domingo, 26 de febrero de 2012

QUE A GUSTIÑO SE ESTÁ NA VERDADE




DENDE que o actual goberno non me mente, estou na gloria. E que eu a mentira leveina sempre moi mal. Se cadra porque foi dos primeiros pecados que me ensinaron a confesar. Cando aínda non tiña conciencia nin posibilidades de pecar, atordado por non dar con ningunha culpa grave como para lle dicir ao confesor, agarreime ás mentiras como táboa de salvación. Como sempre temos algo que ocultar e eu dende cativo tendía a contar as cousas non moi apegadas á realidade, descubrín que escudriñando no fondo da conciencia podía atopar algunha mentira, comodín que nos momentos do exame de conciencia me salvaba de quedar coma un parvo sen nada que confesar. Pero, ao mesmo tempo, collinlle manía, a ninguén lle gusta convivir cos pecados de infancia.
Co novo goberno gozo dunha tranquilidade completa. Antes, xa se sabía, Zapatero era un mentirán descarado, non se podía fiar un del nin para saber en que mes estabamos, pero agora, co novo goberno, mentira nin unha. E nótase. Un vive coa tranquilidade de saber que non imos medrar economicamente, que as medidas que se toman non terán efecto inmediato, que continuará aumentando o paro, que todo será moi duro e que haberá que sacrificarse aínda máis. Será difícil, que dúbida cabe, pero somos sensatos, serenos, responsables e aceptamos con madurez aquelo que nos di un goberno valente, que colle o touro polos cornos e actúa como hai que actuar: dicindo a verdade. En definitiva, que cando un goberna como Deus manda, con sentido común, servindo aos intereses de todos os españois e sen mentir, nada hai que temer. Por suposto que é moi pronto e ninguén leva milagres na carteira unha vez acabada a campaña electoral, pero escoitar cada día verdades inmensas, evidentes e incontestables proporciona unha seguridade e confianza impagables. Algún desconfiado poderá pensar: as verdades dicíanse antes, na oposición, agora non. Si tal. Continúase con idéntico amor á verdade. O goberno cumpre o prometido con creces e, se os efectos se atrasan, abondo fai con aceptar unha herdanza tan velenosa. Certo que antes o peso da responsabilidade caía de cheo na ineptitude e maldade do presidente, para nada no contexto internacional, e que agora xa se recorre con frecuencia ao escenario, á situación complexa, á dependencia de Europa e outras circunstancias externas que non todo o fían ás decisións autónomas e rápidas que ían transformar isto en tempo inmediato, pero xa sabemos que nada é para sempre e que tamén iso variará. En canto a situación global mellore, e oxalá sexa canto antes, verán como de novo volvemos á importancia das medidas tomadas, pero dende que goberna este goberno, nunca antes, ningunha anterior serviu para nada. E esta é a verdade, e debemos soportala sen protestar, porque nela estase moi a gustiño.

