sábado, 8 de febrero de 2014

DURMIR POLA VELLA


OS papás de hoxe están moito máis informados cós do pasado. Onde vai dar a información coa que se preparan antes de ter o bebé. Xa por libros dedicados ex profeso ou picando en internet, os pais de agora saben moito máis sobre como calmar a ansiedade, darlles de comer ou, sobre todo, batalla de tódalas batallas, como durmir aos nenos (e que os deixen durmir a eles). Uns seguen o método Estevill, outros seguro que se fían de Gómez Papí reafirmando o método Oompa Loompa e outros moitos irán pillando en distintas fontes para lograr con maior éxito o seu propósito. Seguro, imposible escaparse, algún consello recibirán de avoas e avós que tamén algo queren dicir sobre o asunto. Con todo, o que está claro é que se impón a literatura do momento, a máis de moda, para ir comprobando o que todo pai acaba por admitir: que os nenos dormen cando queren ou poden, que se descontrolan pola mínima e que armarse demasiado de bibliografía non sempre leva ao mellor porto.
Algo así debe pensar a miña veciña que acaba e ter unha nena. Non é que sexa vella, pero ela non se deixa seducir por modas e segue durmindo á nena pola vella. E dicir: eaeaea, eaeaea, eaeaea, miña bonitiña, eaeaea... Deduzo que a ten nos brazos e vaina acalentando ata que cae durmida. Eu cando chego da quimioterapia, sobre todo os últimos días, sento na butaca preferida con algún libro ou revista diante para me distraer da fraqueza que me invade. E ocorre moitas veces que nese preciso momento comeza a veciña coa súa salmodia do eaeaea coa nena e o que quedo durmindo coma un tronco son eu, caendo o libro das mans sen ler máis de dous parágrafos. Sentila con eses cantos de aloumiño arrólame coma se volvese ao berce primeiro. Agora tamén o marido se une aos aloumiños e cantos, coa lixeira variante cando se une pois din eeeeeé, eeeeeé, eeeeeé, é... igual de monótono que o eaeaea, só que o dúo parece menos efectivo. O malo é que me está desconcertando e intrigando a situación porque cando esperto, nai soa ou nai e pai xuntos seguen con cánticos de arrolo e eu non sei se é que durmín unha miguiña e a nena aínda non durmiu nada, ou, pola contra, que levo tanto durmindo e rendido que xa a nena durmiu, espertou, e están tratando de durmila de novo. Mentres resolvo o misterio, o que lles podo adiantar é que, para o abatemento da miña quimio, durmir pola vella é man de santo.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.