domingo, 24 de mayo de 2015

IGNORANTES E INDECENTES

A GRANDE preocupación de Emilio Lledó, a quen cos anos se lle acumulan os premios, xira arredor da arte de educar. Se os mozos actuais non acceden a un proceso educativo diferente ao presente, estamos condenados a ser gobernados por ignorantes e indecentes. Así ve a unha boa parte dos políticos, non porque a política sexa actividade innobre, ben a contrario, necesaria para organizar o ben común, a xustiza, a igualdade. A filosofía partiu da curiosidade por saber de que elementos estabamos compostos; como a auga, o lume, o aire e os átomos nos constitúen, pero de seguida se centrou no ben, na sabedoría, na verdade e na beleza. E para que a verdade e o ben se impoñan, ningunha actividade resulta máis beneficiosa que a política, a máis arquitectónica das ciencias, a que se encarga de organizar o público e o colectivo, os estados e a xustiza, permitindo loitar pola igualdade, tal e como Aristóteles nos ensinou. Ocorre, non obstante, que cando no conxunto social o que imperan é o atrevemento da ignorancia e o descaro da indecencia, non podemos agardar que os políticos se comporten de maneira diferente. Para que o saber e decencia medren cómpre o reinado da educación.
Laméntase Lledó do declive dunha universidade moribunda, obsesionada por preparar para atopar traballo e non para pensar. Alerta diante da alarmante decadencia da reflexión, a análise e a lectura, imprescindibles para a maduración de cidadáns libres e críticos, con criterio e xuízo. A vida, vivir ben, depende da capacitación de cada quen para adoptar unha lectura activa do libro do mundo. E esa lectura non é posible sen unha educación empeñada na relación co profesor, a única actividade da que se gabou: ser un humilde profesor encargado de axudar a descubrir como as distintas lecturas do mundo configuran a propia. Por iso desde sempre potenciou a figura do mestre, pois sen facer ofensiva baleira e trivial sobre os indubidables adiantos do noso tempo, defendeu que os dedos infantís e adolescentes teñen que tocar, non só nin principalmente teclados, senón páxinas, mover fichas, garabatear, pensar e soñar coas palabras, oír aos mestres, falar e mirar, xogar e ler, crear, dubidar, e todo diante da pantalla principal: a da vida. En canto se entenda que son a reflexión e a creatividade o miolo, seremos máis sabios e ricos, e estaremos moito menos gobernados por ignorantes e indecentes.

