domingo, 10 de febrero de 2013

UNHA MULLER QUE OFRECE CONFIANZA


MIÑA nai sempre tivo a facultade de falar sen respiro e atender a sete asuntos á vez. Pode narrar coas digresións pertinentes unha historia central sen perder o fío do que comentan os acompañantes, sen lle quitar ollo á cazola , ler os subtítulos cos que se defende da xordeira diante da televisión e sentenciar categórica acerca da cuestión máis candente. Como ultimamente a vida política ofrece motivos sobrados para non permanecer calados nin os mudos, ela non dá feito. Atormentada por se será ou non verdade canto se publica e comenta, desconfiada e furiosa porque lle toca un fillo no paro, busca entre o seu imaxinario das vidas de santos os tormentos máis dolorosos para os ladróns e lercháns aos que non se lles debería conceder nin a presunción de inocencia. Aínda non estudada en dereito, ela distingue perfectamente o xurídico do político, e se polo xurídico todos teñen a garantía da presunción, politicamente non concede a máis mínima escapatoria á sospeita e á condena.
Azorada pola cara lavada deses políticos que a diario saen mentido coma vacas vellas, emprendeu nunha das últimas sestas un discurso infernal a onde deberían ir parar todos. Alí, nunha xigantesca cazola de aceite fervendo, habería que ilos rustrindo lentamente coma no peor dos tormentos. Non merecen castigo máis benévolo, insistía. Non ven a cantidade de familias que perden a súa casa, os mozos sen un traballo que levar á boca, a cada paso máis xente á porta das cociñas económicas? E a cada pregunta que se ía facendo, acendíase igual que o lume que dá o morno necesario para que meu pai durma indiferente sen lle prestar a máis mínima atención. E canto máis sen acende no xenio e na rabia, máis medran os castigos para todos eles, sen distinción nin por partido, nin por sexo, nin por idade, por dignidade ningún, todos carecen de tal virtude. Así levaba un anaco esbardallando sen eito cando realizou unha pequena parada. Pensei que sería para pillar aire, para a súa idade o discurso era longo de raio, pero axiña comprobei que non era esa a razón. Cravou os ollos na televisión, sinalou co dedo retorto pola artrose o rostro de Angela Merkel e sentenciou coa seguranza propia da mellor analista: Ves, esa muller será como sexa, pero a min ofréceme confianza. Nin piamos. Estará quedando xorda e nin idea de alemán, pero ela ben sabe o que di e a ver quen llo discute.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.