sábado, 5 de noviembre de 2011

CON CRISTINA EN ALCALÁ

PASEI parte dunha mañá vendo fotos na Casa de las Américas. Eran fotos de mulleres intrépidas, pioneiras mexicanas, moitas delas acompañando aos seus homes, algúns arqueólogos, durante o inicio do século pasado. Chamoume a atención Mariana Yampolsky coas súas laranxas, María Santibáñez, Gilda Chavarry, María Navarro e sobre todo Reva Brooks con Mujer junto a un ataud. Retratos todos dunha pureza inmaculada que nos mostraban o México dos rostros sen idade, dos indíxenas á beira das bestas, da color do silencio e da pobreza mesturados co ulido fervente dunha terra seca. Tamén, é certo, a distancia de clase, os sombreiros imposibles de damas imitadoras da brancura do norte, de soldados pequechos pero orgullosos e de mirada fera.
Coma se esa exposición fose a antesala da festa que me agardaba, ao día seguinte, paseando por Alcalá de Henares, vin que na igrexa de Santa María la Rica expoñía Cristina García Rodero. Exposición que leva percorrendo España e que estivo en Galicia e eu non puidera ver. Sen dubidalo entrei na sala e percorrín unha a unha cada foto da fotógrafa de Puertollano. Custa deixar unha para concentrarse na seguinte. Esa España oculta, esas festas, romarías e procesións espétanse na mirada sen te deixar. É impresionante como mira, como enfoca e capta realidades culturais únicas. Quen xa vise a exposición saberá que nela aparece a cultura antropolóxica da xeografía española perfectamente reflectida e de maneira especial a galega. As fotos case non precisan título nin aclaración. Basta cunha data, o nome dun pobo, Ribarteme, por exemplo, e con mirar atentos, todo está dito. A relixiosidade, a mestura de paganismo con cristianismo, a pobreza, a fe, o medo, a miseria, a determinación dunha nai, o tempo espetado nos regos fondos dun rostro, a mirada dun neno a un cristo, a man dunha nai apuxando das nádegas dunha cativiña para que se achega á virxe avogosa... Todo está captado no branco e negro dunha sobriedade exacta, medida, sen adornos nin manipulacións. A necesidade de controlar a morte, de poxar pola mellor vida, a imperiosa fortaleza dunha fe que move a tolleitos, doentes eternos, todos de xeonllos, anicados, implorantes diante do poder do máis aló. Vendo as fotos de Cristina venme ao acordo de algunha maneira o estilo de Vrixilio Viéitez, o magnífico retratista de Sóutelo de Montes. Hai neles un lazo que os conecta, tal vez esa limpeza da mirada que non se avergonza de enfocar o que a ninguén se lle ocorrería. Pero algo os distancia substancialmente: mentres Cristina leva un obxectivo rastreando na antropoloxía cultural, Virxilio é só un grandioso retratista da vida a secas. Unha e outro, retratan en branco e negro o que se agocha debaixo da vida con ollos únicos.

viernes, 4 de noviembre de 2011

AS MULLERES QUE AMAMOS

MALAS NOTICIAS NA CARBALLEIRA



Un tende a supoñer que os máis pasan por idénticas canseiras, fobias, farturas e cabreos que un padece. E non sempre ocorre como subxectivamente cremos, claro. Aínda así, case aseguraría que no que se refire ás malas novas que a economía nos trae a cotío estamos todos un tanto saturados. Farta escoitar e ler cada día unha receita distinta, unha causa reiterada, un prognóstico aínda máis pesimista sobre a situación que nos agarda. Todos nos contaxiamos desa mirada curta e sen esperanza que nos atenaza. Por iso para o artigo de hoxe decidín descender ao microcosmos da Carballeira, o lugar asociado á paz, ao silencio e ao afecto máis seguro e incondicional. Pero tamén na Carballeira hai noticias malas, pésimas. Que queren que lle faga? Teño que contarlles o que pasa, non sería honesto inventar o que non hai. Despois dunha pequena viaxe e sen practicamente comunicación ningunha, volvín á Carballeira para palpar do seu ulido, para pisar as follas que estran de óxido os camiños e para comer á beira da bilbaína nese morno que dá paz e acougo impagables. Pero, como xa dixen, había novas malas. A primeira, as cerdeiras. De dúas que trouxera nunha fermosa viaxe realizada na semana santa pasada ao Jerte, unha está practicamente morta. Non vai adiante. Ninguén dos da casa dá explicación do fracaso. Que se o aire podre que vén de Meirama, que se unha xeada rabiosa, que se tantos días sen chuvia... Ninguén entende a razón exacta, pero o certo e evidente é que unha, a máis vizosa das dúas, a que parecía que ía dereitiña para as medras coma unha vela, perdeu toda a folla, quedou sen color e, a pesar de que meu pai mantén que aínda non se pode dicir a última palabra, todo indica que non irá adiante. Non hai moito Víctor F. Freixanes escribía un artigo lamentando a morte dunha camelia vella e que o acompañara dende que mercara a casa. Segundo a súa explicación, a culpa da desfeita da súa árbore estivera claramente relacionada coa poda excesiva e brava á que a sometera . No caso da cerdeira non se cometeu tal equivocación, ao contrario, o mimo e coidados cos que foi atendida non xustifican que respondese de maneira tan ruín. Mentres meu pai non a dea por morta, a min non se me ocorre comezar cos oficios fúnebres, pero as perspectivas son cativas e moito me temo que calquera día, pola pena que dea vela sen vida, haxa que optar por arrincala e esquecela. E se o da cerdeira non me aledou, o do Misto nin lles conto. Si, cóntolles porque merece a pena ver o malvados que podemos chegar a ser. O Misto tiña fama de malo porque ladraba aos descoñecidos e porque a súa aparencia flexible e potente impoñía correndo por toda finca coma un verdadeiro lobo. Era un can fiel, algo trapalleiro, comíalle as galiñas a miña nai e ás veces merecía algunha reprimenda (nunha das últimas falcatruadas miña nai tardou en lle conceder o perdón, pero acabou por perdoalo, non merecía tal castigo). Certo que non lle gustaban as persoas que pretendían entrar na finca sen ser da casa ou sen unha boa carta de presentación ( boas palabras, boa mirada, serenidade, confianza, ganas de amizade), pero en canto sabía que eras dos nosos, convertíase en amigo fiel con ganas de brincar. Enérxico coma un tigre e listo coma un allo, nada me daba máis seguranza que velo ceibo marcando o seu territorio amplo e extenso, que era o noso. Nun dos últimos días, sen embargo, comezou a comer dun xeito descontrolado e preocupante. E canto máis comía, máis adelgazaba. Miña nai desconfiou que algo lle pasaba. Pero entre que se decidiu chamar ou non ao veterinario (ademais desa maneira rara de comer e adelgazar, comezou a estar algo murcho e menos vigoroso), unha mañá apareceu morto. A causa descubriuse de contado: alguén lle deu de comer algo envelenado. Un veleno que o foi perforando ata acabar con el no mellor da súa vida. Unha morte triste e penosa para alguén valente e decidido coma el. Unha morte impropia para un can nobre. Unha morte que non lle desexas nin ao peor dos inimigos. Envelenado. O pobre Misto morreu á maneira na que os covardes matan aos que temen, non pola fortaleza do outro senón polas súa propia debilidade. O Misto acendíase coma se nel habitasen as luminarias da vida e da ledicia. Houbo que apagalo cun veleno, ás agachadas, con premeditación, coas artes dos covardes. Agora teremos que nos conformar coa cadeliña Brasa que o substitúe, é negra e aínda non deu mostras de tristeza pola perda do seu compañeiro, a pobre é cativiña de todo, pero agardamos que os covardes non lle collan medo e comecen a planificar a maneira de desfacerse dela. Hai quen vive mal sen atopar inimigos, tanto ten persoa coma can. E cando os identifican, como non teñen valentía para outra cosa, se poden actuar con sixilo e covardía, ata matan. Xa ven, as cousas non van ben nin na Carballeira.

jueves, 3 de noviembre de 2011

FAURÉ


NON IMPORTA QUE O OUTONO CHEGUE CON CHUVIA RABIOSA. PODEMOS ESCOITAR A FAURÉ.

