lunes, 28 de julio de 2014

É MÁIS TARDE DO QUE PENSAMOS


PARECERÍA que só nenos e mozos ignorasen a velocidade á que vai a vida, pero non é así. Os maduros, os vellos, mesmo os avisados por enfermidades tan traidoras coma perigosas, caemos na trampa de pensar que aínda hai tempo, que o tempo é o único que Deus dá de balde e sobra, e xa o faremos. Cando non. A vida foxe a unha velocidade endiañada, bule sen avisar, avanza cara ó límite moito máis rápido do que queremos pensar, incluso sen ter en conta as pésimas sorpresas dos accidentes. Pensa alguén que lle tardará a vellez, ou os achaques, ou a desilusión, ou o cansazo, ou a desorientación, ou a apatía, ou a tristeza pola perda dos outros? Non teñas medo. Moito antes do sospeitado todo iso irá aparecendo aos poucos ou por xunto, nunca se sabe, pero si que todos iremos experimentando o deterioro, dunha maneira máis agresiva, máis lenta, máis disimulada, pero presentaranse, e collerannos pola caluga, e sorprenderannos coma se nunca ninguén nos avisase, coma se fose a primeira vez que un home se atopa só e incapaz diante do unicamente certo.
Se isto o tiveramos máis en conta, máis apreciaríamos conxugar o xogo coa calma e paz, o aproveitamento do presente sen as angustias e presións dun futuro descoñecido, a intelixencia de dar por morto o pasado, pois a memoria engana, só para a reconstrución do presente é utilizada e manipulada. E máis gozaríamos do equilibrio que se é de balde: a beleza do natural, a amabilidade, escoitar a quen o precisa, deixarnos ir en quen nos recibe, equilibrar movemento con abstracción, recoñecer os pequenos praceres que nun instante dan alegría, o máximo ao que podemos aspirar. Momentos de alegría sumados á fortaleza de aceptar a súa obrigada contrapartida: a dor, a pena. Instalarnos nun realismo no que caiban as sorpresas, a curiosidade, a escoita, a busca, a esperanza crítica, a aceptación. Aprender a gozar do que temos á man e ser ledos deberían ser as primeiras materias de aprendizaxe do ser humano. Porque ademais, así, estariamos máis cerca da amabilidade, nunca ben valorada, pois é a porta da concordia social. Pero para ser amables cómpre gozar con algo, quen con nada goza vólvese un ser desagradable. Gozar do que cada quen saiba é a mellor maneira de entender que non sobra o tempo, que é máis tarde do que pensamos, que non merece a pena distraerse constantemente con canalladas que nos amarguen.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

