sábado, 23 de febrero de 2013

DESPOIS DE TODO, TEMOS SORTE


HAI argumentos que dan de si moito máis do que en principio parecería pensar. O da herdanza calamitosa é un deles. Pasou un ano e segue tendo tanto peso como para anular por completo no último debate parlamentario a un diminuído xefe da oposición, a cada paso máis perdido e sen folgos, e conste que sempre o considerei un magnífico parlamentario. Pero en canto a un lle nomean a súa historia recente, a responsabilidade na desgraza que padecemos ou lle preguntan por que non fixo o que di hai que facer cando puido facelo, ata o máis aguerrido e fino argumentador balbuce coma aprendiz na oratoria. Penso, sen embargo, que os tempos desta argumentación chegaron ao fin. Non dá máis de si. Por iso intúo que a partires de agora o que se irá impoñendo será un modo de se escusar máis tramposo, incontestable e perigoso: o do menos mal que...
Menos mal que reformamos a fondo a lei laboral, do contrario os parados serían aínda moitos máis. Menos mal que subimos os impostos, de non ser así estariamos rescatados. Menos mal que salvamos con carto público aos bancos, se non o fixeramos isto fundiría coma unha gamela no medio dunha galerna. Menos mal que non nos ocupamos da dependencia e obrigamos a colaborar no pago dos medicamentos e rebaixamos o número de profesores, de non ser así os comedores sociais estarían aínda moito máis solicitados. E menos mal que regalamos unha amnistía fiscal, de non ter a valentía que tivemos, os cartos fuxirían e aquí non caería nin por equivocación un investimento. E así ad infinitum. Resumindo: menos mal que viñemos nós, que gobernamos e facemos o que podemos, pois se non chega a ser así, todo acabaría de modo máis desastroso para todos. Retruquen agora de maneira racional a cantilena. Déanlle a volta e a ver como demostran o indemostrable. Quen pode razoar contra supostos indemostrables? Como contrastar hipóteses tramposas? Esgotada a longa e rica escusa do mal herdado, o que nos agarda é aínda máis penoso. Se para o 2014 ou 15 ou 16 tampouco se crea emprego, nin se medra, nin hai crédito, a resposta máxica destes prestidixitadores do razoamento lóxico está clara: se non tomaramos as medidas que tomamos, se nós non nos fixeramos cargo do país, estariamos moito, pero moito peor. Por iso, sexan agradecidos e admítano: isto vai mal, moi mal, pero aínda podería ir peor. Así pois, resignados e caladiños.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