miércoles, 2 de noviembre de 2011

DO ESFORZO Á GRAZA

COMO levo máis dun ano sen prender a televisión, de non ser por unha amiga que me avisou, non me decataría de que aínda existe algún programa que se pode ver. Díxome: porque algún día vexa La noria non debes deducir que non sei que existen e mesmo vexa outros programas, non sabes que os domingos á once, na dúas, emiten un no que aparecen persoas que teñen algo que dicir? Grazas a internet, cando chegou esta chuvia rancorosa por tanto agardar, aproveitei unha tarde para ver nunha tacada a Lledó, Savater e José A. Marina. Non é que sexan entrevistas excepcionais, pero si, entre o que se ofrece, pódese ver.
Acordeime da entrevista a J.A. Marina observando a varios adolescentes realizando exercicios de expresión corporal. As nenas aplicábanse con maior entusiasmo, e case todas, con diferencias, por suposto, lle daban máis traza ca maioría dos nenos. Estes, máis entalados polo medo ao ridículo, mofábanse das instruccións, ridiculizaban aos que o intentaban, incluso algún se pechaba e se arredaba do grupo nun claro xesto de impotencia e covardía diante da tarefa. Na defensa do meu xenro, debo dicir que tamén algúns se empregaban con interese e paixón, pero os menos. Das nenas, xa dixen, case todas, incluíndo ás máis tímidas, se atrevían e probaban para adecuar o corpo ao ritmo e pasos que marcaba o profesor. Pero entre elas, dúas en especial, movíanse con tanta soltura e graza, con tanta naturalidade que eu, sempre dos apoucados para soltar o corpo, sentía verdadeira envexa. Resultáballes tan doado flexionar, moverse a compás, xirar, parar no momento preciso, erguer a cadeira ou balancear a cintura coma vimbios que daba xenio velas. Ningún ritmo se lles resistía. Acababa unha peza e xa suspiraban para que se encadease a música seguinte. Gozaban co que realizaban. O corpo, a música, o baile e o pensamento movíanse en perfecta harmonía. Véndoas así tan concentradas e relaxadas, volvín á entrevista de Marina na que descubrín varios aspectos da súa persoa dos que non tiña nin sospeita e que me chamaron a atención. Un referíase á frustración que o filósofo sentía por non ser cantante de tangos e o outro, o realmente importante para o que lles conto, que antes de comezar os estudos de filosofía o que a el realmente lle apetecía era ser bailarín. Sempre, dicía, quixera ser bailarín porque se sentira atraído polo misterio da transformación do esforzo en graza. E iso foi o que observei vendo aos adolescentes bailado: de todos, por máis que se esforzasen, só dúas tiñan o don de transformar o esforzo en auténtica graza.

MONECO PARA AS MALLEIRAS

 
            O gran problema que se aveciña despois das eleccións do 20-N é a experiencia de baleiro que padeceremos. Nada se valora mentres se ten. En canto experimentamos a perda, chega a dolor.  Refírome á perda que significará Zapatero? Realmente son dos que penso que alguén o botará de menos, cando parece que a maioría dos españois está suspirando por que desapareza ese personaxe de triste mandato para comezar unha época nova? Pois si, a ese mesmo me refiro. E quen máis o botará de menos será a oposición de agora, previsible gobernante para daquela.
            Zapatero está cumprindo unha función magnífica nesta etapa incerta e pesimista. Ninguén podería realizar con tanta enteireza o papel de moneco das malleiras tal e como el o está interpretando. Cando os acontecementos se torcen, nada mellor ca un chibo expiatorio sobre o que descargar toda a agresividade, culpa, frustración e impotencia. O paro, a falta de recuperación, o gasto excesivo, a corrupción, a mala educación, o pesimismo xeneralizado, todo atopa un culpable evidente e innegable. Contar cun comodín de tal resistencia (a clave dun bo moneco é que non se descompoña de todo, que non chegue a dar mágoa, nese caso perde os seus efectos benéficos) tranquilízanos respecto da responsabilidade e ábremos a unha miga de esperanza.
            En canto á responsabilidade, en parte con bastante razón, nada parece ir en contra da liña de opinión instalada dende hai anos: quen non soubo darse conta das dimensións da crise, quen non estivo activo e aleuto dende o principio, quen permitiu que todo se descompuxese foi Zapatero. El é o culpable da destrución de emprego, do estalido da burbulla da construción, da desfeita financeira mundial, da falta de cohesión entre os políticos europeos e , se me apuran, de que Obama non fose o revulsivo que se agardaba para os EEUU. Por suposto, tamén el é o responsable maior de que ETA non se disolva, de que tardase tanto en declarar que non pensa seguir matando e de que  aos españois, agora,  a ameaza do terrorismo lles importe moito menos que a ameza do paro. E sendo culpable de todo isto e moito máis, o único que cabe como reacción é repetilo, propagalo e introducilo na mente de todos para que non nos cansemos de descargar sobre el toda a nosa ira. Meréceo. Que aguante. Que non fose tan inútil e incompetente.
            Polo que toca á esperanza, ben claro está: se existe un culpable visible, nada mellor ca desfacernos del. A esperanza do cidadán está depositada en que desapareza o causante do mal. Expulsémolo. Esquezámonos del e dos tristes anos do seu goberno. Pisemos a súa imaxe e o que supuxo o seu tempo de mal goberno, así, supoñemos, a situación variará, conseguiremos saír da triste atonía e pésimas noticias coas que almorzamos cada mañá. Non importa  o que o partido da alternativa propoña, non é preciso examinar detidamente as promesas ou programas de quen virán despois, abonda con saber que alguén expulsará ao causante do mal, que hai posibilidade de desfacernos del para sempre, liberados dun pesadelo que nos situou ao borde do cavorco máis terrorífico. A esperanza asenta sobre a expulsión e anulación do malvado.
            O malo, coma sempre que se centra nun moneco toda a culpa e na súa desaparición toda esperanza, é que se pode experimentar o baleiro de quedar sen ter en quen zoupar toda a rabia e descontento. Que será despois de que el xa non estea? A quen lle botaremos a culpa unha vez esquecido? Certo que os novos gobernantes utilizarán durante bastante tempo este comodín para desculpa da súa propia imposibilidade de transformar a situación. Por suposto que dará para bastantes meses o recurso de acudir á desfeita e o deserto arrasado que deixou o antecesor. E non dubido que se proxectará sobre o seu continuador, antigo colaborador, idéntico papel de moneco das malleiras. Que o saiba Rubalcaba o que lle espera: catro anos de acusación permanente de que se non se fai máis é unicamente polo mal que o fixo mentres colaborou co verdadeiro espírito do mal. Pero aínda así, iso non se sostén eternamente. Pasarán os meses e chegará o momento no que non abonda con mirar para o pasado lamentando a desaparición daquel cómodo moneco que podía con todas as culpas. Entón será cando de verdade se saberá se a esperanza pode asentarse só en acabar co moneco das malleiras. Veremos se aos futuros gobernantes se lles atranca a desaparición de tan confortable moneco. Estaremos atentos.