CAMBIAR OU ABANEAR


            Nos últimos anos medrou a idea da necesidade dun cambio. Un cambio radical. Así non podiamos seguir. Unida a podremia na conduta dos políticos gobernantes á intensa crise afectando a unha grande maioría de cidadáns (especialmente mozos e os máis débiles), no conxunto social instalouse un acordo latente de que nada debería seguir coma ata o de agora. Algo cumpría facer. Como consecuencia, movementos de protesta, ideas acendidas, un malestar difuso e manifesto e a forza de novas xeracións fartas deste modelo deron pé á creación de  ofertas políticas brillando con grandes perspectivas. Mareas coa convicción de ganar e poder agromaron nas  universidades, asociacións e movementos veciñais (nas cidades, que é onde ocorren as cousas) decididas a trasladar á práctica o malestar e a rabia ben captadas entre enormes capas sociais. En tempo breve pasaron da rúa e da protesta á organización política ideas e protagonistas aos que en primeiro se lles criticaba a falta de concreción realista nun vehículo transformador. Xa metidos na area do enfrontamento político directo parecía que medrarían coma leite no lume capaces de levar coa súa vasoira renovadora canto resto de corrupción e vellos modais retiñan os vellos partidos. Pero non fixo falla que chegasen nin as primeiras eleccións xerais para comprobar que non todo resultaba tan doado e milagreiro.
            Á porta da primeira proba electoral seria, os vellos partidos souberon utilizar as súas armas de convencemento masivo para pararlle os pés aos crecidos acabados de chegar. Aproveitando os erros propios dos últimos en se incorporar  e manexando con soltura o aprendido en anos de batallas electorais, os dous partidos afeitos a gobernar, aqueles acusados polos rompedores de casta, refixéronse apelando a tres argumentos para desgastalos que lles parecen irrefutables: son inexpertos e temerarios, como consecuencia córrese o perigo de que causen un derrubo de proporcións catastróficas e, por se non abondase, aínda sen tocar poder, demostran idénticos defectos cós das casta á que din queren eliminar. Atacados por tales lanzas e frechas, os novos perderon brío, deron as primeiras mostras de esgotamento prematuro e decepcionaron ao cidadán antes animado agora resignado a que tampouco eles coñecían a pedra filosofal, nin eran tan destemidos, nin as súas ideas tan novidosas nin brillantes. As enquisas comezan a dar indicios de que perden azos, a realidade demóstralles que entrar na batalla aberta, no corpo a corpo da política esixe unhas coirazas e coitelas especiais e non ao alcance de calquera.
            Onde estivo o segredo desta defensa arrichada cando a cidade parecía perdida? En saber retorcer o cambio ao servizo dos propios intereses, ben apelando ao medo ou ao desprestixio de quen se presenta sen credenciais. Pero agarrándose ao idea clave e facéndoa súa: o cambio non virá de inexpertos novatos, de ilusos, de falabaratos sen se curtir na dura tarefa de dar trigo. O cambio ofrecido, dixeron e dirán, era fume de leña verde que o único que pode conseguir é nubrar a mirada, o bo criterio e o xuízo. O cambio só é posible sen cambiar nada. Os únicos que realmente cambian algo son os que non se moven, os que permanecen. Non se trata do traslado aos tempos presentes da loita entre Heráclito e Parménides, senón dunha artimaña hábil que chega a paralizar  a moito votante que se atopa co dilema de se non pasará de mal a peor. Existe un medo atávico ao cambio instalado nos individuos e na sociedade que chegado o momento frea as ilusións iniciais. A confortable mediocridade ou o sufrimento ou a infelicidade prefírense con moita frecuencia á perspectiva de algo descoñecido debido á angustia que xera todo cambio. Que a Virxe de Lurdes nos deixe como estamos soe ser modelo de decisión que pesa máis do que se cre. Este está sendo o razoamento de contraataque co que se pretende convencer ao cidadán de que para que algo cambie nada ha cambiar. Por iso os que parecían exhaustos reviven, os que ofrecen cambio sereno recollen moito voto que noutro tempo ía lanzado á marea do desespero e os que levantaron a lebre do fastío resisten como boamente poden entre feridos, baixas inesperadas, desánimos cos que non contaban, desconcertos que asaltan os ceos máis azuis.
            Quero isto dicir que rematou a batalla? En absoluto. As confrontacións electorais son para isto: para que no dinamismo do choque de propostas se vaian aclarando flancos débiles do contrario, ameazas baleiras de valentía, incongruencias ocultas, trampas adornadas. Labor de quen pretende afianzase e alcanzar goberno é revolverse, pillar as malicias e reviravoltas do contrario para entre uns e outros mellorar a cousa pública. Pretender solucións fáciles, directas, inmediatas e falsas non pertence ao campo da democracia. Estar atentos, analizar argumentos duns e doutros e decidir, si. O domingo decidirase se realmente hai vontade de probar un cambio radical ou un abaneo que manteña equilibrios para que os cambios se produzan sen cambiar demasiado.

            