KALANDRAKA

En tempos de tanta noticia triste, exasperante e demoledora, resulta dunha ledicia impagable poder escribir sobre unha experiencia empresarial estimulante e fermosa. Desde a súa creación, Kalandraka demostrou que é posible, partindo dos soños e do casual, emprender, progresar, gustar e seducir ao mundo cunha idea: facer libros de calidade en Galicia para o mundo. O equipo dirixido por Xosé Ballesteros arrincou con humildade detrás dunha ilusión e axiña soubo transformala nunha realidade empresarial de éxito implantada na península, en Italia e México. A idea era tan bela como ideal: producir libro en galego, ben ilustrado, de calidade e en tapa dura pensado para os máis pequenos. Cando saltou a chispa é probable que os máis instalados e resistentes ao cambio considerasen o soño iso: unha fantasía inalcanzable, pouco realista, despegada da realidade e das leis da economía de mercado. A teimosía e paciencia dos soñadores demostrou todo o contrario. Hoxe Kalandraka produce tantos libros ao ano como vehículos a Citroen, compra e vende dereitos para editar en case todo o mundo, traduce os seus libros a ducias de idiomas, asiste ás feiras do libro máis importantes do mundo e calquera pode atopar un libro desta editorial en Boloña, Guadalaxara, Tokio, Tetúan, Santiago de Chile, Bos Aires ou Lisboa. Asentada nunha estrutura equilibrada e horizontal, na que as relacións laborais se entrecruzan co gusto pola lectura e a súa implantación, a empresa establecida en Monte Porreiro, imprime en Poio, almacena o seu material en Campolameiro e viaxa polo mundo en galego, castelán, xaponés, coreano, inglés ou árabe. Son moitos os recoñecementos que recibe esta empresa. O último, vímolo nos días pasados porque fixo entrega do galardón o Príncipe de España, foi polo que soe ser case sempre: «por el compromiso con la literatura infantil, destacando el cuidado de los textos, junto con la calidad de la ilustración y la dedicación a géneros más complejos como la poesía», calificando á editorial como «un referente en España y en el extranjero». E aquí radica ao meu ver a razón fundamental do seu éxito: unha exquisita e rigorosa elección na edición plasmada nun produto dunha calidade moi alta, especialmente no que toca á ilustración. O texto é unha mera axuda. O libro entra polos ollos en calquera cultura. Os primeiros premios viñeron do lado da ilustración e por aí continúa a súa veta do éxito. Para lectores miúdos – e para os que non o son tanto- había un elemento esquecido ou escasamente valorado que é o mimo polo ilustrador. Kalandraka apostou en firme por esta liña e o éxito está á vista. O seus libros sorprenden en Boloña, Barcelona ou Frankfurt pola orixinalidade e calidade da súa ilustración. Sería débil reducir o seu éxito á perfecta ilustración. O labor de selección dos textos, os dereitos mercados, as apostas por autores consagrados de renome internacional e a aposta por escritores ou ilustradores novos, son factores que tamén contribúen a que, aínda en tempo de crise, esta empresa medrase un 4%. Sen dúbida, tamén, pola audacia e visión a distancia, ao non se agarrar como táboa de salvación ás subvencións e axudas oficiais. A empresa parte do soño, da ilusión, sempre desde a humildade e sen hipotecarse na dependencia das axudas dos poderes públicos. A sobriedade e reinversión dos beneficios na empresa posibilitaron esa expansión e penetración internacional que hoxe a converten nunha editorial de referencia no seu campo. Parabéns para Ballesteros e o seu equipo. Dá xenio ver que hai soños que se poden levar á práctica. É un verdadeiro gozo comprobar que, contra vento e marea, sen estridencias, se pode desde Monte Porreiro editar libros para o mundo. O que dicía ao comezo: unha auténtica ledicia poder escribir sobre o éxito dunha empresa que resiste, que medra, que fortalece a su estrutura e recibe o recoñecemento internacional, intentando, nada máis e nada menos, facer libros en galego, fermosos e de calidade, para o mundo.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

jueves, 21 de febrero de 2013

CHULOS


COMPARTO CON MUÑOZ MOLINA ESTAS PALABRAS:

"Me aterraban de niño los chulos de la calle, y me siguen dando el mismo miedo".

Por desgraza, estamos nas mans destes chulos. 

lunes, 18 de febrero de 2013

ISTO NON O SALVA NIN TRILLO


COMPRENDO que a Trillo lle apetecese o posto de embaixador en Londres. Non en vano se especializou en Shakespeare e se curtiu entre coiteladas durante anos nas entrañas da xudicatura. Parece lóxico que un profesional aleuto diante das intrigas máis refinadas da política de resultados, como pago, alcance un posto de categoría, elegancia e prestixio como é ser embaixador á beira do Támesis. Pero non sempre os intereses individuais coinciden cos do colectivo ao que se pertence. Trillo realizou magníficos servizos ao PP manexando os asuntos de denuncias, aprazamentos, reviravoltas nos xulgados e contactos nos despachos onde realmente se decide o importante. Eses nos que o ulido dos cartos confunde aos bolseiros que se aplicaron en Deusto para rematar ao servizo dalgún expolítico ou avezado xurista que se dedica á verdade trinitaria do poder, a lei e os cartos. Aí foi onde o agora embaixador demostrou unha eficacia excelente para o partido. Se cadra o PP bota de menos a súa habilidade.
Os feitos parece que así o anuncian. Desde que el se instalou en Londres, en Madrid todo parece descompoñerse. Os elos da cadea soldada arredor das finanzas tronzaron, a defensa diante das "tramas" contra o partido quebrou e o ataque por vía xudicial aos contrincantes perdeu moita eficacia e vistosidade. Algo falla en Génova desde a desaparición do expresidente das Cortes. Está claro que quen le a Shakespeare con sosego e intelixencia acaba por coñecer ben a conduta dos humanos. Que logo a utilice para o ben ou para o mal xa é decisión súa, pero non podemos dubidar das grandes leccións que sobre a grandeza e a podremia do home, a súa valentía e vileza se poden succionar da reflexión sobre o autor de Ricardo II. Por iso considero que Trillo lle prestou tan elevados servizos ao PP e polo mesmo creo que, se o que prefire o partido é continuar na liña na que viñan actuando en lugar de se aclarar e renovar, o máis recomendable é que Trillo regrese a Madrid. A Londres que manden a calquera diplomático con bo corte de traxe e dicción refinada. Aquí, o que agora lle urxe ao partido que goberna é o renacemento daquel espírito bebido na mellor das literaturas e no que sempre demostrou ser un experto: Antes derrubar as murallas cos propios dentes que abandonar o asedio. O malo é que cando se goberna, un é quen sofre o asedio.


