domingo, 28 de julio de 2013

O PODER DOS DESVERGONZADOS

Sería simplista afirmar que o problema deste país é a perda de vergonza. Pero sen dúbida é unha das grandes causas de que ocorran tantas anomalías encadeadas, e de tanta gravidade. Ninguén se avergonza por nada. Ao contrario, parece que o éxito, o prestixio, o triunfo e o recoñecemento van ligados á falta dela. Ninguén pide perdón por nada, e cando se pide sábese que é coa boca pequena ou un mero trámite para continuar actuando igual (fíxense no caso de roubos, nunca o perdón vai asociado á devolución do roubado, cando a maioría o que reclama é o botín e non bágoas de crocodilo). Limáronse tanto as esixencias que nos forzaban a non realizar determinadas falcatruadas por un mínimo decoro, excepto se estabamos dispostos a pagar o castigo de nos caer a cara de vergonza, que agora, para calquera empresa de certa importancia que pretendamos levar a cabo, chegouse a considerar un valor imprescindible ser un desvergonzado, un descarado, un verdadeiro cara dura. Existían profesións e cargos institucionais que tradicionalmente levaban implícita a honorabilidade, unha miga de vergonza pegada á alta función desempeñada, de maneira que, agás contadas excepcións nunca desculpadas, quen accedía a tan altos cargos asociaba de inmediato que o seu rol e status eran incompatibles con determinadas condutas, pois rebaixaban a quen as executaba, causaba un deterioro irrecuperable na súa persoa. Hoxe xa ven. Non me deterei nos directores do mundo, eses que sempre se consideran con tanta valía e competencias que necesitan vivir por riba do común dos mortais, que ven ao resto dos humanos coma mediocres incompetentes, merecedores dos seus males e fracasos; eses que desde a altura desprezan e xustifican con argumentos sobrados as razóns para se manter distantes e ancorados no seu exclusivo elitismo. Non, neses que promoven un darwinismo social puro e duro nin me deterei porque sempre foron uns cara lavados, uns auténticos desvergonzados expertos en comprar intelixencias ao seu servizo coa única finalidade de xustificar e manter os seus privilexios. Quen é capaz de aproveitarse dos aforros dunha vida de sacrificio dun vello, quen sostén que a única maneira de que avance o mundo é incrementando as diferencias nos salarios astronómicos e escandalosos de directivos porque conseguen obxectivos que só son posibles grazas á explotación de outros seres humanos e aínda por riba se enchen de orgullo medrando á costa dos débiles baixo o pretexto de que se non miran por si é porque son parvos, non merecen maior atención. Pero existían ata o de agora outra caste de profesionais, non tan agresiva nin cínica, que levaba asociada a carta de presentación do saber, da vontade e do esforzo, da elegancia,da dignidade, da ecuanimidade e dunha visión do mundo na que tiña cabida a xustiza social e o ben común. Eran cargos de recoñecido prestixio profesional e alto exemplo para o resto da sociedade dos que se esperaba sempre un proceder recto, medido, respectuoso, equilibrado. Gozaban da “autoritas” que confire a categoría dun posto ao que se accede por mérito, dedicación e traballadas cualidades humanas. Non tiveses medo que estes profesionais se vendesen, rebaixasen ou se permitisen caer en corruptelas, mangoneos ou amaños de estilo mafioso. Calquera podía fiarse da súa palabra, non digamos dun documento por eles firmado, pola promesa dada. Tiñan honorabilidade. Aprenderan vergonza e nin por eles nin pola familia se lles ocorrería deixarse tentar por trapalladas ás que hoxe vemos se presta canto can e gato hai. E tal e como aprenderan esa vergonza tamén a transmitían, servían de modelo para que moitos quixesen emulalos, os estudantes, os aprendices, tomábanos coma modelos e, por suposto, ningún bardallas televisivo podería facerlles nin unha miga de competencia. Hoxe , por desgraza, desde que o éxito, a fama, o poder e o cartos son os reis do mambo, do primeiro ao último rinse desta actitude vital. Non só pasan por riba dela, senón que a desprezan con chulería altiva, coma tratando de débiles e imbéciles a quen aínda conservan algo daquela maneira de se comportar. Desde os cargos das máis altas institucións do Estado, desde calquera posto de responsabilidade do que debería emanar honradez, honor e cordura, saltan modos e condutas de puros e simples desvergonzados. Condutas ao alcance de calquera chupatintas, de persoas que nunca souberon nada, ignorantes, ou que nunca chegaron a ter un principio. Si, estamos diante dunha crise de valores. Estamos nunha crise onde se queres ter algún poder has de comezar por ser un auténtico sen vergonza. E así imos mal.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.