lunes, 27 de octubre de 2014

O QUE A ESTAFA DESCOBRE

NON me estraña que un rapaz lle colla gusto á estafa. Se a practica con gracia ata merece certa amnistía. Sen saber case nada sobre este caso do "pequeno Nicolás", que tanto nos distrae en momentos de alta aflición, pode parecer en principio unha peripecia de pícaro, un pillabán megalómano entrampado na súa propia mentira; un caso curioso máis, coma tantos, de enganadores máis ou menos enxeñosos que nunca faltaron á beira do poderoso que se cre máis do que é, dos ignorantes e dos incautos. Mais neste caso, polo que se vai sabendo, resulta esclarecedora a verdade que se descobre á beira do estafador.
As reaccións por parte dos medios, ademais de asombro, foron de risa. A min non me dá risa ningunha. Non porque me compadeza do "pequeno Nicolás", senón porque toda a rocambolesca historia descobre o certo da maneira de operar de determinados empresarios, políticos e xentes á beira do poder. O interesante non xira arredor da pregunta sobre como un mozo case imberbe pode lograr tales timos, senón como os que se din realistas, serios, curtidos, aceptan as súas propostas porque a vida é así: unha estafa. Debaixo deste enredo o que brilla é a importancia da embuste na eficacia: hai que estar atentos a quen nos poda introducir nun ágape para bicar as mans adecuadas, nun almorzo de hotel de luxo para aparentar relacións, acudir á reunión nun chalé exclusivo que é onde se coce o I+D, achegarse a alguén que posúe números de teléfono cerca do goberno, da realeza... Caen no engado empresarios e políticos, talvez dos que se din feitos a si mesmos, dos que desprezan a funcionarios e atribucións do Estado, dos que presumen de pragmatismo, dos que miran por riba do ombreiro, por inxenuos, a quen defende a igualdade, a proporción nos impostos ou a atención aos débiles; personalidades, en fin, das que arremeten contra calquera intención renovadora, dos que repiten que o esforzo e mérito son a única razón do funcionamento desta sociedade, pois eles, claro exemplo, triunfan por valía e laboriosidade, cando, velaí o teñen, o certo é que o seu esforzo é saber elixir a quen invitar a comer, bicarlle a man a quen toque e coarse, pagando, claro, nos círculos de influencia onde o traballo para os fillos, o negocio substancioso e posibilidade de medrar se amañan con favores e trampa. O que a estafa ensina é que este mundo depende demasiado de estafadores. Triste.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