NIN UNHA LARANXA NO REINO DOS CEOS


O fácil é chegar ao punto sen retorno. O complicado é retroceder. Chégase ao punto sen retorno cando en base a ofensas graves un se encastela no odio  irracional, irreparable, imperdoable. O odio que se perpetúa nun círculo que vai de inferno a inferno, cada vez con labaradas máis vivas. Aparecen entón as feridas tan abrasadas que non se ve  outro camiño que o da instalación eterna no odio eterno, no da aniquilación do outro. É así cando pobos veciños acoden como mellor saída á violencia extrema, ao desexo de arrasar con todo o que estea no campo de miras do ser odiado. No conflito entre Palestina e Israel chegouse a un punto sen retorno co consentimento internacional máis filisteo que se poida imaxinar. Porque se Hamas son os ollos do odio irreprimible dos débiles, dos perdedores, dos que quedan sen cen ollos (máis de cen nenos) por cada un que lle baleiran ao inimigo, o goberno guerreiro e desapiadado de Israel é a mirada fría e calculadora do superior que non pensa concederlle nin auga ao débil  na hora da súa agonía. Cheira tanto a podre o odio desa terra que dá pánico ver como os organismos internacionais se entreteñen entre declaracións e xestións tan eternas coma o odio que os chegados ao punto se retorno se profesan. 
Que ambos se odien e caian na dialéctica perfecta do círculo do inferno non implica que ámbolos dous compartan idéntica responsabilidade. Quen goza dunha posición superior debe mostrar máis flexibilidade e desexo de rachar co círculo; ao masacrado descúlpaselle de mellor gana a única saída que parece ao seu alcance. Mais, repartidas as responsabilidades segundo feitos probados, a quen corresponde o maior peso na resolución destes conflitos é a quen se mantén algo arredado do lume do odio. Son organismos internacionais e os países menos implicados os que deberían impoñer cordura e moderación en quen abusa, esperanza nos que sofren a lei de cen bocas pechadas por cada dente que me arrinques. Son demasiados anos, demasiadas vidas, demasiados nenos sen culpa os que están regando co seu sangue as terras de Palestina. Repoñíase un destes días na TVE (algo hai que ver algún día) a magnífica película de Ridley Scott El reino de los cielos. Desde aquelas vergonzosas cruzadas segue estando Xerusalén no centro do odio. Que vale Xerusalén?, nada...e todo. Non se pelexa pola relixión, senón, coma sempre, polas terras, a dignidade, a riqueza, o dominio, a resistencia. Pero utilízase a tradición, a crenza, o medo no divino, as afrontas do pasado, as contas pendentes para axustar o odio irrefreable contra o outro. Lugares sagradas convertidos en lugares de asasinato. Lugares de oración transformados en morgues de pranto inconsolable. Lugares de peregrinación en terras das que fuxir porque a metralla inimiga sega a vida de inocentes inconscientes da grandeza do divino ou da miseria do pagán. Muros de lamentacións só para os prantos duns. Restos sagrados atopados a feixes para demostrar o indemostrable. Terras nas que a reflexión sobre a Tora, o Corán, o Antigo e o Novo Testamento de nada serviron para achegar o entendemento entre os homes. Lugares santos nos que parece imposible que algunha vez soase a palabra amor nos labios de Xesús de Nazaret. 
O fanatismo contra o fanatismo, incontrolado e permitido polos intereses internacionais menos confesables, impide que se albisque a máis mínima esperanza de freo ao odio. Certo que noutras latitudes con menos visibilidade acontecen desgrazas aínda maiores, que en África os salvaxes armados por si se sabe ben quen regan de sangue infantil os campos secos. Pero que ás grandes potencias lles vaia tanto nese espazo tan reducido sen lle importar que dous millóns de persoas morran illados, aparcados, desterrados, antes de que os maten polo odio no que se cocen, dá que pensar sobre a “orde nternacional” que estamos consentido e alimentando. A complexidade do problema non impide que se interveña para a paralización das masacres. Se algúns seguen impunes e seguros arrasando é porque saben que non traerá consecuencias onde lles doe. 
Miguel Anxo Murado escribía hai uns días un preciso artigo no que lembraba unha laranxa que comera en Gaza vendo a praia na que se lle antollaba que era onde estes días morreran tres nenos. Unha laranxa doce que xa non se dá. Unha laranxa imposible porque alguén se encargou de exterminar o cultivo do posible, da auga que rega e dá froitos doces. As froitas que agora se recollen son todas amargas. Cando o odio enxerta no fanatismo máis cruel, cando se chega ao punto sen retorno, non hai amor, nin lei, nin tradición, nin oración, nin sacrificio, nin súplica, nin lamento que permita non que o reino do ceos chegue, nin tan sequera saborear unha laranxa vendo medrar aos fillos. Só os que ven desde fóra aos que se odian poden intervir con determinación para separalos, calmalos e logo ensinarlles a falar. E parece que aquí ninguén ten intención de separar a ninguén, aínda que un mamalón malle con descaro sobre un inferior indefenso, por rabudo e odioso que o pequecho tamén se saiba manifestar.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

