domingo, 12 de junio de 2016

RAJOY NO RING DO ZAIRE

         Se hai dous seres neste mundo que gardan menos parecido son Muhammad Ali e Mariano Rayoy. Ata parece que escribir os seus nomes xuntos me causa un formigueo nos dedos que me impedirá continuar. Á determinación, elegancia, agresividade, provoación, intelixencia e valentía do boxeador falecido hai que opoñer a raposería, moderación, cálculo, tempero de opositor e as malas artes propias de quen dedican máis de media vida  á política, como é o caso do presidente de Goberno en funcións.  Se un pasará á historia como modelo de atrevemento e coherencia enfrontándose ao que fose con tal de escapar da escravitude e ser realmente libre, o outro entrará  por ser un político adaptado, realista e resignado,  con grandes dotes para o equilibrio, dedicando parte da súa vida a convencer aos cidadáns de que nada compensa tanto como  ser realistas, adaptados e resignados. Como Deus manda e o sentido común ensina. Mais sendo tan distintos, a estratexia do incombustible Rajoy parece calcada da que Ali utilizou fronte a George Foreman no antigo Zaire.
            Nalquel memorable combate, Ali, despois dun primeiro asalto no que exhibiu o seu don para o xogo de pernas e a súa figura atlética, flexible, moldeada polo canon de  beleza dos deuses, coma un heroe grego, optou por algo que a primeira vista parecería suicida: deitarse nas cordas, taparse, esquivar toda a furia dos gopes do contrincante coma se non lle quedase outra que aguantar ata caer redondo. Cubríndose con moito oficio e demostrando uns reflexos rápidos coma o raio, logrou que a maior parte do xenio frozudo de Foreman se perdese no aire, aínda que no tórax, brazos e cabeza recibiu un considerable castigo. Foreman, a medida que pasaban os asaltos, perdía confianza, golpeaba con menos potencia, sorprendíase de que aquel bocazas provocador aguantase tanto castigo e aínda tivese folgos para insultalo. Claro que Ali, veloz cos brazos case coma coas pernas, en posición imposible, lograba conectar directamente no rostro do ofuscado Foreman, a cada paso máis convencido de que tiña a negra consigo. Como así foi. No oitavo asalto, Ali decidiu que o rival xa tiña que estar esgotado e completamente desanimado, pillouno nunha contra, saíuse das cordas, atacou e conectou dos golpes demoledores. O xigante Foreman tombado non se dá erguido. Ali gana. O provocador dá satisfacción incrible aos seus seguidores.
            Na táctica de Rajoy nunca poderá darse un primeiro asalto. Nin ten xogo de pernas, nin é rápido, nin a elegancia innata forma parte das súas ferramentas. Por iso dende sempre utiliza o refuxio nas cordas, agocharse coma se non existira e permitir que o contrario golpee, coma se el fose só un saquete para recibir pallizas. Encaixa. Apenas devolve, só cando calcula que merece un respiro. Lévaas e os espectadores irrítanse: que fai, por que non actúa, a que agarda, como segue cubríndose e recibindo sen responder, como pensa ganar así calquera combate? Pero Rajoy non se inmuta. É fiel á súa práctica de anos, leva na política dende mozo, entende que esas son as súas armas, non debe utilizar as que non ten. Resiste. Cala. Deixa que os contrarios ameacen, lle zoupen, o acurralen, pero no perde a fe de opositor: hai que cantar o tema, repetilo no tempo adecuado, coa cadencia  debida, sen faltar á letra do artigo; hai que repetir os temas unha e outra vez, sen ofuscarse, con disciplina e o resto chegará por amecedura. Tanto lle ten onde se realice o combate: en Galicia, Andalucía ou Cataluña. Cada tema ten unha letra, repítese, fártase e abúrrese ao contrario que acaba por abandonar. Tanto ten o alcance dos golpes e de onde procedan: Bárcenas, Granados, Barberá... Nomes. El continúa nas cordas, tapándose, agardando, os golpeadores acabarán fartos, cansos, extenuados. Nada o atemoriza. Leva anos deitado nas cordas, non é un prodixio de cintura nin de reflexos, pero aguanta e sabe colocar os brazos de maneira que os directos nunca o guindan á lona. Resiste. Esgota ao contrario. Sae vencedor aos puntos.
            Sei que é un sacrilexio comparar a Muhammad Ali con Mariano Rajoy, pero hai que recoñecer que o político do PP é coma se estivese permanentemente no ring do antigo Zaire. Ninguén parece disposto a pactar con el, todos pretenden guindalo, dano por acabado en múltiples ocasións, incluso dende o propio partido, pero el segue á súa: agochado, soltando algunha man, resistindo, esgotando aos contrarios. Ata Aznar, tan enganchado ao exercicio físico, un Joe Frazier en miniatura, ridículo, acaba rendéndose á evidencia de que co mestre na estratexia do Zaire non hai quen poida. Por iso, con estar só no parlamento, sen ninguén con quen falar, acabará sendo de novo presidente do Goberno. O único propósito que o move dende que  se deitou contra as cordas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.