CONTOS PARA NOS DURMIR

O caso é inventarse un conto, que o conto se crea e tirar para diante. Aznar contaba algúns xenias, talvez por iso a maior parte do seus excolaboradores están imputados. Un moi coñecido e aceptado era sobre Rodrigo Rato. O mellor ministro de economía da democracia. Así nolo ensinaron, repetiron, adoutrinaron, ata que, bobos todos, aceptamos sen obstáculo que si, que era certo: Rodrigo Rato foi un magnífico ministro de economía – o mellor da democracia-, erguendo a riqueza española a un nivel de bonanza e progreso xamais coñecido. Poden rir se queren, pero esta e non outra foi a mensaxe inzada e como tal admitida e por moi poucos criticada. E se algunha crítica recibía, de inmediato era desatendida ou ridiculizada por provir dun prexuízo ideolóxico carente de fundamento obxectivo. Porque a clave, non se esqueza, asenta na habilidade para facernos crer que non hai detrás de tales valoracións e contos interese nin conveniencia ideolóxica algunha, só o criterio neutro e puro dos que ven a realidade con ollos realistas. 
A facilidade coa que se espallan estupideces entre a opinión maioritaria non deixa de sorprenderme. Máis nesta época na que abundan fórmulas de investigación para contrastar a información. Pero de pouco parecen servir cátedras, redes e facilidades para burlar as manipulacións e censuras, a cada paso resulta menos custoso filtrar contos chinos entre a opinión da maioría. Por iso os gobernos, sabedores da tendencia a tragar con canta verdade a medias ou mentira descarada se propague cun mínimo de constancia, non cesa de atacar unha e outra vez coas consignas de quenda ata converter os feitos entrampados en meros remedos de relatos tan simples como eficaces. Ao final, as elites mandan aos seus querubíns a especializarse en estatísticas e gráficas cruzadas por sutís cálculos aritméticos e informáticos a universidades privadas pero o que realmente lles segue cubicando é a habilidade coa que uns cantos expertos espallan estes datos convertidos en mitos e relatos cribles por falsos que sexan. 
Así é como de maneira imperceptible imos aceptando sen lugar á crítica que un inepto é un xenio da economía, un figurino con complexo un artífice do crecemento dunha empresa en racha e un desapiadado agresivo unha personalidade da decisión clara e transformadora. E tamén así recibimos e damos por certo e calamos cando nos insisten en que o peor xa pasou, a recuperación chegou para non marchar e todo canto se fixo, incluso o máis doloroso, non tiña outra intención que favorecer aos que seguen sen levantar cabeza. Non importa que os feitos canten. Que importa que as desigualdades medren, que o traballo empeore, que existan coma nunca grupos nun nivel de pobreza que non se acordaba; que importa se os colectivos que realmente pagan impostos son os máis espremidos e controlados polo fisco, que máis ten se os datos insisten en que só os ricos ganaron coas medidas adoptadas para saír desta crise, que manía con refocilarnos nos escándalos e na cobiza dos que nos dirixían, predicaban e sabían como solucionar o problema; que importa todo iso se en realidade ao que debemos atender é ao relato que Arriola lle dita a Rajoy no oído: melloramos, estamos saíndo, isto vai polo bo camiño, falta moito, pero xa nos situamos na boa vía, na que leva a recuperación definitiva. O determinante é o relato con final positivo. O éxito dependerá da tenacidade coa que se insista e transmita a mensaxe, sen desánimo, sen perder xamais a frialdade. 
Rato era unha eminencia económica. Os amigos de Aznar sabían do que ía a economía e as relacións internacionais, convertiron en certo iso de que España ía ben. Aznar continúa impartindo saber polo mundo aos que ignoran de que vai isto, mentres os seus colaboradores, un a un, van aparecendo como imputados. Blesa era seu amigo. Todos uns auténticos cerebros, fenómenos da economía, de entender os mercados, de dar emprego, dos negocios, de crear riqueza... O malo é que para que o conto sexa cribe necesita de consentidores, duns aplaudidores comenencias, comprados, que axudan a propagar o conto. E non faltan. De procedencias tan variadas coma a propia composición social, aí temos sindicalistas, revolucionarios atascados, progresistas famélicos que se venden sen vergonza colaborando na instauración da podremia. E todos remexidos tranquilizan a nosa mediocridade facéndonos crer que, de ter oportunidade, nunca caeriamos tan baixo. 
Contos para nos durmir. Para que nada mude. Cando, se realmente leramos os relatos literarios, que son os que de verdade indagan na condición moral do ser humano, na auténtica exemplaridade, no miolo do ser, xa teriamos aprendido que todos somos corruptibles, envexosos e cobizosos. Só avanzamos cando establecemos fórmulas de transparencia, control e vixiancia para nos caer na tentación. Porque, á vista está, se os contadores de contos baratos medran e resisten é porque o mundo está cheo de infelices dispostos a rirlles as gracias. Cómpren institucións vixiantes e vixiadas, do contrario calquera defensor da ética pura aparece facendo uso dunha tarxeta de privilexio para lle pagar masaxes á filla.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