lunes, 21 de julio de 2014

DUELO AO SOL


No carozo do verán, cando o sol máis peta, antes de que “a casta” política nos deleite coas súas novidades de vacacións (pantalón de deporte, carreira ao trote), os intelectuais cítanse con manifestos coma nun duelo dos da infancia, naqueles nos que, ao sol, entre po e soidade, os dous máis rápidos do oeste se dispoñen, fronte a fronte, a ver quen dispara máis rápido. Quen primeiro disparou, pero ao parecer só enrabechando aos contrarios, foron os “Libres e iguales”, con Mario Vargas Llosa á cabeza. Mais de inmediato os “federalistas”, con varios escritores como estrelas, ademais de catedráticos e xornalistas ligados ao xornal “El País”, disparan con pólvora mollada porque ao final, xa o verán, todos marcharán de vacacións e Más, o máis pillo da redonda, seguirá coa súa ameaza de roubo de cabalos, prender lume ás facendas de quen non se ateña aos seus caprichos e mandando sen lei.
Ao parecer este duelo de manifestos arrincou porque Rajoy e Mas van falar. Temen os comandados por Vargas Llosa (queira ou non é el o máis visible do grupo, fose ou non quen impulsou o escrito) que o encontro sirva, coma en negociacións anteriores, para que a chantaxe do medrado Mas acurrale a Rajoy sen saída, a non ser concederlle un privilexio económico coma o dos vascos e das vascas, algo que, sen dúbida, vai contra a igualdade e a solidariedade de todos os cidadáns que en 1978 comezaron a aventura dunha España democrática. Pretenden, ademais, dar acollida e consolo a aqueles cidadáns de Cataluña que, por non ser secesionistas, se poden sentir illados e sós. Os Almudena Grandes, Montero, Caballero Bonald, Ontiveros, e outros ( aquí ninguén alcanza a talla dun Vargas Llosa para ser o “chico ou chica” da película) avogan por unha España que renove as autonomías nun federalismo europeo no que a lealdade e a cooperación recíprocas sexan as bases dunha convivencia solidaria e sen prexuízo dunhas comunidades contra outras. 
Lin os dos manifestos con detalle e os dous me gustan. Parécenme complementarios. Hai tempo que veño escribindo de acordo co diagnóstico dos asinantes de “Libres e iguales”: “El nacionalismo antepone la identidad a la ciudadanía, los derechos míticos de un territorio a los derechos de las personas, el egoísmo a la solidaridad.” E manteño que durante todos os anos de democracia, con métodos arteiros, os nacionalismos ricos, manobraron con tácticas opacas para conseguir privilexios a costa da soberanía do resto dos cidadáns de España. Certo que as propostas deste manifesto aparentan máis pechadas e belixerantes, intransixentes incluso, asentándose na actual Constitución, pero non me parecen tan inmóbiles coma para non aceptar cambios sempre e cando se garantisen as condicións que o manifesto dos federalistas esixen. Porque cun talante menos ríxido, o segundo manifesto por orde de aparición, aínda propoñendo un cambio centrado na autonomía lexislativa nunha cámara territorial e nun federalismo con dirección Europa, encárgase de aclarar que esa transformación haberá de contar con “una financiación justa y equilibrada, basada en los principios de igualdad de derechos de los ciudadanos, de solidaridad entre los territorios y de ordinalidad, en el sentido de que ninguna comunidad se emprobrezca por causa de la referida solidaridad”. Ao final, complementarios. Talvez aos segundos nos lle guste a contundencia e claridade do diagnóstico dos primeiros, e aos primeiros a aparencia de docilidade dos segundos, pero no fondo están dicindo o mesmo: a aventura do secesionismo sería unha desgraza para España; non se debe permitir que dure máis esta inestabilidade territorial que a algúns tantos privilexios lles está regalando; debemos, seguindo os pasos constitucionais, lograr un equilibrio e solidariedade entre todas as comunidades de España, respectando, coma xa se fai, as peculiaridades de cada unha; e convén alentar á cidadanía para que reflexione a fondo sobre a gravidade do enredo que algúns alimentan con boa dose de populismo. 
O duelo ao sol, ao remate, non está entre manifestos nos que os seus impulsores  poderían terse reunido para sacar un conxunto, limando asperezas dun e aguilloando o morno do outro, senón no desafío groseiro e pasado de ton ao que a “casta” política catalá lle lanza ao resto dos cidadáns españois. Din os contrarios ao estilo de “Libres e iguais” que agocha outro estilo de nacionalismo español e que con tal contundencia só se logrará que os cataláns aumenten o seu descontento, atopándonos moi pronto con resultados democráticos que apoien aos máis claramente secesionistas. Non entendo tales argumentos cando xa comprobamos a onde se chega pola vía da concesión á defensiva. Se cadra o que necesitan moitos cataláns é escoitar outras voces, por cruas que soen, para saber onde os poden levar quen lles enchen a cabeza de paxaros. Sexa como sexa, este duelo ao sol (sen pistolas, que son para enredos de nenos ou películas), debería reunir a libres e iguais xunto cos federalistas transformadores nun gran fronte que lograse convencer  a tódolos cidadáns que xuntos e solidarios nos iría moito mellor. 