domingo, 17 de mayo de 2015

DEIXAR DE SER NENO

HAI unha coincidencia entre as persoas que, no campo que sexa, fixeron algo de mérito na vida: comezaron cedo a gobernarse a si mesmos. Como dixo Joseph Conrad: deixei de ser neno aos 17 anos, un home que debe coidar de si mesmo xa non é un neno. Na actualidade faise difícil deixar de ser neno. Prolónganse tanto a nenez e a adolescencia que resulta difícil saber cando un se goberna a si mesmo. Nalgún tempo non ofrecía dúbida: se un traballaba e formaba familia, deixaba de ser adolescente, non dependía de ninguén e debía valerse por si mesmo. Hoxe, aínda cumprindo os dous requisitos (traballo e familia, que por desgracia tan difíciles son de conseguir), moitos seguen sen deixar de selo. A causa primeira asenta na prolongación necesaria do tempo de preparación. Coa universalización do ensino e coa extensión da formación profesional, non é doado alcanzar unha capacitación adecuada antes dunha idade na que noutros tempos moitos xa eran adultos con responsabilidades e compromisos indiscutibles. Pero ademais, goberna no ámbito familiar unha lei oculta que favorece o proteccionismo.
Nos anos de despois da ditadura, atraidos pola lei do péndulo, as novas familias procuraron un humus protector tan morno que case se converteu en abafante. Escapados da restrición, da escaseza e da represión, os novos pais deron e consentiron en exceso aos seus fillos para que non sufrisen as calamidades por eles sufridas. Medraron esas novas xeracións na abundancia, na facilidade do todo dado, na proposición de máis expectativas que no fortalecementos de hábitos para logralas.
Prolongaron así algúns unha dependencia e esixencia desmesurada de vida plácida porque si, sen experimentar a satisfacción do logro por lanzarse sen rede á conquista da vida. E non mal resolta esa contradición perigosa, a crise esboura esnafrando aos máis débiles que se afunden nun mar atravesado de infortunio. E aqueles que alegremente educaran na abundancia, a ti non che ha faltar o que a min me faltou, deben agora continuar coa protección de quen se ve zarandeado polo peor do vendaval.
Falta por ver se os que nazan nesta nova realidade favorecerán para que os nenos e adolescentes deixen de selo canto antes, independizarse pódese facer aínda que as circunstancias de formación e integración laboral sexan distintas, porque coidar de un mesmo canto antes dá innegables vantaxes individuais e sociais.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

INDECISOS

         O indiscutible é que os indecisos abundan. Non teñen claro ou non queren dicir a quen van votar. As leis estatísticas non poden poden con eles. Porque diante dun indeciso só cabe elucubrar, lanzar hipóteses máis ou menos fundadas ou desexadas, pero ningún dato contrastado que permita previsións fiables. Calquera empeño demoscópico, ademais do cabalo de batalla dunha mostra suficiente, tropeza sempre coas tebras dos indecisos. Dentro deste grupo amplo de non definidos, hainos de boa fe. Aqueles que realmente andan na procura dunha elección que lles convenza, que os anime a votar, que lles dea algo de ilusión e convencemento, porque sinceramente atópanse despistados e confusos. Son eses que se informan, escoitan propostas e dubidan ata o último momento. Parécelles que non deberían manter o voto da última elección porque se senten defraudados, pero tampouco acaba de convencelos a oferta dos que se presentan como novidosos e puros cando, a pouco que analices, todo é máis vello do  que aparenta e a pouco que rasques mostra síntomas de impurezas varias. Os indecisos sinceros non enganan nas enquisas. Simplemente se debaten entre non votar por fastío, arriscarse con algo novo aínda que só sexa por probar e castigar ou, como en moitos casos soe acontecer, se manteñen no anteriormente votado, nada mellor nin que convenza plenamente aparece baixo o sol. E ante isto, xa me dirán se poden ou non poden errar os que se dedican a cociñar enquisas.
            Hai outro indeciso, sen embargo, que adopta a postura da indefinición por covardía ou porque lles vén de natural retorto. Son aqueles que si saben con certeza que volverán a votar o que sempre votaron, que nada nin ninguén os moverá das súas inconscientes devocións, pero non queren que se lles saiba porque teñen mala conciencia. Entenden que votar a determinados partidos supón unha túzara fidelidade inexplicable en vista do que escoitan ou analizan. Pero non están dispostos a modificar. Son os fieis da igrexa do partido x que non renuncian á súa capela aínda que cos seus propios ollos vexan a podremia máis pestilente. Son os que entenden a confrontación política como unha guerra entre os nosos e os inimigos, e antes de lle dar un voto ao inimigo, acéptase a máis repugnante conduta política. Estes nunca manifestarán o segredo do seu corazón, pero saben ben a quen votarán, a súa indecisión non é tal. Forman parte dunha comunidade de fe irrenunciable e inamovible á que se fai falla se nega por comodidade ou covardía, pero á que nunca se deixa de votar. E por se non fosen suficientes as dificultades coas que se han de enfrontar os encargados de confeccionar enquisas políticas, aínda han de tropezar con outros elementos peores: os que por mala fe e natural retorto enganan adrede. Son eses que gozan enganando, confundindo aos demais. Os que unifican maldade e ignorancia coma o paisano que ía ao médico e enganaba nos síntomas, ao doutor  lle ía dicir onde e como lle doía, así sábeo calquera, para que estudou, que o adiviñe... Con este tipo de entrevistados van dados os analistas, confúndenos á mantenta e aínda quedarán rindo. Ninguén está libre de labores ingratas.
            Diante de tal panorama, aceptadas tendencias innegables que se veñen repetindo con insistencia evidente, non andaría eu moi tranquilo ata o día das eleccións,  e  tomaría en serio o tempo de campaña, existe aínda moito voto que pode variar a súa intención. Con frecuencia escoitamos a canción do determinista: de nada valen as campañas, todo está decidido, cada quen sabe ben a quen ha votar. Non tal. Por que, entón, pensan que se afanan con tanta dedicación, ás veces chegando incluso á perda absoluta do ridículo, os líderes? Porque saben que nestes días se xogan os votos dos indecisos sinceros, os que realmente moven e modifican o seu voto e son causa de transformacións. Aqueles ríxidos, inmóbiles, reciben a dose de entusiasmo que os reafirma na fe nos discursos e celebracións de autoafirmación. Pero os que no seu interese por atinar andan na busca da mellor elección, necesitan argumentos e signos de que optarán nesta ocasión pola mellor opción, ou, no peor dos casos, pola menos mala. Por iso as enquisas informan e conforman, e por iso cada partido as necesita e as utiliza. Dálles as pautas para intuír por onde quedan bancos de indecisos aos que hai que pescar coa arte que sexa.

