domingo, 31 de julio de 2016

O QUE MERECE A PENA NA VIDA

QUE merece a pena na vida? Cando un se fai a pregunta pode quedar mudo diante da incerteza. O máis probable é optar polo cómodo: depende. Depende de como sexa cada un, da idade, da constitución psicobiolóxica, da educación recibida, do tempo que lle toque vivir... Pero non deixa de ser un escape, unha evasión. Cando un chega a unha determinada idade e máis se lle insisten en que os días están máis o menos contados, a pregunta adquire unha potencia distinta. Merece unha vida dedicarse en corpo e alma a unha profesión que lle proporcione prestixio, recursos económicos? É máis importante, talvez, entregarse con fe a investigar, descubrir algo que dende o punto de vista científico sexa de utilidade para o resto da humanidade? Merece a pena vivir confortable, inconscientemente, desfrutando, sen complicarse innecesariamente? Será quizás máis proveitoso entregarse ao servizo dos demais, darse plenamente para que alguén viva mellor? 
Seguro que existen respostas variadas e parcialmente acertadas. Pero chámoume a atención a resposta dunha eminencia como Vinton Cerf, un dos máis importantes creadores de internet, hoxe apóstolo no mundo para que todos, sen excepción, teñamos acceso a ela, investigando aos 73 anos a maneira de crear unha rede interplanetaria que conecte todo o sistema solar. Despois dunha vida de éxito, de recoñecemento, de innovación transcendental para a historia da humanidade, con toda sencillez e humildade di: o que merece a pena na vida é levar con éxito unha familia. Estou moito máis orgulloso de que os meus fillos sexan peresoas boas e felices que do proxecto de internet. Levar con éxito unha familia, ter fillos bos e felices. Algo tan sencillo é se cadra o que máis merece a pena. Unha tarefa difícil, para a que non existe universidade nin master específico, por máis que se pague.
Tarefa que consegue se cadra mellor un taxista que un brillante matemático, mellor unha vendedora dunha mercería que un potentado das finanzas. Un reto de complexidade enorme para a que uns están máis cualificados ca outros. Lembro n­unha das entrevistas con motivo da retirada da política de Alfonso Guerra –por debaixo do agresivo personaxe político existe un home culto e sensible sen dúbida– que dicía algo similar. Se de algo se arrepentía da súa entrega á vida pública era do tempo que non lle dedicara aos seus fillos. Analizando a súa traxectoria era iso o que menos se podía perdoar. 
A moitos, cos anos, pásalles igual: lamentan o pouco que gozaron da infancia, da inocencia, da bondade, da tenrura dos seus nenos. E outros remoemos que poderíamos facelo moito mellor loitando con máis tesón por u­nha familia mellor tecida arredor dos fillos. Porque non dubido que haberá moitos outros motivos de peso que merecezan a pena na vida, pero Cerf ten toda a razón: non hai maior contento e orgullo que lograr uns fillos bos e felices.