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

OBRAS SON AMORES


ATEMORIZADA a clase política polo fino diagnóstico de Pablo Iglesias, deu en mallar nel conseguindo que medre coma leite no lume. Chegou ao colmo o desexo de aniquilación cando nun programa de televisión se invitou a un experto en linguaxe xestual para detectar a agresividade nese modo de ensinar os dentes e o perigo de entrar na Moncloa con kalashnikov no seu malicioso e retorto pensamento, que se deducía de como pregaba o cello ao falar. En fin, un despropósito tan groseiro que a ninguén se lle escapa o afán por destruír un bo comunicador que contactou co descontento dun enorme número de cidadáns que están dispostos a probar o imposible visto que o posible vai sempre contra deles.
Por suposto que o programa deste Podemos tan de moda é unha utopía, unha receita de remedios populistas que só pode entusiasmar aos máis necesitados de consolo, polo que se ve, bastantes. Pero que programa non vende fume? Que saibamos, agás o aborto, nada do dito no do PP se cumpriu. E os seus votantes non se senten estúpidos nin bobos por telos votado. A realidade tronza nos programas con tal facilidade que xa o profesor Tierno Galván se atrevera a dicir que non eran máis ca unha enumeración de mentiras máis ou menos piadosas. Que pretender non pagar a débeda, garantir un salario mínimo, retirarse aos sesenta anos e outras grazas que o programa de Podemos nos ensina son irrealizables, sábeo mellor ca ninguén Pablo Iglesias. Pero o que parece tamén saber é que partindo dese soño se pode ir pouco a pouco sumando o apoio para que logo a realidade poña cada desexo no seu lugar. O que ensinan e ben, perfectamente coñecedores dos novos tempos, son as direccións que a un bo número de cidadáns lles chaman. É un desexo a alcanzar. Outro galo cantaría se as posibilidades de acceder ao poder estivesen cerca. Isto non deixa de ser o inicio dunha longa marcha que agardamos non remate coma a de Mao. Pero o que si parece claro é que, polo momento, pretenden demostrar que obras son amores. Xa están planificando como distribuír os cartos que sobrarán de conformarse con salarios dignos. Unha medida populista, demagóxica, o que queiran, pero que leva no fondo a mensaxe clara: cumprimos o que prometemos, non seremos coma os Pujol que amasan millóns a costa da política, viviremos dignamente e iremos detrás do faro da igualdade. Atentos, que diría Miguel A. Aguilar.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

martes, 15 de julio de 2014

COMER A SHAKESPEARE


EN non máis de trinta anos o sistema de aprendizaxe cambiará radicalmente. Ninguén necesitará ler en ningún soporte. Todo poderemos comelo. Si. Comer unha píldora coa información que desexemos e esta correrá polo noso sangue ata apropiarnos dela por completo. Isto é o que predí Nicholas Negroponte e para el non ofrece a menor dúbida, máis, di seguro, fortalecido porque todo canto vén predicindo de dez en dez anos cúmprese ao pé da letra. Se así fose, a píldora de información comida, unha vez no torrente sanguíneo chegaría ao cerebro onde se iría apousentando nos lugares debidos para así quedar dentro de nós. Que guapo, estarán pensando moitos dos meus exalumnos.
Nin que dicir cabe que un servidor non lle nega a predición a Negroponte nin a ninguén. O futuro sempre foi sombra difícil de penetrar e por máis que algúns manexen datos que lles permitan arriscarse, complexo será adiviñar asuntos de tanta transcendencia. Máxime á velocidade coa que está cambiando todo. Certamente é máis ca un milagre ver o que con internet cambiou o mundo en tan poucos anos. Non serei tan escéptico coma para negar categoricamente que algún día poderemos comer a información. En calquera caso, o que si me parece bastante probable é que eu non poida experimentalo, polo que non me vai quedar máis remedio que seguir lendo, en papel ou soporte dixital, aquelo que me apeteza coñecer ou aprender. Pero na hipótese de que tal prodixio se adiantase e chegasen as píldoras moito antes do que Negroponte prognostica, ando a darlle voltas a cal sería a primeira que mercaría. Unha decisión nada banal. Porque supoño que tampouco podería un indixestarse de pastillas do coñecemento sen freo. Algún cólico se produciría se un mete entre peito e lombo a Homero, Virxilio, Platón, Sócrates e Aristóteles pola mañá, e pola tarde Descartes, Hume, Locke, Hobbes e Spinoza. E canto máis non sufrirían aparato dixestivo e veas se ao día seguinte lle empaquetamos un xantar con Tolstoi e Dostoievski, e para cear Proust. Non creo que se puidese pechar ollo acabando o día con Guerra e Paz, Crime e Castigo e En busca do Tempo perdido buscando a un tempo apousento no cerebro. Por iso sospeito que habería que andar con tino, comer moderadamente, co que eu, se hai sorte e dou pillado tal milagre, xa teño decidido que o primeiro que me comerei será a Shakespeare completo. Logo xa iría vendo.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