            Por sorte para os indecisos, por máis que se intente manipular, nunca se deron condicións tan favorables para se informar e poder decidir con liberdade. Quen poña algo de intención, conta con medios áxiles e variados para elixir o que desexan, non aquelo que lles poden facer crer. Nunca os indecisos contaron con datos tan evidentes e contrastados. Porque se ao aluvión  que chega pola rede se lle engade algo de reflexión sosegada, de análise pausada, calquera está en disposición de optar libremente pola oferta que mellor represente as súas aspiracións de organización social.

sábado, 9 de mayo de 2015

E DIXO DEUS: TI XOGARÁS AO FÚTBOL

ANTES de que Deus tomase cartas no asunto –sabémolo polo Xénesis–, a terra era unha masa horrorosa e baldeira, as tebras cubrían o abismo e un vento poderoso axitaba as augas. Menos mal que a Deus se lle deu por traballar durante sete días para que houbese luz arredada da tebras, día e noite, que creou espacio para separar as augas de enriba das de embaixo, que xuntou as augas todas para diferencialas do enxoito, puxo na terra herba verde, plantas, árbores para dar froito, cada unha coa súa semente, e quixo que nas augas houbese un fervedoiro de peixes, que tiveramos toda clase de paxaros e lles deu orde a todos de que se reproducisen e medrasen para encher a terra; e mandou tamén que aparecesen varias especies de animais, os domésticos, os réptiles e as feras salvaxes, ata que se lle ocorreu facer ao home á súa imaxe e semellanza, e fíxoo varón e femia para que se reproducise e mandase nos peixes do mar, nos paxaros do ceo, nos animais domésticos e nos réptiles todos da terra. Rematados o ceo e a terra e tódolos elementos, viu que todo era bo, gustoulle o traballo feito e descansou.
Mais co tempo, repasada a obra, contemplou coa súa mirada omnímoda o dominio e aproveitamento que os homes ían facendo da terra que tanto lle gustara e, con ver grandes avances e progresos, non se sentiu contente de todo. Viu que uns homes escravizaban sen piedade a outros, que algúns varóns sometían ás femias coma se fosen cousa, que os peixes e herbas verdes desaparecían pola ambición e inconsciencia de moitos, que escaseaba o aire para respirar ben, que moitos nenos aprendían a guerrear , que existían desigualdades inxustificadas, que, a pesar de tantos bens cos que enchera mar e terra, eran demasiados os que pasaban fame negra, e que, por se fose pouco , algúns desaprensivos, usando o seu nome de xeito fraudulento e con malas artes, encirraban ao dominio, á submisión e á guerra cruel. Examinou a historia ata os nosos días e pensou que moitos homes, varóns e femias, feitos á súa imaxe e semellanza, non podían estar ledos. Por iso un día no que lle entrou unha miga de melancolía pousou os seus ollos na cidade de Rosario. Un neno pequecho xogaba cunha bola. Observouno nun instante eterno como só el pode facelo e dixo: ti xogarás ao fútbol, Messi. E o neno viaxou de Rosario a Barcelona para xogar diante do mundo enteiro, o mundo non para de mirar para el e cada vez o que ve non deixa de cantar: Deus é bo.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

BENVIDA AOS EMERXENTES

Os estudos demoscópicos adiantan unha tendencia clara: non se gobernará sen negociación e acordos previos. Ata o momento das eleccións é previsible que se dean aínda modificacións e sorpresas. Os electores andan ao asexo por descubrir a quen se pode votar sen ter que tapar o nariz nin vernos abocados á catástrofe. A indecisión e desconcerto reinan. Sábese da podremia dos dous partidos hexemónicos ata o de agora, pero tampouco se está polo labor de enredar con lume, a información hoxe voa, os intentos de manipulación tamén, pero, con todo, a liberdade e axilidade que proporciona a rede transforman as mensaxes e as expectativas a velocidade da luz. Daranse variacións nos meses que veñen, pero algo non variará: os partidos aos que máis se lles ven os vermes no interior non volverán a ser maioritarios. Sexa con Podemos ou con Ciudadanos, haberán de negociar.
            Este panorama que a algúns lles aterra polo perigo de nos converter nunha democracia insegura e inestable coma a italiana, a min paréceme a menos mala dada a situación na que nos atopamos. O que non se entendería e mostraría unha concepción patolóxica da democracia sería o continuísmo cego do reparto de forzas. Constatando día a día a putrefacción do partido do goberno e do antecesor, non vería saudable que non recibisen o castigo electoral que se merecen. O PSOE xa está atravesando o seu deserto inacabable. Ao PP correspóndelle por hixiene unha reforma en fondura do tamaño que o goberno aplicou ás relacións laborais ou aos servizos públicos. Cando organismos internacionais persisten en nos recomendar máis reformas profundas, moitas veces penso se non incluirán tamén entre elas a transformación drástica do funcionamento do partido do goberno. Resulta difícil de explicar como, con tanto lixo á vista, resisten nos seus postos sen que se lles mova un pelo determinados cargos do partido. Por iso o votante os castigará. Non tanto como se merecen, ao meu ver, pero recibirán un castigo que os obrigará a unha renovación interna.
            Dos partidos emerxentes, os que enarboran a bandeira da limpeza, a tendencia tamén parece clara: Podemos loitará para non chegar ás eleccións coa lingua fóra, perdendo a cada paso máis votos; e Ciudadanos aproveitará o vento nas velas para avanzar como esperanza dos amantes de propostas democráticas, centradas, modernas e laicas. Da conduta que adopten en Andalucía e dos erros que cometan nos meses próximos dependerá que sumen máis ou menos votos, pero cantado está que recollerán o fastío dos que noutro tempo confiaron nos partidos que ata o de agora nos gobernaron. Dependerá deles, polo tanto,  como se  organicen  grandes concellos, comunidades e o goberno central. E isto suporá un cambio significativo na política. En dous aspectos fundamentais.
            O primeiro afectará á necesidade de limpeza e persecución de políticas corruptas. Se os emerxentes pretenden prosperar e asentarse como forzas con peso, haberán de responder das súas promesas de purificar a conduta da clase política. O descrédito alcanzado polas trapacerías cometidas deberían corrixirase da man destes dous partidos emerxentes. Con independencia das actuacións futuras, algo positivo xa lograron: os partidos podres vense obrigados a cambiar de actitude, séntese controlados e comezan a sentir algo de vergonza pola inmoralidade dos seus actos. Verse cos ladridos nos calcañares obriga aos partidos antes maioritarios a unha autocrítica que sen tal vixilancia sería impensable.
            Pero ademais, os emerxentes introducirán unha novidade na maneira de pactar diferente á coñecida ata o de agora. Os partidos que viñeron gobernando no país non é a primeira vez que necesitan de pactos, pero sempre dependeron de dous partidos curiosos: Ciu e PNV, os dous cunha finalidade moi clara por máis que a disfrazasen: negociar para preparar a independencia dos seus respectivos territorios. Os novos negociadores, por primeira vez, esixiran pactos pero cun obxectivo ben distinto: lograr a cohesión e solidariedade entre as distintas comunidades do Estado. Aínda que só sexa polo propósito de corrixir a corrupción e por buscar unha maior cohesión territorial, benvidos sexan ao escenario das decisións os partidos emerxentes.




martes, 5 de mayo de 2015

NUEVO DÍA


EL FRACASO



La escena: un cuarto al que la luz
llega desde la calle como un dolor de fondo.
Una mujer está durmiendo:
su ropa, bien dispuesta en una silla, 
es uno de los personajes.
El otro, que es un hombre, 
mira las bragas negras.
Reflejada en sus ojos, la conciencia
es un volcán adonde,
tarde o temprano, acabará lanzándose.
Se asoma al cráter, pero es muy oscuro.
Mira la bragas negras como el lobo
mira una presa fuera de su alcance.


                    Joan Margarit 
                    De su libro AMAR ES DÓNDE 

lunes, 4 de mayo de 2015

ARROZ CON POLO

POR máis que pasen os anos e medremos e nos encamiñemos cara á vellez, os homes non deixamos de ser nenos e pensamos que coma o arroz con coello que fai a mamá non hai ningún. Máis, se como é o meu caso, o seu arroz é certamente inmellorable. Tratar ben a caza non é arte de Adriá, pero se dende que casaches viviches cun cazador de sona acabas por lle pillar o punto ao proceso de principio a fin. Esfolar un coello - desplumar unha perdiz ou un polo, menos- non é tarefa das mais agradables, pero se queres deixalo de noite á intemperie para que perda o bravío, o mellor é esfolalo canto antes e non perder tempo en mexericar. Se a xeada cae durante a noite, mellor. Logo debe adobarse ben cedo, canto máis tempo entre allo, pirixel, sal, viño e outras herbas que non descubrirei para non lle rebentar a receita, máis sabedor nos quedará. Sobre a ciencia no manexo da calor da bilbaína, mellor non digo nada, ese control de meter achas de carballo, grosas, máis finas, carozos nun momento, achas outra vez, xa se me escapa. Agora ben, como a cociña non alcance a calor axustada e non poñas a peza en fonte de barro un tempo nunca fixo, dependerá das condicións de calor que só ollo experto é quen de determinar, estás perdido. Mais, adquirido o tempero necesario no lume, axustadas as doses de líquido proporcionadas e acompañados da revisión atenta e permanente de quen está pendente da tarteira coma dun bebé, a carne queda branda sen perder consistencia, olorosa, dourada, apetecible aos ollos e ao padal. Engadirlle o arroz faino calquera.
A piques de cumprir os oitenta e nove, miña nai segue mantendo o control para cociñar arroz con coello ou polo coma se nada. A última vez que o fixo foi con polo. Estaba, coma sempre, delicioso, pero como a artrose non lle permite a finura necesaria para manexar o machete, vese que os golpes ao despezalo foron varios e sen firmeza, polo que algúns ósos, en vez de partir nunha tronzada limpa, quedaron máis ben esmigallados en areas e agullas finas. Comentado o perigo de tales ósos, miña nai permaneceu impasible, coma se chovera fóra. Como non oe pouco nin moito, esforzámonos para que tomase conciencia: estes ósos así en agulla agochan grande perigo, mamá, podémonos esganar. Nin se inmutou. Entendiches? Si, dixo tranquila. Entón, queres esganarnos a todos? Si, contestou medio rindo. Mañá, por se acaso, penso levarlle un regalo, non sexa que siga con esas ideas asasinas.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

