domingo, 21 de junio de 2015

MERA ILUSIÓN

AMAR é onde di o último libro de poemas de Joan Margarit. Onde e talvez cando. Todos temos dereito a pretender un cambio de vida, o que resulta máis inxenuo é querer cambiar de idade. Pero como a vida se afunde na vulgaridade e na ilusión, confundimos cambiar de vida con cambiar de idade, equivocamos onde con cando, arriscamos na fin coma se estiveramos no comezo. Pero así é vivir e ninguén, por culto, experimentado, viaxado e triunfador que sexa, escapa ás tentacións da vulgaridade e da ilusión.
Dende os dezaseis anos, aínda sen nunca coincidir con el, coñezo a Vargas Llosa coma se foramos compañeiros de adolescencia no internado Leoncio Prado. Tiven tempo, seguindo a súa vida e obra, para comprender algunhas claves da repercusión dunha na outra, algo que soe ser frecuente en case todos os creadores. Que nestes días a vida persoal de quen escribiu La tía Julia y el escribidor sexa a noticia rosa por excelencia non me pasou desapercibida, como probablemente a case ninguén que me lea, está claro que nunca nos sobra distracción. Por suposto que o que se comenta non deixa de ser asunto privado e non merecería nin unha triste liña se non fose porque sabemos que nada é banal para a intelixencia e capacidade creativa do escritor de Arequipa. Unha das súas ideas base insiste en que o mundo foi, é e será unha porcallada tal e como nos ensinou Discépolo no seu tango, pero que para iso contamos coa literatura: coa súa capacidade de transformar a realidade, de atrapala e mellorala, rebelarnos contra esa vulgaridade e fracaso permanente por medio das palabras e da construción de mundos que nos melloran. A súa fe na literatura impulsouno durante a vida a machicar a realidade ata regalárnola nun mundo con vida propia amasado cos materiais da incompleta e irrespirable realidade. Quen pretende reinventar o mundo vese se cadra obrigado a reinventarse tamén el mesmo. Non nos importa a súa elección de como reinventarse, pero si o que poida repercutir nas próximas creacións. Margarit vai á esencia: "La vida se hunde en la vulgaridad/y en la mera ilusión. En la vulgaridad/por no haberla arriesgado en los comienzos./En la mera ilusión/por arriesgarse de una forma/desesperada al acercarse el fin". Llosa conviviu co risco dende os comezos para manter a raia a vulgaridade, pero co que non pode, igual que un caquera ao intentar ensanchar o tempo, é coa mera ilusión.

O FRACASO DA RENDA BÁSICA

            Non é que andemos cerca do templo a Apolo Licio nin que sexamos todos aristotélicos, pero por pasear que non sexa. Gracias en boa medida aos cartos chegados de Europa, rara será a cidade ou vila, de costa e de montaña, que non conte cun paseo magnífico á beira do mar ou dun río por onde persoas de toda condición combatemos colesterol, ansiedades varias, preguizas ou indolencias guiados polos consellos saudables máis de moda. Sendo tantos os que recorremos aos beneficios de tal práctica, non é estraño que na peripatética práctica non atopemos con  coñecidos, algún mesmo case esquecido como me aconteceu nun destes días. Estudaramos xuntos en anos de adolescencia pero logo perdinlle a vista coma a tantos outros, mais ao recoñecernos coincidimos nese punto do pasado onde parece que todo quedou inmóbil, fraguado nunha pasta carente de emoción pero nítido.    Postos ao día da situación de cada quen, descubrín axiña que el, máis novo, pasaba por momento laboral complicado. Despois de anos en varias empresas, quedara hai xa máis de tres en paro e agora, sen cobro de ningún tipo, resistía entre algodóns familiares como boamente podía. Non quixen saber máis e el considerou que cos indicios aportados chegábame para  entender. E por se non me quedaba claro, resumiu: “Xa sabes: somos moitos os que sufrimos deste mal, o que pasa é que non nos queren ver”.
            Nos comezos da crise apareceu con forza nos medios o economista Niño Becerra. Polas declaracións apocalípticas que facía desconfiei do seu rigor, pero preocupeime de contrastar as súas predicións cos feitos, o que me levou a considerar que non é tan falabarato e que fundamenta bastante as súas análises. Nunha última entrevista que lle leo ataca directo á situación que de maneira concreta me tropecei no paseo co excompañeiro: existe un terzo da poboación que a cada paso é máis ignorado, ao que non queremos ver, ao que nos custa aceptar que para el non hai solución. Mantén o catedrático que no cambio tan profundo ao que chegamos, pensar en volver a tempos pasados é unha ilusión. Vivimos nun cambio  sistémico tan profundo que pensar en volver a modelos produtivos anteriores, ao crédito que nos permitiu endebedarnos e aspirar a un paro do 7% que para España case supoñía pleno emprego, é unha ilusión ou un engano político para ir ganando tempo. Recorre el á clasificación dos tres terzos: un, o máis favorecido, que vive ben, nin se decata da situación; outro, máis tocado, que de maneira precaria, inestable, mal remunerado, inseguro, vai resistindo; e un terceiro, sen posibilidades de recuperación, perdido, para o que só queda unha solución: a renda básica.
            E esta é a grande vergonza. Este terzo irrecuperable. Por iso a renda básica é tan mala de aceptar. Nin os que arrincaban con ela nos dentes se atreveron a promocionala e defendela. Facelo é tanto como aceptar que este sistema se rende e recoñece que non conta con medidas que fagan posible a recuperación dun terzo da poboación. Admitir tal fracaso non é doado para ninguén, equivale a dar por feito que un terzo é inútil, que nada pinta nesta sociedade, que carece do moitivo mínimo para loitar. Dáselle unha saída artificial: posto que carecemos de oportunidades para un grupo de poboación que non poderá escapar da pobreza, deámoslles unha renda básica para que non creen problemas e poidamos permitirnos seguir ignorándoos. Sería a aceptación do fracaso.Non sabemos o que tardaremos en aceptalo, pero todo indica que non quedará outra en canto os apoios familiares non resistan e os datos de exclusión non se poidan camuflar. 