FILGUEIRA TRINCHADO NA MESA


Á Mesa pola Normalización Lingüística non lle gustou nada que a Real Academia Galega elixise como homenaxeado para o días das próximas Letras Galegas a Filgueira Valderde. O seu descontento susténtase na actividade política durante o franquismo do futuro homenaxeado, chegando a dicir textualmente que «dedicar alegremente o 2015 a unha persoa coa súa traxectoria é un insulto a todas as persoas que nas peores circunstancias imaxinábeis fixeron todo o posíbel para dignificar a lingua galega, pagando mesmo a súa actividade a favor do noso país e da nosa lingua coa prisión, o exilio ou a morte e é xa que logo, un insulto tamén para as persoas que hoxe seguimos a traballar para que a lingua galega recupere os espazos que lle foron roubados». Como ven, palabras maiores. En resume, para a Mesa, Filgueira foi un aniquilador da cultura e lingua galegas. Sen tanta dureza, pero tamén decepcionado pola falta de unanimidade e por lle parecer improcedente, o alcalde Lores coincide en que é un erro a elección do pontevedrés e adianta que institucionalmente xa indicarán se colaboran ou non en tal efeméride.
Que Filgueira foi alcalde de Pontevedra en época franquista é un feito. E que a colaboración con aquel réxime non se pode ocultar, tampouco. Aínda así, é isto razón suficiente para negar o pulo e a vitalidade que regalou á cultura galega? Porque o ‘vello profesor’, ademais de alcalde en época triste, foi animador na mesma época da creación de institucións que rescataron a cultura galega do esquecemento. A Sociedade Arqueolóxica, o Seminario de Estudos Galegos e as súas investigacións sobre a lingua teñen peso de sobra para merecer o seu estudo, recordo e elevación ao Parnaso da cultura galega. Máis aínda para Pontevedra, cidade á que estivo ligado en tódalas facetas culturais e, sobre todo, pola inmenso legado que lle deixou ao ser o máximo impulsor dun tesouro que se cadra, entre fumes de celulosa e fotos á beira de Franco (cantos naquela época non tiveron máis remedio que fotografarse con el de fondo!), non se valora na súa xusta medida: o museo. 
Sen desmerecer toda a erudición e escritos da próxima personalidade das Letras Galegas, paréceme que Galicia e en especial Pontevedra deberían aproveitar este ano para facer aínda máis visible a grande obra por el cimentada. Que unha cidade coma Pontevedra conte cun museo de tal categoría non é doado. Desde os anos corenta ata o oitenta e seis o profesor Filgueira, afianzando o comezado por Casto Sampedro e Álvarez Limeses, apuxou para levantar e mellorar un museo que hoxe, grazas á continuidade que sabe manter o seu discípulo Carlos Valle, é unha envexa para calquera cidade do país do tamaño de Pontevedra. O empeño na procura de mecenas, na colaboración con investigadores e coleccionistas, converte o que parecía un museo provincial nun de carácter universal no que conviven xoias como o Tesouro de Agolada como pequenas pezas exipcias ou romanas. Varios edificios emblemáticos da cidade conteñen unha variedade e riqueza universais que posiblemente non se valoren todo o que merecen. Pois na consolidación deste tesouro, entre outros méritos, puxo o profesor Filgueira Valverde un esforzo impagable, polo que, aínda que só iso fixese, merecería a homenaxe que a Real Academia decidiu dedicarlle o ano próximo. 
Entendo a dificultade que supón aceptar a valía dunha personalidade desta categoría con determinados erros debidos a unhas 
circunstancias históricas moi malas de comprender desde este momento. Pero é un vello problema no que non debemos caer nin deixarnos enredar. Non podemos restar o mérito literario a ‘Viaje al fin de la noche’ porque Céline fose un impresentable en determinados aspecto da súa conduta; a ninguén se lle ocorrería eliminar a Tolstoi da nómina dos autores máis grandes do universo por dedicar os últimos anos da súa vida a unha pseudorrelixión inxenua e aloucada; sería unha bobada desprestixiar ao autor de ‘Los gozos y las sombras’ polas súas necesidades vitais de coquetear co réxime de Franco; ou non digamos anular de entre os mellores escritores do século XX a Álvaro Cunqueiro polo mesmo; ou, en fin, deixar de recoñecer que Borges é un xenio da literatura universal por algunhas manifestacións políticas que non entran dentro do correcto nin do sensato. Esa visión tan absoluta xulgando o pasado dun escritor, pensador ou intelectual nunca empequenecen a grandeza da súa obra. De Heidegger podemos sospeitar o que queiramos sobre os seus tratos co nacionalsocialismo ou co pouco cabaleiro que puido ser con Hanna Arend, pero iso nunca invalidará a súa fina análise filosófica en ‘Tiempo y ser’. De don Xosé Filgueira Valverde poderán manterse as sospeitas que se queiran durante os anos de alcaldía na época franquista, pero ninguén pode dubidar de que é un digno merecedor de ser homenaxeado no día das Letras Galegas. E paréceme desproporcionado como algúns o trinchan sen piedade na súa mesa. 