domingo, 23 de octubre de 2011

HOMES E MULLERES NON VEMOS IGUAL



HABÍA tempo que un servidor o viña sospeitando, pero tiveron que pasar anos de investigación ata que o vin confirmado polo estudo dun grupo de científicos do Hammersmith and West London College para que me atreva a contárllelo. As mulleres e os homes non vemos igual. Comprobado. Segundo o descubrimento do citado college, os homes calibramos mellor o que está lonxe, as mulleres o que está cerca. Asunto do que non me podo permitir dubidar, as miñas investigacións, ademais de puramente subxectivas, son pobres por natureza, pero para min que non é exactamente así. Se prometen non rir, dígolles como o formularía eu: os homes calibramos mal, as mulleres calibran ben. Mais conformémonos co demostrado, os homes calibramos mellor ao lonxe, as mulleres ao cerca.
A explicación para tal aseveración parece vir determinada pola evolución dos nosos cerebros prehistóricos. Iso de ser cazadores e recolectoras, á larga trae máis cola da que pensabamos. Mentres os homes andabamos empoleirados albiscando a ver onde podía aparecer unha boa (ou ruín, sempre depende da fame) peza para lanzar a pedra ou a frecha, elas, buscando noces ou raíces comestibles, aguzaban a vista ao cerca. E como o empeño durou unha chea de séculos, o cerebro, que é plástico por esencia, aprendeu a procesar de distinta maneira os estímulos visuais. E aí nos teñen aos homes mirando sempre a ver se vemos na distancia unha peza á que disparar, e a muller, cos pés ben asentados no chan, mirando ao cerca a ver se hai algo que apañar. A consecuencia salta á vista: os homes, inestables, tiramos pedras coma bobos fallando na maioría das veces, atinar ao lonxe non é doado; as mulleres, prácticas, cun campo de visión moito máis definido, raíz comestible que pillan, raíz comestible que vai ao cesto. E como non hai conduta que non produza as súas consecuencias, tampouco será un desatino maiúsculo supoñer que por cada tropezo dunha muller, os homes cometemos vinte ou trinta. Enfocar obxectos adoita ser anticipo do modelo de enfoque que se pode realizar para obxectivos fundamentais do vivir. Así pois, tomemos nota: é moi probable que por cada serie de pedradas que o home guinda a ver se atina cun obxectivo falle un bo número, mentres que a muller, por cada vez que se anica coa intención de apañar, case seguro que non volve sen nada no cesto ou no mandil. Conclusións triviais faltas de rigor? Poida que si, pero a evolución do cerebro non mente e os feitos observables a cada día permiten dar estes pinchacarneiros frívolos. O que si resulta innegable é que non vemos sempre igual, e iso certifícano os científicos e calquera que baixe un pouco a atención.