            Me parece que foi Obama quen dixo: Aceptaremos unha economía na que só a uns poucos lles vai espectacularmente ben ou comprometémonos con unha que xera mellores ingresos e oportunidades para todos aqueles que se esforzan? Co avance tecnolóxico, cunha perspectiva laboral só viable para os que aporten grande valor engadido, cunha necesidade máis evidente de alta e renovada formación para se manter en activo e con exemplos coma o do gobernador do Banco de España solicitando abaratamentos no despido e concedéndose unha suba do 5,8% no seu desproporcionado salario, todo parece indicar que a economía que se impón é a que lle vai espectacularmente a uns poucos. Ocúltase esa que debera xerar  mellores ingresos e oportunidades para os que se esforzan. Para o terzo que pretendemos ignorar, aqueles que xa nin con azos contan para se esforzar, a ver o que tardamos en recoñecer que a única saída que nos queda  é admitir e aplicar  o fracaso da renda básica.

MEDO Á DECEPCIÓN

NON é privativo da esquerda. Que lle pregunten a moitos votantes ilusionados que lle deron a maioría absoluta ao PP. Salvo aqueles que veñen ao mundo sen sentido crítico de fábrica, calquera pode reaccionar frustrado, desencantado ou irado diante de tantas promesas esnaquizadas. Eran moitos os que agardaban que co seu voto se reducisen impostos, se liberalizase negociar, desaparecesen estruturas políticas obsoletas e inútiles, morrese de raíz a corrupción. E pouco ou nada do esperado se cumpriu. Padecer a suba de impostos á que nos someteu o goberno que levaba no seu ADN a baixada como salvación non é doado de soportar. Co que o desencanto e a rabecha leváronnos a onde estamos.
Cambiaron as tornas. Hoxe constituiranse gobernos con forzas que levantaron unha marea de ilusión. Son moitos os que depositaron os seus votos coa fe de que algo mude, de que un estilo diferente de facer política se instale no gobernar máis achegado. Veremos que ocorre. Como o escepticismo é filosofía que non se dá mal por estes lares, moitos prognostican un fracaso estrepitoso naqueles concellos nos que os acordos entre forzas novas se impuxeron ao vello coñecido.
Circulan ditos e sospeitas de que entre os novos xestores predominan a inexperiencia, a inxenuidade e a fantasía, algo que non cadra co pragmatismo e a rudeza da negociación diaria dos asuntos de todos. Abundan os agoireiros que xa teñen diante dos ollos a desfeita á que nos levarán estes populistas inexpertos. Sobre todo inexpertos, nada curtidos na xestión, coma se os que se van deran mostras dunhas destrezas maiúsculas, agás que entendamos que favorecerse da corrupción máis vergonzosa, permitila ou alentala sexan méritos de excepción.
Pero así somos: tememos e trememos diante do cambio, parece que o coñecido garante unha continuidade benéfica, coma se probar con novos intentos nos condenase a acabar queimados. En algo se baseará este temor tan asentado do malo coñecido polo bo por coñecer, pero non deberiamos esquecer que, aínda que só sexa por remover, intimidar ou espertar ao cómodo e durmido na inercia do poder podre, probar cambios é saudable.
A democracia goza desta grande virtude dentro das súas enormes imperfeccións: quen vende fume e simplezas, engana ou seduce con sofismas, perde o crédito e acaba por perder. Non deberían esquecelo os que pretendan evitar as consecuencias da decepción.

