sábado, 13 de agosto de 2016

ROMARÍA EN ESTOCOLMO

EN Estocolmo ía unha temperatura ideal. O día, claro, alegre, invitaba a saír á rúa a mozos e vellos. Por calquera rúa da cidade mesturabánse mocidade, turistas, ciclistas, vellos con aparencia de maduros. Todos parecían aledarse de xornada tan luminosa entre auga e verde, zonas peonils, comercios ateigados de compradores. Os viaxeiros, esquecidos de autobuses turísticos, guías, plans programados, tamén andabamos con plena liberdade contemplando, descubrindo aquí e alí, parando diante de grupos de artistas de rúa que ofrecían boa música, números sorpresa ou riso entendible sen idiomas. Sempre me gustou atender aos músicos de rúa. Moitos sei que non pasan de mediocres intérpretes, pero hai algo neles que me chama e me invita a prestarlles unha miga de atención. Se non é polos valores musicais, algo me parece que aprenderei observándoos.
 Nunha rúa actuaba un trío formado por trompeta, saxo e baixo que daba xenio escoitalo. Despois seguimos camiñando. Apartámonos algo da zona máis concurrida. Baixamos por unha ponte que parecía nos separaba do carozo da actividade vital. Nesto, que ao lonxe me parece escoitar unha muñeira. Unha muiñeira en Estocolmo?
Fomos detrás do son, apartámonos aínda máis do centro e si, noutra ponte, con moi pouca xente pasando por alí, un mozo tocaba a gaita. Achegámonos, claro. Deixamos que rematase a peza. O rapaz gastaba unha melena rizada e longa e unha barbuxa feble, coma de la mal estendida pola cara. Moi moreno. Non, non era galego. Era chileno, da Patagonia de Chile. Levaba un ano polo mundo vivindo da gaita. Unha experiencia única. Fóralle moi ben economicamente en España, sobre todo no sur. En Galicia estivo pero non se atrevera a tocar, eran moi bos os que escoitou.
Agora levaba dous meses en Estocolmo. Non era que fosen moi espléndidos, moito máis en España con ser máis pobres, pero “las chicas son muy lindas” e pensaba quedar aínda outra temporada. A policía non se metía con el, tocaba onde lle parecía, ía resistindo, e se prosperaba a relación que acababa e encetar incluso pensaría en preparar papeis para poder establecerse. Si, vai frío e escurece cedo. Pero “como ya dije, las chicas son muy lindas”. Como non elixes un lugar máis concurrido para tocar, pregunteille. Non elixo.
Elíxenme os lugares a min, hoxe pareceume que soaba moi ben aquí esta muiñeira e púxenme a tocar e algo cae, mostrounos o cestiño con algunha coroas e euros. Antes de nos despedir explicounos que a gaita estaba feita de madeira da Patagonia, que a quería de verdade, non era unha feita polos Seivane, pero a el dáballe sorte e levábaa coma ouro en pano aló onde ía. Despedímonos e comezou cunha nova muiñeira. Ao nos ir alonxando do lugar e son, parecía coma se Estocolmo estivesen de romaría, de festa do patrón. Logo, outra vez no barullo do centro, con músicas e aires completamente distintos comprobamos que si, que con este sol e esta luz Estocolmo era unha auténtica romaría internacional, onde os festeiros, educados, apresurados, apuraban cada lisca de luz, de calor, de festa antes de que volvese o frío e a escuridade. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.