sábado, 18 de octubre de 2014

PEZOÑA E LEI

Observo en titulares de bastantes medios e tamén en comentarios de colegas escribidores un claro ou inesperado triunfalismo ou relativo optimismo despois dos recentes movementos políticos en Cataluña. Non acabo de entender o motivo. Mallemos en Mas o que queiramos, deámolo por morto politicamente, riámonos das súas ocorrencias canto queiramos, ridiculicémolo se queren, pero o problema continúa vivo ou peor. Que o plan B de consulta soa a democracia de quinta? Si. Que se creou unha regaña entre os partidos soberanistas? Si. Que Mas pode pagar cara a súa temeridade? Si. E que? Desaparece ou embarúllase máis o problema? Esa é a cuestión. Éxito pola aplicación da lei? Éxito da paciencia raposa de Rajoy? O tempo dirá, pero tal e como avanza o nivel de enfrontamento decidido tanto por parte dos moderados (?) buscando o inimigo no Estado español como dos claramente independentistas que, moito máis honestos, mostran as súas cartas ben abertas: independencia xa, parece evidente que isto non promete nada bo.
Realícese ou prohíbase tamén este remedo de referendo inventado por Mas chamado consulta con voluntarios só causará unha consecuencia: maior frustración e resentimento da sociedade catalá. A liña de actuación, déanlle o grao de irresponsabilidade que lles praza, non se oculta. Os dirixentes catalanistas optaron por demostrarlle aos cidadáns que España non os quere, que lles rouba, non acepta o seu Estatuto elaborado polas forzas políticas elixidas democraticamente, que non lles deixa votar, que non respecta a democracia, que é un Estado corrupto e malévolo obsesionado con martirizar ao un pobo democrático que busca a súa liberdade a través da identidade. Esta é a historia narrativa que callou entre a poboación maioritariamente e e táctica non variará: canto máis ao límite, mellor; están convencidos de que ningunha lei resiste se todos tiran da corda na mesma dirección. E a cada paso son máis os que están convencidos – alí, en Cataluña- de que deben decidir, deben tirar todos na mesma dirección. E iso non se detén co recurso único e inapelable de que todos temos que cumprir a lei. Certo. Pero non basta. Ou alguén pensa que unhas eleccións, vaian xuntos ou separados os nacionalistas, aforrarán unha negociación inevitable?
Despois das escaramuzas de tafur non parece que quede outra saída que convocar eleccións. O resultado, non fai falla posuír excesivas dotes de adiviño, parece cantado: os partidos nacionalistas contarán cunha maioría abafadora, o PP e Ciutadans reduciranse a partidos intranscendentes, quedando socialistas e verdes de esquerdas para vestir santos. Que podemos esperar dun Parlamento composto por estes partidos? Unha estratexia dirixida a dar o último tirón de corda, a persistir na liña de clara confrontación con Estado ata que non lle quede outra que negociar unha saída, que nunca aceptarán lonxe da independencia legal ou de feito. Co que o problema, díganme que non é así, segue tan aberto como estaba antes das medidas legais adoptadas polo TC.
A isto haberá que engadir dous problemas que non se poden ignorar. O primeiro o desprezo que o autismo catalán supón para o resto das comunidades do Estado. Será entendible que o resto das comunidades se rebelen de continuar nesta dinámica, cando baixo eufemismos ou trampas saduceas os negociadores concedan beneficios ofensivos por efecto da presión – chámenlle chantaxe se prefiren- á autonomía catalá. O que desestabilizará aínda máis a situación xeral, non esquezamos que o país dos vascos e das vacas, agora caladiños coma petos, non desaproveitarán esta arroutada catalá para levar a auga que lles falta ao rego para enchelo por completo. Co que o panorama non se presenta nada optimista, por máis que algúns se agarren e ganen tempo con manobras legais que só pospoñen o inevitable, dándolle máis resentimento e rancor aos que se cren ofendidos con razón e sen ela.
E por se fose pouco, para cando nesta tesitura nos vexamos, calquera saberá a composición do parlamento nas Cortes de Madrid. Non parece probable que o PP renove a maioría absoluta, poucos crerán que o PSOE pode remontar da súas cinzas e, por moito que se disparen as expectativas de Podemos e outros grupos, certo parece que a variedade e fragmentación animarán ou dificultarán – verase- a próxima lexislatura.
Por iso non acabo de entender os motivos para un optimismo leve e menos para ningún triunfalismo. Encirrar os enfrontamentos en base a sentimentos e agravios é tarefa doada, non esixe ningunha capacidade especial como líder nin intelixencia suprema. O complicado é saír sen danos serios dun problema fabricado a golpe de pezoña e irracionalidade. E o malo é que contra a pezoña cómpren fármacos específicos e médicos altamente especializados, que non vexo por ningures, acompañando á lei.