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

sábado, 5 de julio de 2014

AUGA DE MUNIELLOS




MUNIELLOS




NIN FLORES NIN MEL


NA casa de meus pais tiñan tres covos que producían un mel escuro e saboroso de baixa montaña. As abellas andaban ó néctar de mil flores, eucaliptos e castaños producindo litros suficientes para toda a familia e aínda para regalar. Meu irmán é o apicultor. Polo outono todos colaborabamos na elaboración do mel puro, sen máis arte que protexerte para que as abellas, ao lles encher o covo de fume, non picasen, cotar con coitelo quente a cera dos paneis, derretelo no xiro veloz do bidón e deixalo logo no recipiente de filtrado á beira do lume para, unha vez lenta e naturalmente limpo, transvasalo aos botes no que se gardaba. Hai tres anos dous covos quedaron sen abellas. Este ano o que resistía tamén acabou por quedar baleiro. Agora a cortiza segue á beira do valo en espera de que outras abellas volvan, pero non sabemos cando. Ninguén lle atopa explicación.
O problema da desaparición das abellas é grave. Non só porque se perde o mel senón porque a falta de polinización repercute de maneira seria no equilibrio do medio. Pensábase que esta función poderían suplila abellóns e avespas, pero é que tamén estes faltan. A causa, como soe ocorrer na maioría dos grandes problemas, dise que é debida a múltiples factores, pero por máis que as fábricas químicas conten con medios e expertos para nos convencer do contrario, todo fai pensar que os insecticidas e os herbicidas teñen moito que ver nas causas deste desequilibrio. Tanto Bayer coma Basf insisten en que non é debido aos produtos químicos polo que as abellas sofren este andazo, pero moi estraño parece que en canto o uso ou abuso sulfatado químico aumenta os himenópteros desaparecen. Raro mundo este que avanza con tantos adiantos para eliminar pragas ao tempo que os seus efectos eliminan procesos que dende sempre seguiron o seu curso sen maiores atrancos. Dá a impresión de que nos esforzamos, investigamos, inventamos para mellorar a calidade dos produtos e producir en maior cantidade ao tempo que imos aniquilando procesos naturais que durante séculos nos serviron e nos deron vida. Perigosa este bucle: sulfatamos os campos con química para mellorar e a un tempo matamos o que a natureza por si producía. Desexo que os investigadores descubran canto antes a causa principal desta desfeita, pois coincidirán comigo que mal imos nun mundo onde a este paso quedaremos sen flores e sen mel.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

QUÍMICA PURA


Nos países con alma terrorista, o químico é moi apreciado. Se recordan a propaganda de cada día que se vivía nos tempos anteriores ao ataque a Iraq,  entre os máis crueis e sanguinarios dirixentes de Sadam atopábase varios químicos. Vese que coñecementos desa ciencia colaboraban a conciencia cos mecanismos de cumprimento dos obxectivos ditatoriais. Sen unha manifestación tan evidente, países sen ánimo tan abertamente terrorista, non deixan de apreciar aos seus científicos do terror, entre os que, por suposto, non faltan químicos. E en países imperfectamente democráticos, pero decididos a non permitir o crime, menos o de Estado, tamén abundan os químicos, e arreden, por favor, toda conexión maliciosa entre os primeiros e os últimos. Quero simplemente dicir que non só os que estudan políticas, os expertos en dereito, economía e socioloxía se lanzan á práctica  da cousa pública senón que a cada paso persoas formadas no máis puro método científico abrazan as tarefas de argumentación parlamentaria ou na decisión executiva. Un trío como exemplo extenso e ben coñecido podería ir desde Merkel (aínda que a súa licenciatura é en física, o doutorado fíxoo en química cuántica e o seu actual marido tamén é químico), Rubalcaba (profesor de química orgánica) e a nivel local Antón Louro (aínda que Jabois o retratara como bispo, non deixa de ser profesor de química).  Dos tres só Rubalcaba parece decido a regresar á súa vocación inicial, de Merkel ninguén pode sospeitar que no cumio do poder queira deixalo e polo que a Louro toca, mentres Lores e máis el practiquen ese amor de conveniencia, nada indica que ata as novas eleccións se produzan cambios relevantes. 
Por Rubalcaba nunca disimulei a miña admiración. Certo que o remate non foi o máis glorioso para unha vida política tan intensa, pero aínda así demostrou non ser só un sobrevivente senón un parlamentario e gobernante de máis categoría que algúns que chegaron a presidentes do goberno. Comunicador tan hábil como eficaz, soubo enfrontarse a situacións de dificultade elevada; como parlamentario, tivo épocas – non tampouco esta da despedida-  de verdadeira brillantez e finura igualada por poucos desde que se recuperou a democracia. Nos labores de negociacións sutís gasta sona de ser un experto; como político con visión de Estado ata a Cia llo recoñece, ademais de Rajoy, que, agora na hora da despedida, mostra respecto por quen, como parece obrigado diante dos seareiros, manifestou desdén e lixeiro desprezo, sen chegar ao de Zapatero, pero en idéntica liña. 
Dos méritos que á saída lle irán vindo á cabeza a compañeiros de actividade e xornalistas, para min ningún tan alto como o de fino parlamentario. Escasean. Non digamos nesta lexislatura. Pero desde a restauración da democracia, poucos parlamentarios, por máis que volva a memoria a Roca ou Herrero de Miñón, González ou Guerra, Carrillo, Erkoreka ou Labordeta, a ningún lle escoitei pezas tan ben trazadas nos seus argumentos, tan serenas e fondas, tan temperadas e non exentas de mirada crítica e progresista. Foron intervencións contadas e en diferentes etapas, ao servizo de González ou de Zapatero, pero uns servizos de calidade e coherencia pouco frecuentes. Pero iso queda lonxe. O máis achegado témolo cando colleu os despoxos de Zapatero, tanto no partido coma no electorado, intentando coser unha rede que non estaba para volver ao mar. Na recuperación da fe entre o electorado o fracaso final foi estrepitoso, os datos non enganan. En canto a termar do partido ferido, podería pensarse que o fracaso foi idéntico, mais eu discrepo: resistiu o razoable, abandonou sen forzar o ridículo e dubido que se dimitise antes as cousas pintasen mellor para o desnortado PSOE. O problema deste partido non é precisamente Rubalcaba e se non ao tempo. 
Agora abandona como se debe abandonar: de todo, sen medias tintas, sen ambivalencia. Deixa unha actividade pola que sentiu paixón, á que dedicou grande parte da súa vida para regresar á súa vocación inicial. Non porque abandonase a química durante todos estes anos. O esencial na política, coma no amor, é a química, a pura química de conectar, de mesturar en harmonía, sen esbourar, os elementos distintos, os intereses confrontados, as distintas substancias que mal tratadas poden arder ou causar un grande cataclismo. Rubalcaba non necesitará excesivo reciclaxe para regresar ás súas clases de química orgánica. Coñece ben as novas metodoloxías educativas, está ao tanto do funcionamento da investigación en Europa, e a a súa especialidade básica non é tan cambiante coma para non se dar posto ao día nestes meses de verán. Gastado e queimado na dedicación á química política, regresa á química pura. Creo que os alumnos aos que lles toque, terán sorte.  


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA