca se dá aprendido de todo, temos que seguir escribindo. E que mal!

A PAZ DE SCHUBERT