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

MODELO SORAYA

PASA a lexislatura e o adelgazamento de institucións e cargos políticos innecesarios non se acaba de concretar. O gran argumento da crise (vivir por riba das nosas posibilidades), aquí non se tivo en conta. Preséntanse reformas etéreas que pouco repercuten na poda efectiva de libres designados, gabinetes inútiles e administracións duplicadas. Os feitos invitan a sospeitar que, así como non se andou con miramentos á hora de recortar en dereitos laborais, educación e sanidade, no tocante a políticos e sopeiros non existe tan estrito afán por vivir de acordo coas nosas realistas posibilidades. Mágoa. Porque este goberno móstranos a cada paso que modelo a seguir teñen de sobro. Con aplicar o plan Soraya (Sáenz de Santamaría) aforraríase en serio.
O plan á vista quedou co andazo do ébola: eliminamos a unha ministra, situamos a Soraya ao mando dun equipo de expertos e problema canalizado. Para que tanto ministerio? Poucos entenderán que pinta a ministra Mato. Se as competencias se transferiron ás comunidades, se a ela non se lle coñece mérito sobre a xestión sanitaria, a que manter tanto ministra como ministerio? Non pola xestión do ébola, moito antes, por que non se prescindiu de figura tan inútil? Outro tanto se podería dicir de Wert. Necesitamos un ministro para elaborar unha lei que algunhas comunidades se negan a acatar, á que tódolos grupos lla teñen xurada para anulala en canto se lles presente a primeira ocasión e causa malestar xeral? E se nos emocionamos, así os eliminariamos un a un. Se me apuran, ata o presidente sobra. Chega Soraya. Ela e un equipo de asesores para cada área e o país marcharía. Soraya e un equipo de expertos diplomáticos para tourear coa febre catalanista; Soraya cun equipo de expertos en enerxía para que se aclaren os recibos da luz; Soraya dirixindo un equipo de economistas para elaborar os presupostos; Soraya marcando firme o paso dun equipo de filibusteiros para manexar o parlamento... E así ata onde queiran estenderse, porque Soraya a todo lle pon intención, intelixencia e comunicación. Vivamos de acordo coas nosas posibilidades e deixemos de malgastar en ministerios de adorno que a nada nos conducen, agás á confusión e desconfianza cando non á burda provocación.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

martes, 14 de octubre de 2014

PARA AS MULLERES É UNHA MASAXE

CON Michel Houellebecq equivoqueime. Unha demostración máis de que con prexuízos só mostramos ignorancia e preguiza mental. Despois de velo superficialmente nalgunhas entrevistas e ler por riba comentarios xornalísticos sobre as súas novelas, apresureime a clasificalo coma un pícaro enfant terrible, listo coma un allo, capaz de vender a súa obra a quen nin lle guste ler. Erro estrepitoso. Lidas as súas obras, analizadas detidamente moitas das súas entrevistas, a percepción do escritor varía coma do día á noite. A súa escritura é intelixente, rebelde, arriscada, algo pedante, si, pero profunda e analiticamente fría coma una tomografía axial computarizada da sociedade actual. Podemos quedarnos na súa maneira compulsiva de fumar ou descubrir o sabedeiro prato que nos ofrece a súa ansiedade estendida cara canta actividade artística se lle ocorra, do rap ao cine, da narración á poesía, da publicidade ao gusto polo estudo da ciencia; podemos desconfiar da súa trenca permanente como hábito publicitario ou apreciar a orixinalidade do seu incontestable ulido sobre as contradicións e falacias desta sociedade. Politicamente incorrecto, provocador, entregado á obsesión da súa creación como só os verdadeiros creadores se obsesionan, demostra en cada publicación que os seus silencios e determinadas condutas estrafalarias non estragan a súa valía.
Na última entrevista que lle lin analizaba ao seu estilo a diferencia esencial entre homes e mulleres. Mantiña que a muller comunica por comunicar, o home case sempre cun fin. O home pregunta: A que hora pensas volver á casa? E a muller responde: Pero ti quéresme? Para o home, comunicar é un intercambio de mensaxes utilizables; para a muller, é unha masaxe. Unhas boas fregas lúdicas, gratuítas e inacabables de curiosidade, afecto, tenrura, dominio, entrega, descubrimento. Por iso é tan difícil para os homes estar á altura comunicativa dunha muller. Acábansenos os fins, perdemos o fío, quedamos sen intencións útiles, entregámonos ao entretemento ou ao silencio por cansazo ou desesperación, deixándoa coa palabra na boca, desesperada. Xa está todo dito. Todo está claro, é evidente. Para que seguir. Mais elas non quedan satisfeitas, abúrrense desa comunicación interesada, precisan máis palabras, máis fregas, porque no acto de comunicar habita a masaxe que pode manter vivo o entusiasmo e a ledicia.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