BUSH, EXPERTO EN GOETHE

BUSH E máis eu somos amigos de hai pouco por motivos que non veñen ao caso. Vai vello, non oe nin ve ben, pero conserva a elegancia e gracia da mocidade pegada ao seu sedoso cabelo dourado. Dorme moito e pide mimos sen taxa a cada paso. Vive coma un rei. Non lle falta de nada. Moitos cristiás perderían a fe por contar coa súa calidade de vida: temperatura ideal, comida exquisita, entorno paradisíaco, atención e cariño a canadas. Non sei aínda ben por que lle puxeron o nome, pero non importa, el acéptao con humildade e responde na medida que pode a tódalas atencións que recibe. Só lle falta falar. Nestes días que compartimos xardín apégase a min coma se foramos amigos de vello e acompáñame cunha fidelidade e tenrura mansa que non sería de ben nacido se non a soubese apreciar.

Como aos dous nos gusta a paz e serenidade da mañá, por iso escollemos o lugar máis recollido do xardín, aquel onde o vento non zoa e o sol non magoa, coincidindo moitas horas xuntos, el durmindo, soñando, cun roncar apagado, suspirando, espertando de vez en cando para se achegar e me dicir: a ver, home, deixa de ler e dáme un cariño. Eu doullo acompasando o remoer das últimas frases lidas cos movementos da man fregando o seu pescozo de la. Agradéceme tanto o cariño poñendo olliños de contente que non me queda outra que contarlle sobre que vai o libro e o que vou sacando del.

Coincide nesta ocasión que me pilla lendo a biografía de Goethe de Rüdiger Safranski e son moitas as cousas que Bush está aprendendo en breves parlamentos que me escoita con atención esmerada. Mentres o sitúo historicamente e lle vou dando as primeiras noticias do protagonista, desa vida de arte na que o xenio quixo converter o seu vivir, acórdanme algúns deses momentos únicos e escasos nos que durante a etapa de profesor conseguín atraer a atención dos estudantes coma se fora un ilusionista. Imaxes de ollos curiosos cravados nas palabras que os atravesan coma espadas indoloras. Esa mirada devota de quen descobre algo que non imaxinaba, que merece a pena, que o achega ao descubrimento por sorpresa ao á beleza. Así me mira Bush: interesado, sen pestanexar, coma se de verdade canto lle conto significase algo nestes últimos anos da súa vida plácida que para si quixeran moitos humanos.

Nas reflexións primeiras, para non cargalo en exceso, logro que repare nos cimentos de toda biografía: o fundamento familiar que condiciona o proxecto vital. Ese pai relevante social e economicamente que, sen chegar a aristócrata, transmite a fortaleza material e o seu aprecio polo dereito, a arte, a arquitectura; esa nai admiradora e dadora de confianza, de seguridade plena, aínda sen andar constantemente enriba del, que lle garante coa súa clara elección como favorito o seu sentimento de conquista e vitoria. Son de indiscutible importancia este piares da infancia, coméntolle a Bush, pero non tanto coma para caer en certas tendencias excesivas por buscar causalidade psicolóxica na infancia de canto se logra. Non abusa Safranski desta moda tendenciosa en cargar sen taxa nos anos infantís virtudes ou defectos do futuro. Hoxe téndese con lixeireza a buscar nos anos primeiros e relacións familiares as causas de cada fracaso, conduta irresponsable ou éxito aclamado, cando non resulta tan evidente a relación causa efecto. Talvez polo peso simplista da popularización das ideas de Freud se chegou a esta desproporcionada visión. Por iso, explícolle a Bush, gústame a sobriedade coa que aborda o biógrafo este aspecto do creador alemán: as relacións familiares condicionan aspectos da personalidade, pero non crean un xenio.

Mais como percibo que se cansa, modifícolle a información. Imos co mozo estudante a Leipzeig, cidade de músicas celestiais, de arquitectura rica e moderna, para acompañar no fracaso primeiro a un xenio futuro. Eses anos nos que a vida regalada (700 florins lle pode proporcionar o pai ao mes, algo que poucos artesáns cualificados podían ganar en todo o ano) tropeza coa escasa atracción do dereito, probablemente co rexeite que sempre causa estudar por dar gusto aos pais, non pola vocación propia. E comparto co can unha hipótese que tamén en Goethe se me presenta despois de ter observado a vida de grandes escritores e científicos: a coincidencia de padecer moitos meses de cama na xuventude por enfermidade. Esas pleuresías, afeccións ao pulmón, accidentes varios que reteñen na cama a adolescentes ou mozos, acaban por condicionar o futuro, non sei se polas lecturas elixidas, polo tempo de reflexión ou polo contratempo que supón a inactividade e atencións de enfermo en época na que prima a actividade física e relacións sociais. Consúltolle a Bush se lle parece lúcida a hipótese e di coa cabeza que si, o que me anima a consultarlle canta idea se me ocorra, ás veces gústanos que nos acepten de maneira tan pouco crítica. De tódolos xeitos, en canto lle propoño que afondemos na relación do xenio coas mulleres, como el entende o amor e os celos, o ánimo de Bush medra que dá xenio. Isto faime pensar que o podo converter no can que máis sabe sobre Goethe en toda a comarca. O que non é pouco.

jueves, 11 de junio de 2015

ELOXIO Á INICIATIVA

PARABÉNS para os defensores dos débiles e dos que padecen inxustiza. Non lles negarei nunca o que achegan á comunidade co seu ollo atento a canto atropelo se comete contra os que sofren. Pero se cadra convén que cantos aguzan a mirada para denunciar tanto abuso e desprezo non esquezan os perigos do "pobrismo" para dicilo coma Antonio Escohotado. O sermón da montaña non deixa de ser un canto fermosísimo de consolo para os humildes e pobres, pero pode conducir a unha visión raquítica e resentida do progreso. Aspirar a derrotar desigualdades vergonzosas non nos debería cegar sobre os valores da propiedade, do comercio, da iniciativa, da innovación, da ambición e do traballo. Con ser o capitalismo un sistema no que os cobizosos e desaprensivos atopan un humus inigualable, non deixa de ser, de momento, o máis favorecedor para un aumento indiscutible da calidade de vida. Non se coñece ao longo da historia sociedade na que a organización social beneficiase máis e a máis xente. Por iso vivimos no paradoxo: repúgnanos a desigualdade e abusos que produce, pero, ao mesmo tempo, admitimos que ningún outro sistema proporcionou tantas melloras.
Como consecuencia desta tensión, os situados nos extremos adoitan acaparar os argumentos na defensa ou ataque. Os primeiros, insolentes e agresivos, eloxian sen matices a voracidade do sistema. Ignoran os efectos secundarios do mercado sen regulación, o darwinismo social máis feroz, ridiculizando incluso ao débil; non admiten máis razón para o mérito que o traballo e valía propios; rinse de toda intervención destinada á igualdade de oportunidades ou á sostenibilidade do planeta. Os segundos, cegos e resentidos ou simplemente inxenuos, soñan cun mundo colaborador e de iguais nos que a competencia, a iniciativa e a innovación parecese que só axudasen aos desaprensivos e agresivos; no que vivir ben non correlacionase coa loita entusiasta e competitiva nin por tirar da invención e do negocio. Nesta dialéctica, nesta vixilancia mutua, danse con frecuencia sínteses de cesión necesaria, outros enfrontamentos que supoñen retroceso e comezar de novo. Aos primeiros non lles sobra unha dose de rendible piedade, aos segundos de realismo crítico. Se a cobiza se fai señora, os perigos están á vista. Se o "pobrismo" anula as leis do negocio, o comercio e a liberdade, estaremos a piques de frear as bases do avance científico e económico que a tantos beneficia.

A ESTRAÑA ADMIRACIÓN POLA XENTE COMÚN

QUE PAIXÓN é esta que invade aos emerxentes políticos por non querer ser máis nada que xente, xente normal, xente do común? A que vén esa obsesión por dicir, aspirar, facer e cumprir só con aquelo que se sospeita que a xente é ou di? Por que tanto compromiso coa normalidade, co común, co máis frecuente, coa vulgaridade, en fin, se a xente nunca foi nada do outro mundo? Cústame entender, coma a Savater, esta admiración badoca pola xente. Apelar á xente como garantía de honradez e intelixencia, de eficacia e boas maneiras non deixa de ser unha cándida ignorancia. 


Que pensan eses dependentes da xente que somos a xente? Onde radica a diferencia esencial entre xente e non xente? A partires de que nivel, actitude, conduta ou grao de estupidez deixa un de ser xente? Se co concepto de casta nos estamos atopando nun xardín malo de cultivar, xa me dirán o que non nos pasará ao afondar no de xente. Manifestan orgullosos e seguros os aprendices de transformadores que eles non traen máis pretensión nin armas nin sabedoría nin nada que non sexa os da xente de a pé. Coma se a xente de a pé, nós, todos, non foramos avariciosos, ignorantes, maliciosos, ruíns, egoístas, paifocos, localistas, envexosos e malandríns. Coma se a xente fose algo diferente a ser venais, incultos, insolidarios e dados ao engano. A que xente se referirán eses aduladores do común? Que modelos lles serven de guía para se convencer tan contentes de que ao se parecer á xente están garantindo un bo goberno, máis eficaz, menos cobizoso, máis equitativo?
Porque a xente non é unha nin de vontade unidireccional nin de aspiración uniforme; porque a xente do común é precisamente iso: inculta, egoísta, interesada, dada á cobiza, violenta, atravesada
Levo tempo amarrado á reflexión por descubrir as vantaxes e non as acabo de ver. Prométennos que nos gobernarán como a xente queira, mande, ordene. Pero dende cando a xente, o pobo unido nunca vencido, fala unha soa voz, nun só ton, nun único rexistro? Como ler e interpretar esa voz única, verdadeira, diferenciada da que non é xente? Esta dualidade teórica non deixa de ser un invento sen pés nin cabeza, incongruente, desconectado coa realidade máis evidente de intereses contrapostos, variedade nas propostas, necesidade de harmonizar contrarios. Se para algo ha servir a política é para concordar egoísmos enfrontados, pactar intereses distintos, limar ambicións, axustar utopías, acercar ilusións, tronzar fanatismos e raquitismos vergonzosos e posibilitar progreso entres diferentes e claramente distintos. 


Porque a xente non é unha nin de vontade unidireccional nin de aspiración uniforme; porque a xente do común é precisamente iso: inculta, egoísta, interesada, dada á cobiza, violenta, atravesada. Así somos: unha sociedade heteroxénea e aberta, diferente, cambiante. Non existe un pobo unísono nin uniforme. Quen pretende con casticismos populacheiros, mesianismos teolóxicos ou maniqueísmos salvadores converter á xente en nós e eles, situar aos bos dentro e os malos fóra, reducir a realidade aos nosos e aos outros, estáa falseando. Como ben escribiu Albert Chillón, non existe unha comunidade homoxénea e humillada, senón unha heteroxénea e ambigua.

Por que conformarse entón con querer ser nin máis nin menos ca xente? Aquí si hai un claro problema de comunicación. Non nos gobernos cando se empeñan en seguir creando desigualdade e achacan o fracaso á mala comunicación
Por que conformarse entón con querer ser nin máis nin menos ca xente? Aquí si hai un claro problema de comunicación. Non nos gobernos cando se empeñan en seguir creando desigualdade e achacan o fracaso á mala comunicación. Iso non é mala comunicación: é mala política, mala execución. Disque - din- non souberon comunicar. Claro que souberon. O que non souberon foi modificar aquelo que farta, desanima, desespera e enfurece. Mais neste caso si é un problema grave de comunicación. Non quererán dicir que pretenden gobernar segundo criterios que favorezan a intelixencia, a bondade, a xustiza e a igualdade? É esa a intención? Deixen entón de se amarrar á xente como comodín fácil. Apártense de maniqueísmos triviais e populistas de xente (bos) e casta (malos), porque nese dualismo fácil non se percibe máis nada que engano para os débiles de análise e confusión para os que desexan pensar.