TOLIÑO POR DINAH

SOÑAR DE NOITE POR DURMIR DE DÍA

Haberá soños que merecen explicación, outros o único que nos traen é desconcerto e angustia. Isto foi o que me aconteceu co que tiven a noite pasada. Espertei cerca da mañá tan desconcertado como impresionado. O lembrado resúmese así: durante horas, nunha asemblea do estilo das últimas do BNG, nun centro de congresos deseñado por un arquitecto dos que non agochan a seu ego, todos os compromisarios, eufóricos e case fanáticos, pelexaban por me elixir como Secretario Xeral da UGT. Si, da UGT, non se daba pé a ningún engano: nin outro sindicato da competencia, nin un partido político, nin unha asociación de consumidores, nin unha organización pola defensa dos carballos ou dos ríos de augas claras. Tiña que ser á forza e era elixido Secretario Xeral da UGT, coa aprobación maioritaria dos asemblearios, por máis que eu me negase argumentando que xamais na miña vida fixera nada para merecer tal cargo de responsabilidade e, moito menos, contase con capacidade algunha para defender tal función. Eu rebelábame e intentaba micro na man demostrar que todos cometían o erro máis clamoroso da historia do sindicato, pero tantos os do metal coma os da construción, os da rama da alimentación e os do vestido, os da naval, os do ocio, todos a unha esixían que debía aceptar e comezar canto antes a exercer o meu novo cometido. Espertei, como non lles estrañará, desexando escapar da moderna sala de congresos, agarrándome ben ás sabas para certificar que todo quedaba nun soño. Non sei que traza interpretativa lle daría Freud , empeñado como andaba sempre con lle buscar as cóxegas sexuais a todo canto se nos desbordaba durante o durmir, pero, por máis que quixen lembrar algo da miña lectura xuvenil de “La interpretación de los sueños”, escaso significado sexual puiden atopar en tan sorprendente soño. Escuso dicirlles que toda unha noite pelexando para que non te elixan secretario de algo para o que non serves nin non queres ser é un labor que cansa, pero moito máis esgota non ter traballo, así que tampouco crean que lles conto isto con ganas de lamentos ou de darlles mágoa. Excluída a interpretación sexual, maliciei se o desborde do magma inconsciente cara o lado sindical tería algo que ver co desprestixio preventivo co que veñen sometendo aos sindicatos dende distintos ámbitos do poder comunicativo. Certo que a teima non xurdiu nos últimos días, pero agravouse. Parece coma se, anulado o poder da oposición polo grave pecado da era Zapatero, probablemente con penitencia de oito anos como mínimo, e segada a crítica aínda máis á esquerda polo iluso da súa mensaxe arredado do realismo tecnócrata, só restase pegar o último golpe de gadaña sobre a inutilidade, corruptela e burocratización dos sindicatos, para raspar toda posibilidade de contestación. O presidente do goberno adiantouno con intelixencia preventiva: van quedar sos, completamente illados, ninguén os apoiará, porque todos, podería deducirse da súa insinuación, mesmo os máis zarandeados, asumiran con resignación que non queda outra: aceptar e calar. Nesta píldora reiteradamente receitada contra a depresión que nos posúe, vénse concentrando o veleno máis pezoñoso da crise: digan o que digan algúns inconscientes economistas, o que prediquen vellos sindicalistas fóra da realidade, o que de maneira intermitente e mal organizada denuncien indignados, mocetes manexados ou grupos claramente contra o sistema, aquí só queda un camiño: o de apertar o cinto e baixar os pantalóns. Calar sen rechío e aceptar o que de maneira evidente se sabe que incrementa as penalidades sobre os máis prexudicados. Non quero con isto tapar a boca crítica de ninguén. Que os sindicatos do actual século necesiten un xiro, que se producisen certos abusos en canto a liberados indolentes, que o financiamento mereza unha revisión a fondo e que o sistema de afiliación e funcionamento interno precisen dunha corrección profunda, non é motivo para que día tras día, dende os medios e partidos da vía única, se desprestixien ata o punto de convertelos en tan inútiles como empobrecedores do Estado. Como continuemos con esta poda cega de todo canto supoña criticar as sabias medidas dos gobernos que actúan ao ditado das necesidades do beneficio polo beneficio, a ver como remata respirando a frustración social. Se repartir non é eficaz, rebaixar impostos aos poderosos non cubica, acabar cos paraísos fiscais só se lles ocorre a cabezas ilusas, reducir as diferenzas entre clases é unha utopía e os sindicatos son reliquias de dezanove completamente illadas, alborotadores de charanga e pandeireta, xa me dirán que nos espera... Tal e como nos estamos durmindo de día, así non me estraña que pola noite un soñe o que soña.

domingo, 19 de febrero de 2012

LUCIA POPP PARA A MAÑÁ DO DOMINGO

INFANTIL, SR.MINISTRO, INFANTIL E PRIMARIA




É COMA se cantase un carro. Poden todos os expertos do planeta insistir en que tanto cambio partidista é prexudicial na educación que, tan axiña como chegan ao poder os novos, están desexando virar patas arriba todo o anterior, tan seguros están de que por fin eles serán os que lograrán a reforma definitiva. Como non podía ser doutro xeito, este ministerio vai na mesma liña: cambios e transformacións ideolóxicos que o único que conseguen é fartar a profesores, confundir a pais e desorientar a alumnos. Abusando da boa fe que se lle presupón no inicio do seu mandato, quixera facerlle ao novo ministro unha breve consideración, moi na liña do sentido común que tanto apreza o presidente que o nomeou.
Se realmente o Sr. ministro está en disposición de actuar de maneira eficaz, suxeriríalle que se esquecese canto antes das obrigas ideolóxicas para contentar a certos grupos de presión e se puxese ao práctico. Primeiro: excelencia e esixencia. Perfecto. De aplicación inmediata na selección do profesorado. Mentres non conte cun bo e motivado profesorado, esqueza toda reforma. Os mestres han de ser elixidos entre os mellores, deberán estar moi preparados e pasarán antes de exercer por un control rigoroso e exhaustivo mediante o que se demostre que saben do que ensinan e saben ensinar. Iso non é posible sen conseguir, entre todos, aumentar o seu prestixio social. E non lle dean máis voltas. Segundo: acepte que a base de toda convivencia na escola é a marcha adecuada na aprendizaxe. Non existe mellor autoridade. Quen queda excluído intelectualmente crea problemas de convivencia. Nunha aula onde a metade está a nivel 20 e a outra a nivel 8 non é posible achegar os de abaixo aos de arriba e tampouco funcionará a convivencia. Como se evitan estes desaxustes? Actuando a tempo e con medios na educación infantil e na primaria. Se os alumnos se descolgan na primaria, chegados á ESO, non digamos a bacharelato, é moi custoso recuperalos. Aos descolgados hai que pillalos nos primeiros pasos, e repetir, se algunha vez funciona, é nos cursos inferiores. Por iso, se quere investir con siso, o investimento principal deberá ir destinado a infantil e primaria. Terceiro: durante estas etapas educativas básicas, insistamos no esencial: técnicas de estudo e lectura, lectura e lectura. Quen non chega á ESO cun hábito aceptable para saber estudar, un nivel de lectura fluído e cun coñecemento mínimo das materias instrumentais, está perdido. Isto é o que di o sentido común. Só así, dende abaixo e con bos profesores, é posible mellorar o ensino. Cómpre para tomar estas medidas recuperar algunhas das competencias traspasadas ás autonomías? Aí é onde se ven os gobernos que gobernan.