TRABALLO:POUCO E MALO

      Non é que esteamos condenados a conseguir o pan co suor da fronte, é que sen traballo non somos. A nosa inserción social, o imprescindible recoñecemento para conseguir a dignidade mínima, pasa por exercer un traballo que, ademais de nos permitir o sustento, nos confirma como seres autónomos e valiosos. Traballar dignamente, sen explotación nin miseria, fainos realmente libres. Existen, sen embargo, modos de traballo que escravizan e destrúen. Ao longo da historia, gracias á loita case sempre dolorosa e non gratuíta, os traballadores tiveron que alcanzar melloras paso a paso para deixar a condición de escravos e explotados. Esquecer que foi con esixencia, pelexa e loita que se alcanzaron dereitos, pasando de servos a cidadáns, de man de obra animal a persoa con dereitos mínimos, cegaranos para entender a situación actual. Non ver tensión ou conflito explícito ou larvado entre quen dá e quen pide traballo é negar a realidade. Que hoxe se admita un obxectivo común, a necesidade de colaboración  entre empresario e traballador e que as empresas máis avanzadas entendan e favorezan a implicación máxima do traballador non baixou da magnánima vontade dos que crean emprego, senón da loita organizada e tenaz de sindicatos que marcaron de cerca as tendencias propias de quen busca o máximo beneficio. Coma en tantos aspectos do enramado social, arredor do traballo existen intereses enfrontados. O que non equivale a dicir que manteñamos unha guerra constante, unha loita de clases tan descarnada como Marx a propoñía, pero si a recoñecer que unha dialéctica de intereses enfrontados está na base de toda relación laboral.
            Vivir en democracia esixe controis entre diferentes intereses. Os partidos vixíanse uns aos outros, a oposición controla a quen goberna, grupos sociais miran polos seus intereses e dereitos, buscan maneiras de defenderse, todos están aleutos, sábese que calquera cidadán, calquera grupo conta con mecanismos legais para esixir a defensa dos seus intereses. Avisados dese cruce de miradas atentas para que ninguén pise os dereitos dos outros é como se procura un equilibrio que free a tendencia innata de  cada quen mirar exclusivamente polo que máis lle favorece sen ter en conta as necesidades dos demais. No mundo do traballo non podía ser menos. Sen contrapeso, non será posible un equilibrio saudable.
            Nas últimas décadas a transformación arredor do mundo laboral supuxo un retroceso impensable. No só polas condicións menos favorables para o traballador senón tamén polo desgaste dos sindicatos, poleas de cambio e mellora nas relacións laborais. O desprestixio das organizacións sindicais, polos erros de vulto cometidos, pola  burocratización das súas estruturas e, sobre todo, pola corrupción imitando aos  partidos máis baixos, converteunos en organizacións caducas, pesadas e en claro declive. Chega con ver a escasa a afiliación, a mínima capacidade de convocatoria, a escasa presencia nas negociacións e mobilizacións dos cidadáns. Resultan a cada paso menos cribles, asócianse cos gobernantes menos achegados ao cidadán e, mesmo desde moitas tribunas, se pide case a súa desaparición por supor un gasto inútil para o Estado.

            Error maiúsculo. Que caesen en vicios e manteñan métodos que non casan coa situación global tan distinta neste comezo de século non supón que os sindicatos sobren. Ao contrario. Son máis necesarios ca nunca e mal iremos se acabamos con eles. Necesitan unha transformación seria, un impulso renovador como toda a actividade política, pero, así como negar a política supón perda de calidade democrática e favorece aos oligarcas e grupos de presión desalmados, arruinar aos sindicatos significaría un regreso perigoso para todo o conseguido con bágoas a favor das condicións laborais. Se hoxe pechamos os ollos e tragamos coas pésimas condicións nas que se están empregando os mozos, se non atopamos canles de negociación, preparémonos para o que nos agardaría de aniquilar aos sindicatos. Cómpre unha urxente refundación da acción sindical, áxil, acorde cos tempos, menos subvencionada e comprometida para defender o traballo digno e ao traballador dignificado. Hoxe non só está difícil atopar traballo, cando se atopa é pésimo. O traballo é pouco e malo. Seguir así non nos fará máis libres, nin máis ricos tampouco, aínda que a algúns lles pareza que é a única maneira de competir e progresar.