POBRE CONTAXIADA, POBRE EXCÁLIBUR

Por máis que nos empeñemos, España, en canto a atención sanitaria, non é Sierra Leona. Por iso estou convencido que non tardaremos en saír deste pesadelo e furor informativo que nos deixan diante do estupor. Confío que o perigo de contaxio será abortado nas primeiras semanas e que, a pesar de irresponsabilidades que convirá aclarar (Ana Mato leva moitos meses de propina no goberno), isto deixará de ser portada moi pronto. Confío... porque se non é así, mellor ben confesados. Aclarado o anterior, as primeiras noticias téñenme atordado. Non saio do meu pasmo. Despois do lóxico rebumbio inicial ao se descubrir o caso do primeiro contaxio por ébola en Europa, leo estupefacto que o a culpa do contaxio é da enferma. E que, ademais, esa profesional sanitaria que tivo a desgraza é unha miga mentirán e pouco colaboradora cos médicos. Ao parecer, a descoidada, tocou a cara coas súas luvas de protección – a quen se lle ocorre!- non gardando tódalas medidas coa atención escrupulosa que o seu traballo esixe. Manda chover na Habana! Así pois, unha profesional que debe enfrontarse á delicada función de atender a un enfermo cunha enorme potencialidade de contaxiar, por neglixencia (claro, tocar a cara cos guantes postos é por enredo, por ganas de tocar os narices ao ministerio de sanidade) contáxiase dunha enfermidade para a que non existe vacina e tan contenta. Onde se viu tamaña estupidez? É neglixente a enfermeira que por accidente se crava unha agulla e adquire a hepatite? Son descoidados os profesionais da medicina que no exercicio da súa función, por máis atentos e vixiantes que estean, acaban padecendo algunhas consecuencia negativa para a súa saúde? Polo cravos de Noso Señoriño! Se a auxiliar tocou a cara sería un triste accidente polo arriscado traballo que estaba a realizar, ¿non lles parece? Pero culpar ao paciente do seu contaxio por algo así é só propio de políticos mediocres, cínicos e insensibles. Tamén leo, se cadra non é certo ou non leo ben, que disque – sementa dúbidas, algo queda- a pobre da infectada non lle contou polo miúdo ao médico a súa historia médica, que ocultou o contacto con ese tipo de enfermidade e que non sabe medir ben a temperatura, en fin, que entorpeceu o diagnóstico. Estamos de broma? Quérenme convencer de que xogaba ás agachadas cos médicos para despistalos? Poden dicirmo de mil e unha maneiras, pero non parece cribe que unha traballadora sanitaria, despois de atender a unha enfermo chegado nas condicións nas que chegou, por pouca que fose a información, que