A PUBLICIDADE DO FRACASO

Se estivise na necesidade de cambiar de coche, a quen nunca  lle preguntaría a marca pola que optar  sería a Fernando Alonso. Este campión parece negado á hora de elixir marcas. Ou el é  o negado (cousa que os expertos se empeñan en dicir que non é certo, que realmente é un pilo excepcional) ou os motores que elixie son todos unha porcaría. O estraño é que cando os collen outros pilotos, eses mesmos motores corren que mete medo. En fin, que isto da Fórmula 1 é para min un misterio de dimensións superiores aos grandes da escolástica e non penso dedicarlle demasiada reflexión. Moito menos a como pode ser un deporte que atraia teleespectadores, non se me ocorre aburrimento en estado máis puro... Pero o que si me trae intrigado é o misterio da publicidade.
            Como ben sabemos, ese negocio-deporte- espectáculo- relacións públicas-circo, difícil darlle co nome exacto, aséntase – coma case todo, así vai o mundo- na publicidade. As grandes firmas apostan e invisten o que non está escrito para saír nas máquinas, gorros, asfalto, descansos televisivos, faldas das azafatas, en todo canto poda recibir un nome, unha marca, algo que vender. Por suposto que non é publicidade ao alcance de calquera firma. Para acceder a este circo das carreiras haberá que facturar por riba dun bo feixe de millóns, ningunha empresa menor pode permitirse a exhibición en tal escaparate, aínda que ultimamente xa non resista o negocio o sponsor único. Suponse, claro, que os pilotos son o reclamo fundamental. E, debería ser, tamén supoño, que os pilotos máis solicitados para defender as marcas fosen aqueles que máis éxitos conseguisen na súa tarefa: correr máis que os outros, chegar primeiros. Máis observando a evolución do piloto asturiano éntrame dúbidas. Alonso, supoño, conseguiu grandes contratos con grandes firmas grazas aos méritos en tempos pasados, e por iso o contrataron con cantidades que ruborizan para que opine cada semana e cada carreira: para que sexan visibles os seus patrocinadores (xa digo, a cada paso máis diversificados), aínda que en realidade non diga absolutamente nada. Agora ben, preséntaseme unha dúbida que non dou aclarado: como é que nos últimos anos, non levo conta, pero máis de tres seguro, que este asturiano non chega de primeiro nin freando todos os que van diante, que as súas mellores posicións, cando hai sorte, andan por ser séptimo ou outavo, pero case sempre do décimo posto por enriba, como é posible, pregúntome unha e outra vez, non pare de opinar, saír nos medios, día si e día tamén, lamentándose das súas desgracias, do mal que lle vai, da mala sorte, da mala planificación, do pésimo motor, dos neumáticos mal escollidos. É rendible tamén a publicidade do fracaso?
            Levo algún tempo seguindo os titulares, só por curiosidade, e non falla: Alonso asume que o motor non dá máis de si, que non hai maneira de chegar aos postos nos que se puntúa, que nin por equivocación probará o podium dos gañadores no que queda de competición, que as melloras dos seus equipos de exeñeiros son imperceptibles, que as rodas non están ben elixidas, que a táctica do equipo é lastimosa, que todos os demais contan con mellores motores e equipos, que se resigna pacientemente ao fracaso, que se isto segue por tal camiño pode deixar de competir, e así unha restra de desgrazas que repite sen perder o sorriso. Pois o certo é que nos preparativos  de cada carreira, o día dos adestramentos e o propio da competeción, o piloto sae coa súa tranquilidade aprendinda, coa ladaíña de desgrazas, pero co rostro de agraciado polo deuses, triunfador, seguro, pleno, admitindo que é un perdedor nas carreiras pero un fenómeno indiscutible, supoño que sobre todo nos negocios. Unha contradicción que non sei se queda salvada por ser campión unha vez, o que imprime carácter e dá fortuna de por vida,  ou simplemente porque hai áreas da publicidade e da economía que funcionan con independencia dos resultados dos anunciadores.

            Seguro que nas escolas de publicidade se estará estudando o caso. Porque, que se saiba, ningún patrocinador abandonou ao piloto, nin rebaixou as súas astronómicas millonadas, nin parece tampouco que lle fora peor nos seus balanzos de fin de ano. Estúdese, pois, que se cadra é máis rendible contratar polo fracaso que polo éxito. A clave estará en saber  elixir ben ao fracasador que mellor venda, e esa xa é clave que non resultará fácil descifrar. Claro que, nun mundo no que o xefe deste circo consegue zafarse da xustiza en funcións dos milllóns que aporta, calquera publicidade pode ser rendible. Agora disque lle secuestraron a sogra en Brasil – a Ecclestone refírome, xa se decataron, ese señor baixiño, disque podre de millóns e ao que todos lle miramos pasmados a modelo nova, alta, escultural que o acompaña- e terá que rescatala – á sogra, pola modelo pedirían o dobre- por 33 millóns. Nada. Seguro que a publicidade do fracaso ou a da desgraza lle será beneficiosa. Aquí o importante é entrar no espazo idóneo de negocio, logo calquera actuación pode ser susceptible de publicidade.

sábado, 23 de julio de 2016

QUE SE METAN NA CAMA


Dixoo Rita: Estou desexando meterme na cama. Xa  llo creo. Despois de vida tan axitada, nada mellor que durmir ben, lástima que estes día por Valencia debe de facer un sol do demo e calquera pega o sono de noite. Pero polo demais, de acordo, senadora: á cama. É que o desta exalcaldesa merece descanso. Acórdame que hai xa máis de quince anos, estando paseando por unha rúa de Valencia, un canfruata deses que ata parecen ledos de optar por tal vida, corría pola beirarrúa chamando polo seu can con cariño: “Vamos, Rita Barberá, vamos; ven, anda, ben, Rita  Barberá, así, bonita, así...”. Vese que o descolocado social sentía o peso da súa alcaldesa incluso no seu  illamento que supón intentar botarse porta de fóra do sistema.
            O malo é que sexa ela a que teña que pedir cama. A lentitude de algúns partidos tomando decisións cantadas é estraña. Medo? Non creo. Ao final todos calan coma petos, sempre hai intereses superiores aos que servir. Pero o lóxico sería que casos coma o da senadora Baberá estivese resolto sen necesidade de que ela ses sinta esgotada. Hai momentos nos que alguén debe decidir por un: Láguese, senadora, non volva por aquí; xa fixo vostede bastante pola súa cidade, pola comunidade, polo país: descanse. Alguén debería terllo dito antes de premiala con tal aforamento, pero ningén se atreve. Parece coma se estas figuras sagradas, amamantadas nos anos de servizo ao partido, adquirisen uns dereitos intocables capaces de inmobilizar ata ao máis atrevidos, que non é o caso.
            Tampouco se trata de lle desexar mal. Non é que pretenda que se meta na cama e non se erga. Iso resulta pésimo para a vellez. Sabe un cando se mete na cama, pero como encame, igual non se dá erguido. Que se erga, que dea uns paseos pola cidade, que visite ás amizades. Pero meterse na cama e deixar a política, si. Iso hai tempo que debería facelo non por propia vontade, senón porque os directivos dos seu partido llo esixixen: ninguén pode dedicarse tanto tempo e con tanto empeño a unha causa tan nobre.
            No fondo é unha noticia que non produce ningún optimismo, pero consola. Como consola que a señora Villalobos, esposa do sociólogo de cabeceira de Rajoy, deixe a Mesa do Congreso. Que falta fai que cambien algunha caras. É un detalle menor, seino, pero que a señora Villalobos, co  que leva chovido dende aquela xestión louca das vacas , era xa hora de que dese un paso para atrás e desaparecse dos postos onde as cámaras de tv ponden axexar se atende aos discursos do seu xefe de filas ou enreda con xogos electrónicos. E meteríaa na cama tamén. Non sei se xuntas. Aí non me quero meter porque xa entramos no íntimo e cada quen goberna os seus impulsos, desexos e caprichos como quere, pero dende logo Rita e Celia na cama xuntas darían moito que falar. E a de cousas que  unha e outra se poderían contar... Iso sí era un bo pograma para a televisión de Vasile. Vintecatro horas as cáramas enriba delas, as dúas na cama, dalle que dalle ao palique, lembrando fazañas, éxitos, ataques e defenestracións dunha vida política.
            Non crean que me conformo con sucesos tan mínimos. Moito máis me gustaría se esas dúas señoras ( e moitos señores) non estivesen nin no senado nin no congreso, pero, dado que o partido parece que quere conservalas e protexelas e premialas polos labores realizados, alomenos que se nos metan na cama e non aparezan polos seus lugares de traballo. Sabemos que teñen pouco que facer, que sen elas as leis sairán adiante de igual maneira, e para premer botóns á hora de votos imprescindibles deberían artellar algún modo de que estas vellas glorias poidan votar dende a cama. Non por internet, non. Iso é moi moderno. Algo máis antigo: unha campaíña ou similar , que, ao tocala, dese orde a un segundo, para             que unha criada ou doncela, se achegase ao congreso co voto das encamadas. Unha maneira de crear postos de traballo. A que dedica vostede, señora, señor? Eu son encargado de ir votar polas encamadas nos días de voto imprescindible. Un traballo tan horrado coma moitos.

            En fin, que me aleda que Rita e Celia se metan na cama e, sen desexarlles mal ningún, a ver se non volvesen nin a senado nin congreso. Hai persoas que xa deron todo, xa se sacrificaron o suficiente polo ben común, agora merecen un descanso regulado, bos alimentos, tranquilidade e moita cama. E, por suposto, que non lles siga pagando soldos maníficos o Estado. Iso, claro está, deixando de lado asuntos desagradables coma denuncias e posibles problemas xudiciais que parece pereseguen á señora Barberá. Esas cousas son de moi mal gusto e non se falan diante de señoras que xa teñen unha idade.

PIEDADE CO LOBO

XA o sei. O mundo foi e será unha porcaría. Algo máis tamén. Pero porcaría sen dúbida. Sen mal non seriamos o que somos. O interese, a ambición, a cobiza, a desesperanza inducen a explotación, agresión, dolor, morte.. Poden ser desastres da natureza, aberracións que os propios homes inventamos. Pero o mal anda a canda nós. Non nos deixa. Diante del podemos optar pola ignoracia ou opoñernos baixo unha bondade etérea, incongruente, instalada lonxe do que nos toca. Tamén se pode combater por métodos realistas, complexos, dolorosos, que logran avanzar. A ignorancia só contenta a evasivos frívolos; a bondade etérea e inmatura tranquiliza aos que confortablemente viven sen padecer as consecuencias da maldade de cerca. 
O enfrontamento realista esixe tomar decisións, optar, dilucidar entre dilemas morais dunha envergadura da que moitos foxen e só se dedican a criticar vivindo a expensaS de quen as toman. O mundo foi e será unha porcaría. Non só iso, perto tamén. E agora esténdese o medo. Corre antes de nada por onde a civilización deu as primeiras mostras de ser capaz de simbolizar, crear alfabeto, historias, relixión, cultura.
Polo Trigris e o Eufrates regatos de sangue brotan da miseria, pelexas entre sectas, interpretacións parciais de libros, aberracións impensables se non fose porque xa o sabemos –en Europa tan ben coma en calquera outro lugar– do que somos capaces. Podemos facer sabrón con corpos que pensan, poemos ffumigar nenos e vellos, e xente piadosa, mulleres embarazadas coma quen trata de liquidar un avespeiro perigoso instalado baixo unha tella da porta da cociña. Somos perigosos. Pero agora esténdese o medo onde nos parecía que qudaramos curado del. E acudimos ás saídas coñecidas: evasión, bondade infantil ou medidas realistas que cheiran a podre.
Na película Eye in the sky, a coronel Katherine Power, interpretada con contención por Helen Mirren, debe tomar unha decisión inminente: atopados uns terroristas dispostos a inmolarse matando ao maior número posible de persoas , téndoos a tiro debe dar a orde de aniquilalos ou non. Aquí xa aparecen os primeiros dilemas, pero se lle engadimos un detalle de tenura infinita, univeresal, o dilema atragántase nos guerreiros máis curtidos: unha nena preciosa, inocente, bailando co seu aro morrerá se ataca aos terroristas.
Que decisión deben tomar o altos mandos sentados diante dos seus ordenadores en Londres e Washington? Estes son os dilemas que nos plantea a pocaría na que nadamos. Pero hai que decidir. Alguén está decindindo. É cómodo criticar mentres nos sentimos protexidos. É fácil desviarnos cara a vinganza cando nos vemos atacados. Sentímonos atrapados. Case sen escapatoria. Pero todo indica que é imprescindible unha certa crueldade. Unha fortaleza sen a que o mundo sería cada vez máis porcaría e menos civilizado. Convén que ás veces reflexionemos que a piedade co lobo pode converterse en cruedade cos años. 

jueves, 21 de julio de 2016

QUEN BLOQUEA É RAJOY

POLO que poida pasar, Rajoy e os seus opinantes defensores xa están preparando a terceira elección, esa que sería unha broma de mal gusto, pero á que convén antes de nada buscarlle un responsable. Por suposto, Rajoy nada tería que ver, quen bloquean son os demais, especialmente o PSOE. Idéntica táctica utilizou nas pasadas eleccións con evidente éxito, por iso persiste convencido de que así alcanzaría a maioría absoluta. O causante das segundas eleccións, convencéronos, foi o PSOE por enredar intentando acordos imposibles. Logrou un pacto escrito con Ciudadanos, pero iso eran ganas de perder tempo. Os que o ganaban eran Rajoy e Iglesias, un encastelado na súa cómoda posición, e o segundo cegado pola ilusión infantil de pensar que chegaría a presidente pisando ao PSOE.
Diante de tal alternativa a vitoria estaba cantada: Rajoy ganou, preferiuse o mal coñecido que a loucura por coñecer dos precipitados maximalistas de Unidos Podemos. Cal é a actuación do ganador diante da renovada e medrada oportunidade? Buscar diante de nada bloqueadores, malos que non lle queren deixar gobernar por rancor, falta de amor ao país, intereses partidistas. Por iso antes de dedicarse con tesón a conseguir colaboradores, ocúpase en preparar o camiño por se hai fracaso: a culpa non será miña, que teño 137 deputados e quero o ben do país, a culpa é clara do PSOE que me ten rancor e prefire que se funda o país.
A táctica parece intelixente, pero pode agochar sorpresas. Se na vez pasada repartiron por igual Podemos e PP a causa da repetición de eleccións, por máis que convenceran a moitos de que non foi así, se cadra nesta, que o único culpable sería Rajoy, o asunto pode ser máis delicado. El é quen ten que buscar socios, a el correspóndelle negociar. 137 deputados son moitos e a moita distancia do segundo, pero faltan tamén moitos para 176. Gobernar con 137 é unha temeridade. Non lograr nin un só amigo é un fracaso para calquera político . Pensa que se non consegue socios na investidura será capaz de logralos na lexislatura? Cre, acaso, que só se pode gobernar con maiorías absolutas? En tantos anos de experiencia e raposería política non dá conseguido negociar cun arco parlamentario tan amplo?
Nas eleccións pasadas triunfou o inmobilismo de agardar a que o cidadán preferise, aínda tapando o nariz, o mal coñecido diante duns precipitados ambiciosos que deixaron pasar o sol pola porta entrando en indiscutible declive. Pero nas próximas, se as houbese, puidera ser que o medo causado polos inestables e ambiciosos profesores se tranformase en pánico diante dun gobernante que chapotea na pestilente corrupción do seu partido, incapaz de buscar un triste socio e pedindo a maioría absoluta para desbloquear a broma pesada.
O frenesí da vitoria daríalle máis arrogancia para incementar as desigualdades e para continuar debilitando os servizos públicos, o que reanimaría ao moribundo Podemos, que se cadra daquela si contaría cos desesperados suficientes para que o medo vencese ao pánico.

FACER FILLOS POLO TREBELLO


Para os que xa tocan os 90 anos e se criaron no mundo rural, ir ás mozas esixía unha regras e comportamentos que, para os que non teñan unha idade ou gosten da antropoloxía, pareceranlle incribles. A primeira e intocable condición era a de respecto absoluto polas mozas da propia aldea. A endogamia esixía buscar moza fóra. Un talabarte podía enredar cunha moza veciña, pero se realmente quería sentar cabeza e buscar muller para formar familia, habería de cruzar ríos, camiñar pola noite no medio do monte e aterse ás normas establecidas. Por iso hai tantos contos de lobos. Os mozos volvían noite pecha por camposas e soutos, acompañados das ganas de ser homes e do medo aos ruídos do bosque, aos oubeos do lobo, a algo que se movía sen saber onde e apuxaba no corazón e nas pernas para chegar canto antes á casa. Moitos vían o lobo ou a Santa Compaña só co medo que lles facía caer os pantalóns, os traxectos para atallar esixían cruzar á beira do camposanto, enchouparse en regos, outros víase realmente cara a a cara co lobo pasaban apuros a pesar da navalla que sempre ía no bolso, algúns con sorte, cando había coincidencia, regresaban na compaña dun veciño que volvese por idéntico camiño. Aínda así, cando a noite moi negra e zoaba o vento ou chovía a canadas, os dous vían e contaban idénticas historias, a máis das veces causadas polo medo.
Meus pais mocearon así. Non se podía tódolos días, só tres marcados á semana e os ritos de achegamento requerían paciencia e ganas de conquistar á moza. Porque nos primeiros intentos non se pasaba nin da porta. Como as portas soían se de dobre folla, el na parte de fóra e ela dentro, separados por folla de baixo, falaban e peterreaban co enxeño que mellor sabían. A arte no cortexo reducía o tempo de espera antes de que te admitese a famila dela no corredor. Onde tampouco había oportunidades excesivas, pero alomenos sentaban nun banco e compartían ulidos e brúos das vacas (as cortes ocupaban unha ala da pranta baixa) e o pasar constante de outros membros da familia, daquela era numerosas e xa fosen vellos, nenos ou os mesmos pais da pretendida interrumpían a cada instante a mínima intimidade. Claro que nesas interrupcións máis ou menos voluntarias tamén se demostraba o saber estar do noivo: se era agradable cos nenos, se formal e cabal cos xefes de familia, comprensivo e atento cos máis vellos. Toda unha serie de exercicios ben programados para que a familia calibrase se, por fin, se lle daba a oportunidade de entrar á cociña. Participar na cea dos da casa, ver enredar e chorar aos nenos, escoitar as conversar peneiradas dos adultos, aprender os costumes de relación eran os pasos definitivos para chegar a falar de casamento. Se todo ía ben, entrábase en negociacións e acababa o cilco de conquista en festa rachada, aínda que a economía non dese para moito máis que para que uha perna tapase á outra. Logo, viñan os fillos.

Este ritual sorprenderalle a quen agora por internet e o móbil establece relacións relampo coa finalidade que pretenda. Temos un grave problema de natalidade, pero por falta de oportunidades para o coñecemento e apareamento non é. Coma en tódalas familias, na miña tamén se impuxo o móbil. Estabamos case todos compañando a meus pais que desfrutan dos 90 coa cabeza esperta e o corpo resistindo. Nun momento, aínda sen ser dos que máis utilizamos eses hábitos, coincidiu que todos estabamos cos nosos móbiles a voltas, menos eles, claro, que non lles leva idea. Uns contestaban correos, outros buscaban noticias, outros respondian aos mensaxes do WhatsApp e un falaba polo baixo por Tango cunha rapaza  nun curruncho. Miña nai, como non oe ben, falaba e seguía co seu discurso. As respostas que recibía non eran precisamente educadas: si, non, ben, claro, poida que si... Ela, que non perdeu nin miga de agudeza, deuse conta que falaba para as paredes e calou. Ao pouco, demostrando paciencia e comprensión, dixo: A verdade é que con eses trebellos aínda vos divertides todos... Si, algo entreteñen, dixen eu apagando no móbil. Pero meu pai, que atendía a un lado e a outro, talvez intrigado polo que falaría o neto cunha muller polo aparato, sentenciou: Dende logo, se isto segue así, maldito como aínda ha chegar o día no que os fillos se fagan por estes trebellos. Todos foron apagando os seus aparatos e riron con el. Ao final, non houbo acordo: uns dicían que iso  nunca sería posible, outros, visto o que está ocorrendo, non descartaban nada. O que si quedou claro é que mentres os salarios sexan de 900 € non haberá mozos que, moceando pola antiga ou utilizando o trebello, queiran facer fillos.