Atácanse uns aos outros con ser populistas e todos pecan da mesma coxeira. Pero si é certo que nesta manía que lles entrou aos emerxentes por ser coma a xente, gobernar para a xente e non ser máis ca xente do común, están demostrando un problema grave de comunicación. Eu non quero elixir a xente do común para que me goberne. Enténdase: non quero incultos, irrespectuosos, badocos, iletrados, indolentes, insolidarios e tan curtos de miras que só buscan o interese propio, o máis inmediato e rastreiro. A min gústame elixir a persoas de mérito, que destacan pola súa intelixencia, laboriosidade, entrega, paixón polo que fan, innovadores e xenerosos, non roidos pola cobiza, que pretenden dedicarse á difícil tarefa de organizar o ben común. Non aos que presumen de ser xente do común, como se o común gardase as esencias da verdade, da beleza e da xustiza, cando sabido é dende sempre que para alcanzalas o que cómpre é exactamente o contrario, saírse do común.

martes, 2 de junio de 2015

ENTRE AVOAS ANDA O XOGO


            Desesperada, Esperanza ou o descaro de Madrid ofrece pactos sen ton nin son con tal de salvar aos seus votantes das hordas antidemocráticas lideradas pola avoa Carmena. Alertada polo seu innato ulido e polos contactos coa gentebiendetodalavida (dígase sen respirar), Aguirre, esa señora á que Javier Marías definiu como eu nunca sabería: insolente, autoritaria, irritable, desdeñosa, deslinguada e de natural ordinaria, convértese na salvagarda da democracia e dos valores occidentais diante da ameaza demoníaca de Manuela Carmena, cabeza visible da candidatura de Ahora Madrid. Por iso nun primeiro sufoco chama a Carmona para lle ofrecer a cabeza en bandexa de prata: aquí a tes, Antonio Miguel, pilla ti se queres o chope da alcaldía, pero libera ao sufrido pobo (aos meus votantes) do calvario que suporía un goberno de soviets decididos a implantar a revolución con fouce e martelo; sacrifícome enteira, ofreceuse a condesa, e perdo da miña graciosa altivez con tal de que paremos este veleno que vén polo Manzanares entre augas alodadas e pirañas agochadas. E como Antonio Miguel, pin, pam, pum, dixese non e non, de seguido atrapa outra idea limpa que viña do Guadarrama para esculpila en proposta luminosa: acepto un goberno de concentración, todos a unha, con tal de frear esta onda de veleno disolta no aire impuro da capital do reino decidida a tronzar polo pé a democracia con tanto esforzo conquistada. E así anda desesperada Aguirre ou a cólera do liberalismo, estragado o cute con tanta noite desvelada, atormentada, se cadra os amigos do club de golf da Villa xurándolle que nunca máis volverá a ser ben querida nin admirada en tan selecta sociedade.
            Mudan os tempos e as leis da sedución. Vese que na capital, con ser a comunidade de España que se achega unha miga ás do resto de Europa que gozan dun nivel elevado de vida, abundan cidadáns sen casa e luz, calefacción e seiscentos euros para soportar con dignidade mínima os trinta días do mes. Asústanse nos barrios votantes de dona Esperanza de que podan recibir apoio  considerable programas tan simples: preocuparse polos desaloxos e por que a ninguén lle falte luz, que programa é ese para crear riqueza, progreso, bonanza, luxo...  Éntralles pánico. Serán tantos os desesperados capaces de votar por simplezas de tal tamaño, pregúntanse nas cafeterías selectas os ricos de sempre e os de última fornada mentres discuten se as doses do combinado son as adecuadas. E contactan con Aguirre, pásanlle whatsapps e recados por terceiros, para lle recordar que se non van adiante os proxectos gordos, os que realmente moven cantidades relevantes, de que serve que lles baixen impostos, así non se crea riqueza. Por iso o nerviosismo se instala onde debe, no alto, e descende en  linguas de lume coma o Espírito Santo, agora que estamos en Pentecostés, para que os pensadores máis potentes e agudos esperten aos durmidos cidadáns medios que non saben a que lles agarda.
            Sen tempo que perder, voces afinadas e desafinadas lanzan sostidos e bemois aos catro ventos previndo á cidadanía para que se dispoña a defender co que sexa ao pobo de Madrid, porque, sospeitan con razón, detrás da capital pode caer todo o reino na man dos desaprensivos, maliciosos e ignorantes revolucionarios encargados de asaltar os ceos en tempo veloz e maneiras impensadas. Avisan a navegantes para que logo non se leven a engano: detrás da avoa Carmena andan aprendices de Lenin, Trotsky e Stalin, Chávez, Morales e Maduro, todos dispostos a transformar o chan patrio nunha longa cola de famentos ansiosos por unha cunca de leite. Ocúltase detrás do programa destes encantadores de pobres desesperados motivos inconfesables que só os perspicaces defensores da propiedade privada se empeñan en descubrir e defender polo ben de todos. Á cabeza a avoa Aguirre disposta a defendernos con uña e dentes, perdendo incluso da súa insolencia e desdén con tal de parar ao invasor. Coma se diante dun 2 de maio novo nos atoparamos, coma naquel 1808, incita e chama Aguirre ao levantamento e insurrección para escorrentar ao inimigo.