non soubese o perigo que corría, que fose tan lixeira coa súa propia saúde. Non sei a onde pretenden chegar estas informacións, pero lanzar mensaxes deste tipo aos medios para descargar responsabilidades só me fai pensar en ganas de confundir e liar ao cidadán. Un estilo informativo propio de políticos ruíns. Pero por se isto non chegase, á beira de problema de tanta relevancia, aí temos aos defensores da vida animal inventando un problema completamente fóra de rego. Quen pode ter ganas de sacrificar a un animal? A quen se lle ocorre que ninguén mataría a un pobre can se non houbese unha mínima posibilidade de transmisión? Que é tan escasa que case nula. Tanto ten. Se os científicos deciden que pode quedar unha miga por pequena que sexa de dúbida sobre as consecuencias da transmisión por parte do animal, a que vén armar tal escándalo cando estamos diante dun problema de saúde comunitario? Ganas de desprazar os problemas e de esaxerar, por se non houbese dabondo. Que non está plenamente confirmado cientificamente o salto do animal aos humanos? Non importa. Diante da máis remota posibilidade, a decisión nin se pensa. Significa iso falta de sensibilidade cara o sufrimento animal, que vivimos nun país de vándalos que sacrifica animais por capricho? En absoluto. Por isto non. Sei que hai tradicións e festas populares por lles chamar dalgunha maneira que conservan aberracións e maltrato animal. Iso si é unha mostra de incultura e insensibilidade profunda. Pero transferir tal condena a esta situación é buscarlle ás cóchegas ao moneco. Lamento que houbese que sacrificar a Excálibur. Agradécese que aparezan mostras de empatía cara o pobre animal. Pero sorpréndeme que se mobilicen ata con enfrontamentos coa policía por algo de tan pura lóxica. Volvo ao comezo. Esta febre pasará axiña. A paciencia de Rajoy irá ao seu favor neste caso porque é certo que o sistema sanitario español conta con medios e especialistas para controlar esta situación, esperemos que canto antes. Armar tanto escándalo pola necesaria morte dun can, demostra a tendencia desproporcionada de certos colectivos convencidos de que só eles saben da compaixón cos animais. Pero confundir con datos tendenciosos intentando facer crer que a culpa da desgraza do paciente é pola súa propia neglixencia e estupidez, raia na malicia informativa. Nin o pobre Excálibur ten culpa da cegueira de certos colectivos, nin moito menos a enferma da malicia cínica de quen está ao fronte das máis altas decisións sanitarias.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

domingo, 5 de octubre de 2014

SETE BOLOS E ALGÚNS PEIXES

CHAMOU Rajoy aos membros máis queridos do seu goberno e díxolles: dáme mágoa tanta xente no paro, tanta na pobreza case absoluta, tanta tan desanimada porque o traballo é cada vez máis precario. Algúns nin un bocado teñen para levar á boca, moitos quedan ao raso, sen casa onde durmir nin eles nin os seus fillos, outros andan pensando en emigrar para buscar vida fóra, demasiados dan por perdida a esperanza e xa non contan con volver nunca máis a traballar. Así pois, Montoro, dirixiuse ao ministro do ramo, quero que lles deas de comer, e procures traballo e animes a vida económica, porque as eleccións están a chegar e non quixera que me botasen demasiadas vergonzas na cara, e ti, coma todos, quererás seguir ao meu carón. Ou non? Pero, señor, respondeulle Montoro, como quere que active a economía se acabamos de aprobar unha reforma fiscal pola que imos percibir menos, hai pouco traballo logo menos que coticen, aos ricos nos os quixemos nin tocar para que non se enrabechasen, o IVE prometemos non aumentalo, o consumo interno vai tan lento que case nin se percibe e os bancos seguen prestándolle aos Estados pero non a particulares nin empresas? Rajoy, sereno, con aire beatífico, animouno: ti fai o que eu che diga, prepara uns presupostos optimistas, home de pouca fe.
E foi Montoro, chamou á súa colaboradora Fernández Currás chegada non de Galilea senón de Galicia, en entre os dous alá idearon unhas contas atrevidas e optimistas porque si. Que ninguén se asuste: o consumo medrará coma leite no lume e o IVE meterá cartos nas arcas do Estado coma nun goxo; as empresas rebordarán en beneficios e pagarán tanto en impostos que andaremos sobrados; os traballadores aportarán coma nunca se viu; a reforma fiscal non influirá para nada nunha menor recadación; nadaremos en cartos sen que o déficit se resinta e os recortes non se toquen. Presentoulle Montoro esta marabilla, mirouna Rajoy e sentiuse satisfeito. Mandou sentar aos seus ministros, fíxose silencio e sentenciou: ben feito, así se goberna, como Deus manda. Vedes como con sete bolos e uns poucos peixes se pode dar de comer a unha multitude?; vedes, homes de pouca fe? E así foi como se multiplicaron os cartos para uns presupostos de consolidación da melloría sen necesidade de subir impostos nin de reducir prestacións. Todos comemos a fartar e co que sobrou aínda se encheron sete cestas.
CHAMOU Rajoy aos membros máis queridos do seu goberno e díxolles: dáme mágoa tanta xente no paro, tanta na pobreza case absoluta, tanta tan desanimada porque o traballo é cada vez máis precario. Algúns nin un bocado teñen para levar á boca, moitos quedan ao raso, sen casa onde durmir nin eles nin os seus fillos, outros andan pensando en emigrar para buscar vida fóra, demasiados dan por perdida a esperanza e xa non contan con volver nunca máis a traballar. Así pois, Montoro, dirixiuse ao ministro do ramo, quero que lles deas de comer, e procures traballo e animes a vida económica, porque as eleccións están a chegar e non quixera que me botasen demasiadas vergonzas na cara, e ti, coma todos, quererás seguir ao meu carón. Ou non? Pero, señor, respondeulle Montoro, como quere que active a economía se acabamos de aprobar unha reforma fiscal pola que imos percibir menos, hai pouco traballo logo menos que coticen, aos ricos nos os quixemos nin tocar para que non se enrabechasen, o IVE prometemos non aumentalo, o consumo interno vai tan lento que case nin se percibe e os bancos seguen prestándolle aos Estados pero non a particulares nin empresas? Rajoy, sereno, con aire beatífico, animouno: ti fai o que eu che diga, prepara uns presupostos optimistas, home de pouca fe.
E foi Montoro, chamou á súa colaboradora Fernández Currás chegada non de Galilea senón de Galicia, en entre os dous alá idearon unhas contas atrevidas e optimistas porque si. Que ninguén se asuste: o consumo medrará coma leite no lume e o IVE meterá cartos nas arcas do Estado coma nun goxo; as empresas rebordarán en beneficios e pagarán tanto en impostos que andaremos sobrados; os traballadores aportarán coma nunca se viu; a reforma fiscal non influirá para nada nunha menor recadación; nadaremos en cartos sen que o déficit se resinta e os recortes non se toquen. Presentoulle Montoro esta marabilla, mirouna Rajoy e sentiuse satisfeito. Mandou sentar aos seus ministros, fíxose silencio e sentenciou: ben feito, así se goberna, como Deus manda. Vedes como con sete bolos e uns poucos peixes se pode dar de comer a unha multitude?; vedes, homes de pouca fe? E así foi como se multiplicaron os cartos para uns presupostos de consolidación da melloría sen necesidade de subir impostos nin de reducir prestacións. Todos comemos a fartar e co que sobrou aínda se encheron sete cestas.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

CERVEXA E SALCHICHAS

Se de algo me teño que doer ante tanta preocupación secesionista, é de que me resta atención . E xa saben: o verdadeiro erro está na falta de atención (True detective, dixit). De tanto matinar sobre como reaccionará o goberno amante da lei diante do outro que a burla e se acolle á vontade do “pobo”, pasei por alto as distintas exaltacións festivas e gastronómicas que derredor se celebran. Pensarán que diante de tantos problemas que nos aflixen é unha frivolidade enredarse con iso, pero para nada, quen non atende o cotiá que está á beira, mal entenderá o excepcional que se produce máis lonxe. 
O meu despiste chegou a tanto durante o verán que nin reparei en festas de interese cultural da importancia da tomatina. Ardo en tanto desexo de participar (e pagar por elo) nesa festa de tanto arraigo popular, de tradición consolidada e coa forza suficiente para reflectir os auténticos valores dunha comunidade, que non sei como se me foi o santo ao ceo, non me acheguei á localidade onde se celebra e lles contei con detalle a experiencia espiritual e transformadora que alí se palpa. (Sen que nos lea: a dirección deste xornal tamén está na inopia, non me explico como non me mandou de enviado especial e con dietas de executivo Caja Madrid a cubrir o evento; non dan aprendido, alá eles). Aínda despistado, nalgún lado lin que a festa é todo un alarde de enxeño comercial e publicitario, unha verdadeira alternativa económica para o pobo diante de tanto tomate podre e que non se dá vendido. En asuntos de tal calibre non me quero meter. Só resaltar, con sensibilidade artística, a beleza do manifestación festiva, a catarse emocional que debe supoñer para os participantes e a escenografía elegante da celebración. Unha auténtica xoia de gusto e delicadeza, capaz de chamar a visitantes que veñen desde países tan afastados como Xapón e Australia e, como tal, merecedora de abrir ou pechar un telexornal na televisión pagada por todos e que parece que non hai quen a dea gobernado. O importante axiña se fai un oco nos escaparates informativos. Xa digo, pasárseme festa así e non cubrila como se merece, é unha falta de atención que agora pago e peno por non estar ao que debo. 
Tamén se me pasou, aínda que nisto creo que o subconsciente xogou na miña defensa, a festa máis popularizada e estendida por cada cidade e vila deste antigo reino de Galicia. Esa franquicia de festa medieval, da que é sen dúbida a de Pontevedra a máis nobre, soada e rendible de cantas se coñecen, pola que canta vila hai se converte por un día ou dous en lugar habitado por señores feudais, servos da gleba, comendadores, clérigos e mozas de taberna. Todo perfectamente adobiado para a ocasión, palla, fume, ulido a porquiño abrasado, chourizos, viño ruín, filloas, mel, xogos de cabaleiros e damas, falcóns e músicas de época transforman a base urbana en castelos, ameas e outras edificacións de cartón pedra que nos levan sen pechar os ollos a aquel tempo tan feliz e digno de recordo. Un auténtico achado ese de ir detrás dun pasado no que os estamentos eran tan ríxidos e impermeables que a vida era un pracer. Unha pirámide sen disimulo na que na base estaba a masa dedicada a servir que é para o que serven as masas. Todo un modelo no que se fixar e por iso os nenos se disfrazan tamén, ata os meniños de berce, todos moi guapos e repoludos, servindo de actores vivos e reais para que a cidade chame a invitados, os hostaleiros fagan o agosto aínda que sexa en xullo ou setembro e os cidadáns gocen dunha completa sendo actores dun tempo pasado moito peor. Maneiras de nos distraer. Nada que dicir. Menos, tal e como xa deixei medio dito, cando a representación dos pontevedreses é sen dúbida a máis lograda de todas cantas teño visto. Falar mal de tal manifestación festiva sería como colocarme no lugar de San Sebastián e agardar a que as frechas se me cravasen por todo o corpo ata me deixar completamente desangrado. Pero tampouco a esta festa estiven atento. 
E por se non fora dabondo, o colmo, levo máis dun ano que non aplico atención mínima a ningunha das múltiples e nunca ben gabas festas gastronómicas deste país. Miren que hai oferta: grelo, pataca, caldo, chourizo, queixo (do de Arzúa é do que máis sei, pero hai moitos máis), cachola do porco, rabo de porco, vincha do porco, orellas do porco (despecen o porco), do pemento (de Herbón, de Arnoia), garavanzo, cebola, chícharo, xudías, fabas, allo, verza, nabo, ameixa, berberecho, centola, cigala, gamba, navalla, nécora, ostra, percebe, raia, do viño (metan os pobos que se lles ocorran das catro provincias), zamburiña... Pois nada. Nin a unha acudín nin me decatei nin comentei nin sobre elas escribín. Sen perdón. Empézase por esquecer estes detalles e a ver onde un acaba. Menos mal que, chegados a outubro, tal vez pola repercusión das festas de Munich, chegou a min que tamén aquí disque temos unha festa da cervexa e da salchicha. Esa si que non a perdo. Informareinos.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA