domingo, 5 de febrero de 2012

SÁLVESE QUEN POIDA

NADA PEOR nesta vida que pasala aburrida. A vida pódese vivir con sobresaltos, a bandazos, entre branco e negro, rodeados de incerteza, perigos e momentos de euforia, pero se toma o camiño do aburrimento convértese en insoportable. Tanto tememos ao aburrimento, sobre todo se aínda rebule en nós algunha muxica de ilusión, que, antes de encarreirarnos pola senda do tedio, estamos dispostos a cometer erros e a embarcarnos en aventuras sen ton nin son. Fuximos do fastío coma do frío que entumece os pés. Non se pode vivir narcotizados na apatía do repetitivo, mediocre, previsible. O cambio, a novidade e os retos transforman as nosas expectativas, dannos fortaleza para reavivarnos con cada proxecto que se emprende e renova.
Asustáronse as redes que transmiten opinión instantánea ao escoitar as palabras do mandatario italiano referíndose a que os mozos han de acostumarse a cambiar, moverse e non esperar un traballo estable. Lanzáronse os comentarios á degolo, considerando que o cinismo e a falta de respecto contra a mocidade europea en paro por parte do técnico salvador de Italia (ao parecer moi do estilo do capitán do cruceiro) era un desprezo inadmisible. E éo, pois os mozos están sen traballo estable e inestable. Pero non convén esquecer que, se o mundo se abre, as fronteiras se van furando e a cada paso somos máis cidadáns europeos, o máis probable é que haxa que se ir afacendo a unha mobilidade que conviría saber ata que punto é saudable e enriquecedora. Levamos anos escoitando a profecía de que os traballos para sempre irán desaparecendo. Son varias as décadas nas que se vén insistindo na necesidade da aprendizaxe e reciclaxe permanentes. Non eran mensaxes baleiras para entreternos en congresos inútiles. Pasa dunha década que Richard Sennett publicara A corrosión do carácter. Naquel ensaio xa adiantaba que a esencia do noso futuro xiraba arredor da improvisación para poder sobrevivir, que a incerteza forma parte da práctica cotiá e que a consigna de "nada a longo prazo" desorienta a acción planificada , disolve os vínculos de confianza e compromiso e separa a vontade do comportamento. A conduta flexible e cambiante pode traer o éxito, pero tamén ía acompañada da debilidade do carácter, pensaba Sennett, por iso os triunfadores non se atrevían a presentar a súa propia vida coma un relato exemplar. Iso era hai dez anos. Agora xa si, xa non se reprimen en absoluto. Non se consideran co carácter corroído, non temen invitar a saír do aburrimento aos que padecen a incongruencia do sistema. Simplemente, refuxiados no seu triunfo cego, permítense avisar sen o máis mínimo remorso que pasou o tempo de que debamos coidarnos e protexernos entre nós. O malo é que este aviso de sálvese quen poida é o peor dos aburrimentos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.