HABANERAS DE CÁDIZ

SILVIA PÉREZ CRUZ INTERPRETA A AS CANCIÓNS DA PREMIADA BLANCANIEVES.



AQUÍ FAI UNHA VERSIÓN DESTA HABANERA QUE POPULARIZARA CARLOS CANO. 

domingo, 17 de febrero de 2013

DEVOTOS DOADORES

Coma se o levasen no sangue. Cada quen elixe a maneira que mellor lle acae, pero ao que lle gusta doar, doa e non hai máis volta. Para unha clasificación inmediata e unha miga chapuzas poderiamos dicir que os doadores – os de sangue fóra, iso é outra categoría- poden ser de dous tipos: relixiosos e políticos, podendo en cada tipo ser doadores anónimos ou públicos e fachendosos. Os de carácter relixioso coñecémolos todos. Están máis relacionados co mundo rural e o pasado. Pretenden subornar ao santo de quenda con donativos, xa en especie ou con cartos, co fin de conseguir aquelo que tanto ansían, sexa necesidade evidente ou non. Chega con pasar polas romarías de Amil ou O Corpiño para decatarnos de que aínda seguen con fortaleza estes intentos por mover a vontade sagrada en favor das nosas necesidades: protexernos dun mal, aliviar a pena, atacar de raíz unha desgraza. Para iso, sexa á vista de todos ou refuxiándose no silencio, cantidade de devotos presentan exvotos, cobren de billetes o manto das santas ou acugulan os cepillos da igrexa para que logo eses cartos collan os camiños menos esperados. Mais, de calquera maneira que sexa, algo é evidente: o devoto relixioso está disposto a pagar a cambio dun beneficio declarado e ben exposto. A ninguén romeiro se lle ocorre deixar no cepillo da igrexa cen euros sen aclarar previamente ó santo se o que pretende é que non empeore a súa dor de ósos, o fillo atope traballo ou a indecisa da sogra aclare dunha vez de que lado caerá a mellora nas partillas. Máis desconcertado déixanme os doadores a partidos políticos. Respectados e deixados a un lado os doadores de corazón limpo (afiliados que pagan as súas mensualidades, persoas físicas que colaboran por convencemento ideolóxico), o que me sorprende é esa cantidade anónima ou non tanto de grandes empresarios que doan por «altruísmo» (tratan de que o supoñamos) cantidades por riba do permitido legalmente. Resulta estraño de raios ver que grandes firmas doan cunha xenerosidade insospeitada fortes cantidades de euros. Eses mesmos empresarios que se empeñan nun rigor esaxerado e rudo contra os seus empregados, os que controlan segundos, céntimos, vacacións, baixas por enfermidade, que insisten unha e outra vez que hai que traballar máis por menos, sen dereitos nin branduras, son logo os que, á calada, sen inmutarse, deslizan 100.000 euros para o PP (ou para o que sexa) quedando tan tranquilos. Poden negalo. Ou admitilo. Tanto ten. Nunca mostran a máis mínima intención. É a cambio de nada. Só para que os xerentes deses partidos poidan presentar unha conta favorable a fin de ano, para que ás campañas non lles falte burrada ningunha, anden sobrados de estupideces, ou para que os dirixentes dos partidos podan pagarse uns soldos adecuados ao seu sacrificio e espírito de servizo ao país. Nunca pensei que estabamos rodeados de altos empresarios tan desexosos de doar. Tolos como andan coas reformas en profundidade das leis laborais, nunca satisfeitos, todas tan ríxidas e intransixentes coma para non crear emprego, non imaxinaba eu que lles sobrasen milleiros de euros para doar sen pedir nada a cambio. Polo ben da democracia. Para que non deixen de funcionar os partidos de xeito tan aberto e transparente. Por iso case sempre prefiren realizar donativos anónimos, xenerosos, altruístas e silenciosos. Que a man dereita non saiba o que realiza a esquerda. E por iso os partidos levan con tanto sixilo este tipo de relacións. E por isto, tamén, ao fronte das finanzas dos grandes partidos soen estar individuos expertos no manexo das esmolas. Os gardiáns das esmolas relixiosas veñen actuando desde milenios desviando o prezo do suborno cara beneficios propios do terreal, non só de fe vive o home. Os gardiáns das esmolas políticas parece que saben como converter os céntimos en ouro, mover a través das veas dos cartos as transfusións máis podres, esas que manteñen o corpo en aparencia vivo, pero corrompéndose ata feder unha vez que algo de sangue salta diante dos ollos dos espectadores. Irrítanos e fártanos ver a facilidade coa que políticos ceden á tentación destes doadores, pero vai sendo hora de centrarnos algo máis nestes artistas da compra de vontades. Empresarios que presumen de laboriosidade infinita, de preparación elevada, de casta negociadora, cando en realidade non son outra cousa que simples romeiros ataviados de traxes caros e gravatas vermellas comprando os favores dos políticos que din querer gobernar polo ben de todos. Se o romeiro tradicional acode á virxe milagreira para que algo lle arranxe, é impensable que estes «buscadores de obra» regalen algo se non é con contrapartida ben controlada e rendible. Non existe democracia se non se vixía cada movemento, cada euro, cada contrato. Mentres estes doadores presuman da eficacia da súa devoción, seguiremos nun mundo atrasado, supersticioso, inxusto e trapalleiro. Dá vergonza mandar á mocidade estudar en serio para que logo deban demostrar se son bos ou malos en función de que unten mellor ou peor aos políticos que corresponda. Tanta modernidade para andar de xeonllos a Génova cun sobre de cen mil euros no peto disimulando o que todos sabemos...


