domingo, 7 de diciembre de 2014

MENOS MAL QUE NOS QUEDA A CARIDADE

Xubilados, cidadáns honrados, traballadores mansos, relixiosos, agnósticos, ateos, mulleres cansas do día duro, mozos, votantes de dereitas e de esquerdas, a xente, moita xente únese e colabora e reparte e organízase para facer caridade. Si, caridade. Esa palabra á que non quixeramos recorrer pero á que hai que botar man nos momentos nos que o goberno abdica, mira para outro lado, inhíbese e despístanos con cánticos celestiais de números máxicos, melloras á vista, resignación mellor ca catástrofe. A xente, a anónima, a que pasa desapercibida, a que erra, a que parece hipnotizada, á que queren confundir, compadécese, sente piedade e busca alimentos, non permite que os nenos pasen fame. Porque, parece, só nos queda a caridade. 
Sorpréndese a maioría de que algúns digan que somos ricos, un país rico. Pois non deberían. Somos ricos. Claro que somos ricos. O suficiente coma para que os nenos non pasen fame, coma para que todos poidan ir á escola, coma para no ter frío agora que chegarán as doentes xeadas, coma para vivir baixo teito. Non contamos con grandes recursos naturais, non estamos á cabeza en investigación, non é o noso capital tecnolóxico comprable co doutros países. Claro que non posuímos universidades de prestixio, avances científicos nin historia de potencial económico que outros demostran. Dende logo deberiamos eliminar todo aquelo que non nos podemos permitir. Non andamos sobrados, dá noxo vernos vivir coma novos ricos fantoches, se a mesura e sobriedade imperasen mellor nos iría. Pero somos ricos, o suficiente coma para non acudir á caridade. 
 Os gobernantes, sen embargo, os economistas de cabeceira dos poderosos realistas, non admiten nin a máis mínima desviación, so pena de derrube, catástrofe anunciada e propiciada, de inestabilidade organizada, insisten en convencernos de que non queda outra opción, é o mal menor, a desgraza que nos sacará do pozo. Sufran, padezan, resistan, agárrense á caridade, anuncian ás veces coa boca pequena outras coa máis grande que poden abrir; agarden, confíen, non desesperen, non soñen, non escoiten cantos populistas, nin voces de sereas que nos levarían ao fondo do mar. Somos pobres. Non se pode máis. Faise todo o posible. Pero a desigualade non se pode frear, a miseria á beira da casa tampouco, nenos con fame menos, se hai xente que perde a vivenda será pola súa mala cabeza. Cen mil persoas ao ano quedan sen teito. Cen mil. Nun país inzado de pisos cos que non se sabe que facer. Porque hai que ofrecer custe o que custe confianza aos bancos, porque a esencia do mercado está na solvencia dos bancos. Que importan unha familias sen casa, uns nenos sen leite, uns mozos tirados na rúa? Efectos colaterais. Recorrer a eles, poñer o punto de mira sobre iso non é máis ca demagoxia, populismo, favorecer a desintegración da cohesión social. Co difícil que é estabilizar, co imprescindible que é a «paz social» para que todo marche ben... 
O goberno debe aforrar. Cumprir cos obxectivos marcados. Estabilizar aos bancos, base da nosa economía. Para os efectos secundarios xa está a caridade. Os homes e mulleres do país saben poñerse no lugar do que padece. Os bancos de alimentos medran. Relixiosos, organizacións laicas, nos barrios, nas parroquias a xente vaise organizando, porque o Estado é pobre, debe aforrar o leite de nenos inocentes e ha de ocuparse en manter a orde para que a lei protexa aos usureiros que chimpan á rúa a unha vella, a lei que permite que os bancos non acepten nin a dación como pago nin nada que non sexa a escrupulosa recuperación da súa pésima xogada. Eles non poden perder nin un céntimo. O sistema caería coma un morico de pedras mal asentadas, todo sería moito peor. Por iso nos convén calar, aceptar, convencernos de que ningunha opción é posible, non queda lugar para outra alternativa. Todo está estudado, comprobado. Non queda outra opción. Paguemos as débedas, fagámonos respectar diante dos nosos acredores, demos a imaxe de país solvente e serio, como Deus manda, e que o demo confunda aos débiles e desherdados. Para que está a caridade? Non desequilibremos esta precaria estabilidade. Non xoguemos con lume. Non vaimos cara o precipicio. Manteñamos a orde e non modifiquemos leis que poidan enrabechar aos poderosos. Non saben que os cartos poden fuxir, non saben que se soben impostos quen as pagarán serán os traballadores, non saben que se pretenden repartir inmediatamente os tacharán de ilusos populistas, non saben, en fin, que calquera proposta que saia do establecido non e máis que experimentar con gas inflamable, apropiarse dos dereitos dos suecos sen aceptar os seus deberes, conducirnos á contradición máis absoluta e temible? Esquezamos ideas con ulido a século XIX. Somos pobres. Non hai de onde quitar. Axustemos unha miga máis polo único sitio por onde se pode axustar e miremos o futuro con optimismo. Mentres, que funcione a caridade. Para iso está. O resto, nin tocalo. E menos mal que nos queda a caridade



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.