domingo, 10 de julio de 2016

UNIDOS PERDEMOS

O grupo político de Podemos ten no seu haber dous méritos que ninguén lle poderá negar: remover e revolucionar a dinámica cómoda e corrupta dos partidos instalados na aternancia de goberno e alcanzar unha representación parlamentaria en só dous anos de 71 deputados. Dito isto,  o partido ou como queira que se chame, perdeu a oportunidade de tocar poder coa velocidade do raio e pasoulle o sol pola porta. Hai oportunidades que se non se aproveitan non se repiten. Podemos malgastou a súa e agora tócalle aprender, sufrir, retroceder, coñecer límites, talvez, polo menos mentres non se aclare, curtirse durante varias lexislaturas para ter a tiro de pedra a oportunidade de gobernar. Ou se cadra non volver a tela nunca máis.
            Tres son a causas polas que Podemos padeceu un freazo en seco. A velocidade excesiva coa que se conduciron sendo conscientes de que agora era o momento, as malas compañías das que tanto dependen e a inconsistencia ditada pola luz que os cegou ao se ver tan cerca de gobernar. A velocidade arrastraunos polo cavorco do engano ao conter dentro de si o frenesí do éxito e a trampa do fracaso. O seu dinamismo propagandístico, a súa facilidade no manexo das redes sociais, a habilidade para conectar con sectores heteroxéneos da poboación acercounos á meta de maneira que nin eles puideron soñar. Pero esa mesma velocidade delatounos na súa ambición rabiosa, nas súas contradicións e na impaciencia que os precipitou na desconfianza e no medo do votante. Con ser os seus fundadores sociólogos e estudosos da política, erraron ao non calcular que en España a desesperación, con ser dura a crise, aínda non é tanta coma para que o cidadán opte por un cambio tan difuso e inseguro así como así, a cegas. Porque no seu devenir programático acabaron por solicitar que se confiase neles só por aludir a un sorriso e unha ilusión baleiras. Instalados no convencemento de que era o momento – e érao-, descoidaron demasiados frontes polos que lles atacaron sen piedade e non souberon dar resposta. Moito votante acabou crendo que eran pura ambición, desexo de poder polo poder, ganas de control e derribo do construído só polo pracer de iniciar unha aventura incerta propia de políticos de departamento de facultade vivos e pícaros, pero verdes e coa cabeza aínda moi chea de paxaros, como demostrou o infantilismo de cegarse coa repetición de eleccións para confirmar a Rajoy no goberno.
            A segunda trampa que os freou está relacionada coas compañías. As do pasado e as presentes. As do pasado por instalarse no comodín de insistir en que a eles o que lles importaban eran os desafiuzamentos, os nenos mal alimentados e as familias sen luz de aquí,  sen necesidade de ir a Grecia ou Venezuela. Pero equivocáronse. Venezuela e Grecia foron dúas referencias fundacionais que o elector non puido esquecer e necesitaba acalaracións. Saber se acabarían lanzando faroles estilo Syriza para logo meter o rabo entre as pernas e entender que clase de asesoramento lles prestaron aos venezolanos, porque , con independencia dos apoios económicos, calquera cunha mínima curiosidade intelectual querería saber os motivos de tanta admiración e fervor por Chávez e as liñas esenciais nas que o asesoraron. Pero é que, a maiores, enfervorizados por tocar poder, idearon unha estratexia de alianzas perigosas cosidas con alfinetes. Entendo que os votos cataláns, valencianos, vascos e galegos son moitos, pero a unidade programática non resistirá o primeiro tirón. Romperá coma tela vella e mil veces lavada. Mareas e compromisos racharán antes do que pensan. E a aposta con Esquerda Unida animada pola tranferencia da frustración de Anguita? Auga de borrala. Amizades de pura comenencia que non callarán nin aportarán nada: é tanta a confusión de intereses e programas que só despistan ao electorado.

            Por último, como consecuencia das dúas anteriores, tanta velocidade e amizades perigosas, obrigaron a unha inestabilidade programática que desconcertou a electores dunha banda e doutra. Pasou por ser un partido en busca de transversalidade,  comunista, socialdemócrata, irmán da caridade, controlador do poder xudicial, agresivo, amable, en fin, cantilenas trantando de lle quentar o oído a quen o escoitaba. Unha confusión, un rebumbio, unha unidade da diversidade na ilusión por gobernar, un refugallo de intereses rancorosos, ilusionados, perdidos, fundados, despistados. Un tótum revolútum que arrincou ilusionando a desencantados, inxenuos, convencidos da necesidade dun cambio, ambiciosos que se unen ao probable ganador. Pero á fin, unha máquina que pretendía unir para ganar, só logrou a unidade para caer no camiño da perdición. Porque, ou moito me equivoco, ou este freazo traerá consecuencias graves. A oposición non une, e os españois, de momento, comprobado está, prefiren que os engane alguén de lei e orde, o malo coñecido, antes que un cambio tan poliédrico, inestable e veloz que o atemoriza. Sí, o electorado tivo medo, o que deberían  analizar os dirixentes de Podemos, se realmente fosen críticos, é por que causaron tanto medo.