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

domingo, 10 de febrero de 2013

UNHA MULLER QUE OFRECE CONFIANZA


MIÑA nai sempre tivo a facultade de falar sen respiro e atender a sete asuntos á vez. Pode narrar coas digresións pertinentes unha historia central sen perder o fío do que comentan os acompañantes, sen lle quitar ollo á cazola , ler os subtítulos cos que se defende da xordeira diante da televisión e sentenciar categórica acerca da cuestión máis candente. Como ultimamente a vida política ofrece motivos sobrados para non permanecer calados nin os mudos, ela non dá feito. Atormentada por se será ou non verdade canto se publica e comenta, desconfiada e furiosa porque lle toca un fillo no paro, busca entre o seu imaxinario das vidas de santos os tormentos máis dolorosos para os ladróns e lercháns aos que non se lles debería conceder nin a presunción de inocencia. Aínda non estudada en dereito, ela distingue perfectamente o xurídico do político, e se polo xurídico todos teñen a garantía da presunción, politicamente non concede a máis mínima escapatoria á sospeita e á condena.
Azorada pola cara lavada deses políticos que a diario saen mentido coma vacas vellas, emprendeu nunha das últimas sestas un discurso infernal a onde deberían ir parar todos. Alí, nunha xigantesca cazola de aceite fervendo, habería que ilos rustrindo lentamente coma no peor dos tormentos. Non merecen castigo máis benévolo, insistía. Non ven a cantidade de familias que perden a súa casa, os mozos sen un traballo que levar á boca, a cada paso máis xente á porta das cociñas económicas? E a cada pregunta que se ía facendo, acendíase igual que o lume que dá o morno necesario para que meu pai durma indiferente sen lle prestar a máis mínima atención. E canto máis sen acende no xenio e na rabia, máis medran os castigos para todos eles, sen distinción nin por partido, nin por sexo, nin por idade, por dignidade ningún, todos carecen de tal virtude. Así levaba un anaco esbardallando sen eito cando realizou unha pequena parada. Pensei que sería para pillar aire, para a súa idade o discurso era longo de raio, pero axiña comprobei que non era esa a razón. Cravou os ollos na televisión, sinalou co dedo retorto pola artrose o rostro de Angela Merkel e sentenciou coa seguranza propia da mellor analista: Ves, esa muller será como sexa, pero a min ofréceme confianza. Nin piamos. Estará quedando xorda e nin idea de alemán, pero ela ben sabe o que di e a ver quen llo discute.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