            Veremos se Madrid atende á perrencha da descarada avoa Aguirre. Polo visto ate o de agora, a avoa Carmena parece señora de bo carácter, cultivada e sensata, amable, entregada ao diálogo. Pero xa se sabe o que moitas veces ocorre:  debaixo da pel de cordeiro agóchanse lobos feroces capaces de esnaquizar nun abrir e pechar de ollos un rabaño completo. Aquí ninguén está libre de sospeita. A avoa Aguirre sábese ben por onde vai, que pretende e a quen defende, como actúa e de onde vén. Da avoa Carmena coñecemos un historial ben distinto, tamén sabemos as que pasou por culpa de non vivir en democracia, á vista están as súas obras e a que dedicou a súa actividade laboral. E sobre as dúas, non hai maneira de se ocultar, á vista están os seus estilos de razoar, prometer e por que se preocupan, tamén a súa educación e ideoloxía. O xogo político decidirá. Os feitos non tardarán en falar con datos incontestables. Mentres tanto, entre avoas anda o xogo. Pero os que realmente están decidindo son os fillos e xa axiña o farán os netos.

O REBOTE DO MEDO

AS liñas do medo van de Barcelona a Cádiz, A Coruña e Compostela pasando por Madrid. Unha preocupación –esperanza din outros– que se instala en altos axentes económicos desconfiados de que a recuperación poida frear en seco. Co ben que se enfiaban os próximos anos de cara á prosperidade, pensaban, chegan agora a gobernar estes inexpertos soñadores con catro pinceladas de programa irrealizables e inxenuas. Un lapote seco sen razón e que parece inexplicable. Como é posible, deben de preguntarse nos seus cenáculos elitistas, que exista tanto inconsciente capaz de confiar nas propostas de pícaros dispostos a aproveitarse do mal alleo. E remoen cal ha ser a estratexia para recuperar a estabilidade en perigo, esa –a única– que nos manteña na senda da recuperación lenta pero segura, a que nos devolverá ao crecemento e á riqueza que posibilitan algún reparto. Algo fallou nas súas previsións, non encaixan as pezas: como, sendo que nos barrios máis humildes é onde menos se vota, conseguen aínda así unha representación tan avultada estas mareas de cantantes de comparsas, profesores inquietos, revolucionarios antisistema, revoltosos profesionais?
Cústalles entender porque durante a campaña os partidos garantes da estabilidade encargáronse de espallar o medo: non voten a eses charlatáns de parladoiro televisivo, non se deixen seducir por populismos, non é tempo de experimentar... Nin caso. Nas cidades, onde o dinamismo é maior, dispáranse os que se rebelan contra o medo e pásanlle a preocupación aos amantes da estabilidade. Túzaros, irresponsables, simples ao non querer ver, déixanse convencer por cantos de adas, kichis, ferreiros, martiños e manuelas populares que os seducen ata lles dar as rendas das cidades. Votantes con cera nos oídos ignoran os perigos de se soltar da man e aceptan a vertixe de apostar por unidades populares tan ilusionadas coma sen experiencia. A eses altos axentes económicos éntralles a preocupación. Non poden crer que sexan tantos os que se conforman con que non os boten das casas, lles aseguren luz e comedores para os fillos. Que necesitarán que ocorra para se decatar de que a maior inestabilidade é a inxustiza? En que país vivían para non ver que o empobrecemento atacou sen reparo? Cando comprenderán que con desigualdade tan pornográfica é moi difícil manter o medo a raia e non lles rebote nos fociños?