IR Á CORTE E MATALAS TODAS

Alguén puido sospeitar nalgunha ocasión que Gazón actuase con resentimento, rancor e frustración no chamado caso GAL? Moitos pensaron que resultaba estraño que un xuíz metido a político (por un prato de lentellas) só saír escaldado agarrase o caso contra Felipe González con tanta zuna que máis parecía un axuste persoal que verdadeiro afán de xustiza? A pesar de todo, cando a sentenza condenou aos que condenou, quedado o X a un pelo de ser descuberto, había razóns para dubidar da decisión do tribunal ata o punto de considerar a decisión viciada de raíz e que se cometía un auténtico atropelo? Non se defendeu daquela a supremacía do dereito sobre calquera mácula procedente das miserias humanas? Pensar que vivimos nun mundo idílico, desprovisto de envexas e contas pendentes entre persoas ou onde os gremios non agochan na súa dinámica interna vicios e malicias é dunha inxenuidade alarmante. Parece evidente que o xa defenestrado xuíz non contaba con demasiados amigos dentro do seu gremio, e que, pola alternancia entre a valentía e o histrionismo nas súas actuación, buscou inimigos suficientemente poderosos como para agardalo a que cometese o primeiro fallo severo polo que lle puidesen axustar as caravillas. Sen dúbida é abundante entre o gremio dos maxistrados a ideoloxía de dereita na que non encaixaban ben as maneiras e actitudes de Gazón. Como non se pode ignorar que potentes medios de comunicación claramente definidos, os mesmos que axudaron a engrandecelo durante aquel proceso dos GAL (daquela os medios eran unánimes, á dereita máis cavernícola interesáballe con rabia que polo civil ou polo criminal se acabase con Felipe González), viñeron dende hai anos preparando unha campaña de desprestixio e ridiculización non só de procesos do xuíz senón incluso da súa persoa. E por suposto, ninguén o descoñece, a ningún delincuente, mafioso, corrupto ou terrorista lle desagrada afundir no abismo a un xuíz, ao que sexa, para eles sempre será un victoria no seu afán por impoñer a lei do máis forte, do máis ruín e do máis poderoso sobre a imperfecta dun Estado democrático. Todo isto non creo que poida negarse que contou na caída e esnafre definitivo deste xuíz atrevido, valente e, como xa dixen, nalgúns casos demasiado apegado ás cámaras e á popularidade de xusticeiro universal, o que, que eu saiba, en ningún código está recollido como delicto. Pero por máis que teñamos todos os condicionantes anteriores en conta, o que non ofrece dúbida é que se por algo se caracteriza o dereito é pola estricta, rigorosa e inquebrantable rectitude nos procesos e formas. Deu pé a actuación de Garzón para que acusacións particulares, avogados avisados ou xuíces cabreados o sometesen contra as cordas das regras do dereito? Aínda admitindo que son lego na materia, parece evidente que si. Como se pode explicar que se lle abran tres causas sen caso nin fundamento?. Os mesmos defensores a morte (por suposto que enfronte exhíbense os detractores con maior grao de fanatismo e xenreira) do xuíz agora en desgraza non negan que puido “cometer algún pequeno erro”. Que ás veces erros similares pasan desapercibidos e ninguén se ceba con eles? Sen dúbida. Que se tirou do fío aproveitando condicionante non todos eles de estricto dereito? Poida que si. Pero sería aceptar a teoría universal da conspiración sen o máis mínimo espírito crítico pensar que os mecanismos xudiciais admiten o progreso de tres causas sen fundamento nin sostén xurídico. E unha vez admitidas, expostos á vixilancia da cualificación do acusado, das súas defensas e dos medios nacionais e internacionais afíns, non parece razoable pensar que profesionais da xustiza se rebaixasen na súa cegueira a deixarse conducir unicamente polos seus máis baixos instintos vingativos ou de rancor. Que tanto na sentenza coñecida como no auto último se aprecian elementos de crueldade e de saña así como indicios probatorios cunha determinación xusticeira? Certo. Que non hai miga de piedade nin misericordia nos razoamentos xustificativos da sentenza? Evidente. Que se eleva ao máximo o castigo que da falta se podía derivar e se atopa maldade plena transformando o que puido ser un erro técnico na instrucción nun gravísimo acto a sabendas de desexo prevaricador de saltarse a lei? Probable. Pero aínda así, cústame crer que, por unanimidade, todos os maxistrados do Tribunal Supremo que xulgaron o caso e polo que o inhabilitaron acordasen afundir ao único xuíz xusto e recto, defensor das causas máis nobres, coma se todos os malos se unisen en pleno contubernio, comestos pola xenreira, a malicia ideolóxica e a conspiración. Non quero crelo. E se nas posibles apelacións, o agora defenestrado xuíz lograse algún éxito no TC ou en Estrasburgo, entón si que sería ir á corte e matalas todas. Entón, que o demo me coma se non tiña razón Castelao cando poñía na boca dun paisano aquilo de : Que Deus nos libere da xustiza.