viernes, 8 de febrero de 2013

INXUSTO EMPOBRECEMENTO

Ao fin caemos na conta da esencia do funcionamento desta sociedade. E non tivemos que ler a ningún novo Kant, nin sociólogo excepcional. Tal e como corren os tempos, quen mellor comprende as trabes do edificio social é un avogado experto en defender causas nas que se moven moitos millóns. Eles son os que conviven a diario coas artimañas, picardías, trucos, vilezas, habilidades e intelixencia para defender no enramado complexo da xustiza a legalidade deste mundo no que non se distingue ben o patio de Monipodio das casas de caridade e atención ao próximo. E así, coma quen non lle dá importancia ao que di, nin declarase nada transcendente, o defensor dos intereses do sr. Urdangarín deixa unha sentenza sintética, definitiva e verdadeira do que se debe protexer: que os inxustamente enriquecidos non corran o risco do inxusto empobrecemento. Como saben de sobra, ese deportista emparentado coa realeza dedicouse a crear da nada sociedades ben estruturadas instaladas no fío da fronteira entre o ben e o mal. Digo fronteira, deixémonos de eufemismos: dilucida o xuíz se pasou a raia cargadiño de millóns de euros por métodos contra toda lei; por iso lle pide a el e a seu socio unha fianza nada miúda que ao parecer non dan xuntado ou non lle compensa xutala. Pois nestas é cando aparece a luminaria do seu avogado para nos deixar a perla do ano: recorrerá ao TC por violación do dereito á defensa ao abocar ao seu cliente a un inxusto empobrecemento. Velaí a ideoloxía do momento destilada nunha píldora de saber: os avogados, os economistas, a xustiza, as leis e os seus parlamentarios, os políticos e os executivos, onde deben concentrar toda dedicación, intelixencia e dilixencia é na defensa desta máxima: que ningún ladrón, pícaro, malcriado, embusteiro, traidor ou pirata, por inxusto que fose o método para se enriquecer, se vexa privado do seu dereito esencial, aquel que reza que nunca se vexan abocados ao inxusto empobrecemento. Miremos con lupa, coidémonos de non cometer o máis leve erro, vixiemos con garantía máximas, non sexa que algún malandrín se vexa abocado ao inxusto empobrecemento despois das falcatruadas múltiples das que se serviu para enriquecerse. Basta un mínimo ollo de atención para captar a mensaxe: as leis da economía e da xustiza tórcense a cada paso de maneira máis evidente. Non están pensadas para lograr a igualdade, a inclusión social, a cohesión, que ninguén se vexa abocado inxustamente á pobreza. Os despachos máis importantes de expertos non traballan sen descanso, con empeño, para a consecución dun obxectivo que vén recollido na Declaración dos Dereitos Humanos ou en case todas as constitucións: que as persoas teñan garantida a súa vivenda, o seu sustento, a educación e a saúde. Que prospere a tolerancia e o respecto, a igualdade de oportunidade e os sostemento da vida nas mellores condicións, incluso nalgunha se nomea a intención de lograr a felicidade. Non poden os directores do mundo dedicar tempo a estas ilusións vaporosas e irreais, ofuscados como están entregados á causa realmente interesante e poderosa: que os que lograron a riqueza, de calquera maneira que fose, non corran o risco de se ver abocados a un inxusto empobrecemento. Se atendemos á crise actual, de contado comprobamos que tódalas medidas e reformas van encamiñadas precisamente a que se cumpra esta obriga. Miren no modo de solucionar o problema financeiro, en como se aborda a creación de emprego, nas solucións ao déficit. Non hai medida que non conteña no fondo da súa intención última esta verdade universal e incuestionable. Analicen por onde queiran. A explicación última acaba sempre en idéntica necesidade: que os ricos non estean en perigo de empobrecerse inxustamente. Pouco importa que aumente o paro, que os mozos non traballen, que unha xeración quede condenada á inactividade, que os que traballan o fagan a cada paso en condicións peores; nada interesa que aumenten os excluídos sociais, que familias queden sen ter onde durmir, que a cada paso máis vellos e nenos dependan da beneficencia; de pouco ha servir que se alcen voces reclamando outras medidas, outro estilo de enfoque para este padecemento. Mentres os ricos non garantan os seus niveis groseiros de beneficio, non diexarán saída. As solucións, dolorosas pero con promesa de final feliz, cóntannos, só poden vir do lado da privación, de regalar a sanidade ao sector privado, de soster aos bancos con carto público, de rebaixar a educación e a atención aos menos favorecidos. Mozos, vellos, enfermos, nenos, diminuídos nunca están indefensos nin corren o risco de se ver abocados a unha inxusta pobreza. Se están así é pola súa culpa: por lacazáns, por acostumarse a depender do Estado, por non formarse, por pouco competitivos, por non ser dinámicos, por... Polo que sexa. Para eles, sufrimento e paciencia. Para os pícaros, os mentiráns, os agresivos e irrespectuosos, os ladróns sen disimulo, para os tramposos e violentos os equipos cos mellores defensores e moito tino: non sexa que os aboquemos a un inxusto empobrecemento.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

