sábado, 21 de diciembre de 2013

O CAMIÓN

Ti este ano telo doado para saber o que lle has de pedir aos Reis, díxome unha amiga. E eu asentín inicialmente, peor logo reflexionei e non me cadraba. Pedirlle saúde, riqueza e amor aos Reis de Oriente non me parece razoable. Que farían os pobres se a todos se lles dera por pedir isto que tanto nos gustan? Que mérito tería recorrer camiños, vales, montañas, mares e desertos para chegar á casa de alguén e regalarlle amor, ou riqueza, xa non digamos saúde. Son peticións excesivas, fóra das súas capacidades tradicionais; que camelos, que burros, cabalos con albarda ou sen ela, barcos, avións, poderían vir cargados de tales peticións? Aí vai, un petroleiro cargado de saúde para os que padecen cancro de mama, outro para os de colon, outro para os que teñen enfermidades difíciles de diagnosticar, outro para os que teñen o corazón por un fío... E amor? Que avión podería transportar amor para adolescentes que comezan a enredar, para maduros que pretenden asentar a súa vida, para vellos que se coidan e dan os últimos anacos de tenrura? E diñeiro non digamos. Diñeiro, saúde e amor están ben para cantar como desexo universal, pero non son realidades que se lles poidan pedir aos Reis Magos. Por iso eu esquecín a tentación inicial e busquei algo máis propio. Este ano pedireille un camión. De pequeno acórdame que me trouxeran un en miniatura semellando ao dos bombeiros. Tiña unha escada que se elevaba, colores entre vermellos e amarelos e incluso unha lámpada con alarma no teito da cabina que non emitía ruído nin acendía luces, eran outros tempos, pero eu imaxinaba o que lle faltaba e enredei con el ben veces. Pois este ano quero outro camión, pero non unha imitación, nin unha miniatura, non, non, un camión de verdade, auténtico, como debe ser. É caro. Xa adianto que non é un regalo barato, pero algunha vez os cidadáns do común temos dereito a pedir algo fóra do corrente. Saben cal é o que me gusta? Un idéntico a ese que disque vai comprar ou xa comprou o Ministerio do Interior parar esmagar aos que se intenten manifestar diante do Parlamento ou nas rúas. Un que disque lanza auga coa potencia dunha catarata e que dispersa manifestantes coma monecos. Van catro cans frauta, sete camorristas profesionais que disque sempre se apuntan a tódalas manifestacións, cen parados desesperados, sesenta nais de familia que non saben como saír da situación sen saída, catro intelectuais convencidos de que é a única vía para que isto cambie e oito vellos fartos de que os tomen por bobos berrando pola rúa que San Xerome: Blesa é un ladrón, Blesa é un chulo e un ladrón, e acéndese o camión este máxico, pon a toda máquina os seus motores, solta o seu primeiro chorro de auga e voan por riba da rúa e das beirarrúas os vellos, as mulleres, os can frautas, os camorristas, os intelectuais, todos, esborrexendo polo asfalto coma follas de outono non día de vento fero. E aí se acaba a protesta. E aí demostra o Estado que sabe protexernos, que está por nós, que inviste no que realmente ten que investir: case cincocentos mil euros nun camión fantástico á disposición da policía para que o país estea tranquilo, para que non se lle suban os fumes a cabeza e para que recapacite: non hai outra saída. Pois ben, eu quero un igual. Para min só. Quero estacionalo diante da porta da miña casa e telo á miña disposición para enredar con el cando me pete. Contra quen, imaxinen, non llelo digo porque aínda non o teño, pero non lles custará coincidir contra quen . Chamémoslle liberdade de enredo, ou liberdade lúdica, ou como prefiran. Pero é un capricho que me quero regalar nestes duros comezos da vellez. Pero igualiño. Sen que lle falte nada. Quero que mida entre 6 e 8 metros de longo, altura de 4, que vaia equipado con dos armeiros encaixados no habitáculo dianteiro. E, por suposto, que o canón lance auga situado na parte superior do vehículo e operando electricamente se poida accionar dende a cabina por medio de botóns de colores. O caudal, como mínimo, de 1.000 a 4.000 litros por minuto e, algo importante, a auga que conteña colorante para logo identificar a aqueles aos que se lle lanzou o chorro. Quéroo porque ao igual que o Estado considera que é indispensable para manter a liberdade, os dereitos e a seguridade cidadán, eu tamén quero probar desde a miña liberdade individual idéntico dereito. Non estabamos en que a liberdade é a clave? Non se insiste que como o privado non hai nada tan eficaz? Non se di que o Estado o único que fai e malgastar, corromper e dilapidar os cartos dos cidadáns, que, no seu bolso e por el administrados, serían moito máis produtivos para todos? Pois amigos, eu únome á idea e que se preparen algúns. Porque en canto os Reis me cumpran o desexo, que non teñen por que non mo cumprir, á porta da miña casa acercarase quen eu queira. Haberá que botar man dos F18, porque o que é por terra, nin equipos especiais: acomódome na cabina e a ver quen é o guapo que me vén con esixencias. Así que, xa o saben a policía e o ministerio, a partires da noite de Reis haberá outro camión máis, este privado, encargado de manter os dereitos, liberdades e seguridade dos cidadáns. Teño unha ganas de poñer o canón de auga a toda potencia...


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.