sábado, 2 de febrero de 2013

TODOS NOVELISTAS


ABUNDAN os escritores que prognostican que a novela está morta e ao mes seguinte publican unha. Se non me equivoco, Eduardo Mendoza é un deles, e non só publica, senón que recibe tódolos honores e premios e éxitos de vendas que os máis humildes quixeran para si. Eu non digo que estea morta nin deixe de estalo, simplemente me parece que se está a converter todo nunha novela. Miren por onde miren, esbouran cinascos de magma para escribir novelas a esgalla. O malo é que a maioría dos materiais que se poderían transformar en obras de ficción universais e eternas quedan en anécdotas baleiras e pobres que nada achegan á ruín realidade.
Claro que para que todo este material intente coller forma necesítanse creadores, artesáns, afeccionados ou atrevidos que intenten elevar a suxestiva realidade a narración con categoría literaria. E disto non falta. Así como se pode discutir se a novela está morta ou non, o que resulta evidente é que detrás de cada profesor, avogado, presentador de televisión, oficinista, policía ou xuíz agóchase un novelista en potencia. Algúns, recoñezámolo, dun oportunismo e descaro impropio da súa profesión. Eu comprendo que o momento polo que pasamos tenta ao máis sereno e abúlico dos espíritos. A quen non lle gustaría transformar o descaro corrupto de tanto pícaro en novela?; como resistirse á invitación de narrar as falcatruadas dun membro da casa real utilizando a institución con fins benéficos para facerse rico coma un porco?; quen non sente desexos de imaxinar unha aventura histórica a raíz do roubo dun libro único por un simple electricista beato encerellado nas sotanas dos cóengos da catedral de Santiago?; por que non ser un, avogado coñecedor e defensor dos mafiosos máis groseiros, o indicado para compoñer a mellor historia sobre o contrabando nas rías?; como non probar fortuna a ver se por fin é unha, xornalista farta de escoitar a mesmas imbecilidades ao ministro de quenda, a que eleva as súas trapalladas a categoría de novela sobre a inepcia de certos políticos?; por que non aproveitar a popularidade de saír a diario na televisión para vender unha historia erótica que os asesores editoriais lle indican pode ser un éxito soado? Con tanto material de novela neste país non estraña que tantos caian (caiamos) na tentación. E así nos vai: realidade de novela e todos novelistas (malos).

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

A VOZ DE RADIO PONTEVEDRA

A Eugenio Giráldez coñecino en Astorga no ano 80 do século pasado. Eu chegaba ao meu primeiro destino como profesor de secundaria e el dirixía, producía, distribuía, escribía e todo o que fixera falla, excepto a censura, no xornal da vila El Faro Astorgano. Debido á miña temeraria sinceridade xuvenil deille pé para algún titular no xornal citado que acendeu as apagadas almas da vila maragata. E algunha das miñas atrevidas colaboracións incluso lle obrigaron a utilizar a man esquerda e o silencio da miña pluma durante algúns meses para non escandalizar a monxas, cóengos e militares que tanto abundaban na vila. Lembro que, diante do estupor causado por unha das miñas colaboracións que máis alarmara entre as ben pensantes e acomodadas almas do lugar, pillara a unha catedrática sentenciando na sala de profesores do instituto no que traballaba: “ No cabe la menor duda de que es un rojo peligroso el muchacho, pero escribe de maravilla el condenado”. Ao me ver, serena e co sorriso nos labios, saudoume sen miga de rancor e eu agradecinlle en silencio tan estimulante comentario. Rematado o curso, conseguín traslado para Vilagarcía de Arousa. No día que nos despedimos, Eugenio deume a nova: probablemente coincidamos en Galicia, nos próximos días preséntome a unha entrevista para unha radio en Pontevedra. Non aínda eu ben instalado no meu novo destino, un día no coche escoitei a voz rotunda, firme, inconfundible de Giráldez. Así souben do resultado da entrevista e desde aquela en toda a comarca de Pontevedra e Arousa, tres ou catro veces ao día, era difícil non escoitar coma algo natural a información que nos trasladaba. Despois seguíronse encontros, entrevistas e charlas de compañeiros, escasas, pero por tempo que pasase, sempre fiadas non punto na que a deixaramos a última vez, pois Eugenio, ademais de magnífica voz, ten potente memoria. Tres décadas dan para moito labor profesional, pero as de Giráldez ao fronte dos informativos de Radio Pontevedra están preñadas de éxitos. O primeiro, a audiencia. Ningunha radio, nin pública nin privada, nin todas elas xuntas, lograron xamais competir cos seus informativos dinámicos, contrastados, ben adobiados de protagonistas e conexións en directo. A proba máis sobresaliente foi a consecución do prestixioso e desexado Premio Ondas ao pouco de se encargar da dirección, feito de especial relevancia para un programa informativo de carácter local. Pero é que o seu labor mantívose coa tensión necesaria ao longo das tres décadas, época de televisión incluída, destacando sempre pola desenvoltura coa que entrevistou ás principais personalidades da vida galega e española dos últimos trinta anos, polo incansable ánimo e veracidade que transmitía co seu fluído verbo e polo ameno vaivén co que se trasladaba dun tema a outro sen que ningún parecese menor. Pero non pretendo nesta lembranza do locutor do que prescindiu ou despediu, ou con quen chegou a un acordo a empresa para que se fose, non sei ben os términos da fin da relación, escribir un panexírico. Só pretendo agarrarme a un feito incontestable que hoxe non se valora suficientemente: a voz. Un locutor ha ser bo xornalista, rigoroso, traballador, curioso, ávido de noticias, pero deberá contar cunha voz especial para a locución. Hai anos que se está esquecendo algo tan elemental. Parece incrible que cada vez máis medios conten con voces débiles, apagadas, inexpresivas, inaudibles e inintelixibles algunhas, deprimentes. Incluso entre actores tamén se levan caras bonitas que non saben abrir a boca, vocalizar, que non lles chega o fío de voz á primeira butaca, que se complementan con tecnoloxía auditiva que non disimula a súa carencia. Pero na radio, especialmente na radio, se unha voz non entra como o facía a de Giráldez, se non asocias inmediatamente o timbre e a potencia cunha emisora, ese locutor e e esa emisora entán perdidos. Radio Pontevedra conseguira a súa voz. A de Giráldez. A que transmitía fiabilidade, seguridade, confianza, decisión. Unha voz entusiasta, sensible, modulada e redonda que invitaba a quedarte á súa beira. Cando unha radio logra tal compenetración cunha voz, dáse unha sintonía entre emisor e receptor non doada de alcanzar. Poden pasar décadas ata que se consiga unha compenetración idéntica. Do pouco que sei do asunto, deduzo que o empresario prescinde de Giraldez por motivos económicos. Talvez para que cadren as contas botou cálculo que así resistirá mellor. Calquera o sabe: para que hoxe cadren as contas hai que facer filigranas. Pero sexa como sexa, Radio Pontevedra conseguira unha voz que a identificaba, un informador de raza que transmitía con entusiasmo e veracidade día a día. Non creo que Giráldez estea só para xogar ao golf, por máis que se volvese tolo de ledicia ao descubrilo. Pasarán anos e ao caer o dial en Radio Pontevedra seremos moitos os que nos estrañaremos de que non saia a súa voz: Eugenio Giráldez.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA