domingo, 12 de enero de 2014

PAÍS DE COCIÑEIROS

Agora que estamos en tempos de banco de alimentos, que moitas familias as pasan crúas para dar alimento equilibrado aos seus fillos, na televisión máis badoca que son capaz de lembrar (quen me dera un programa como Estudio 1 da época do franquismo) triunfan os concursos de cociñeiros. Cociñeiros para adultos, adolescentes, nenos, supoño que axiña inventarán un para bebés. Admito que nunca vin un destes programas, pero a pouco que leas a prensa é inevitable decatarte de que están proliferando e tendo un éxito considerable. Imaxino que algunha razón de peso estará detrás de tanto euforia sobre a cultura culinaria. Confeso que nunca me tirou demasiado esa tendencia a crear case mitos dos artistas da cociña. Sempre lembro un libro de Faustino Cordón, científico pouco lembrado, no que nos explicaba como a cociña fixo ao home. Realmente na evolución tivo unha transcendencia innegable a mellora na elaboración dos alimentos. Pero moitas das tendencias que ultimamente se levan , conducen máis á liña da publicidade que o da saudable evolución do cociñar. Non caerei na trampa de soster que comida coma a da miña mamá, en ningures. Certo que na cociña tradicional se cometen erros de vulto e que se tragan máis graxas e carnes desgastadas que outra cousa, pero de aí á inflación de ocorrencias vaporizadas, iluminadas e case aire celestial para a satisfacción de elites con poderío económico dispostos a solicitar mesa con anos de antelación, hai moito máis cá carreiriña dun can. De todos modos, no país levamos anos promocionando, subvencionando e animando a todo creador de pratos baleiros con lindezas minúsculas a colores no centro. Supoño que algún plan directriz terá, e para rematala impulsan estes concursos de éxito que transformarán ao país nun paraíso para os cociñeiros e un reclamo para todos os lambóns que no mundo son moitos. Deduzo, supoño que con certo fundamento, que nas liñas mestras do que pretendemos para a economía futura será que o turismo siga mantendo un mínimo de traballo precario nas épocas de máis sol e que aumenten os cociñeiros de sona para que os visitantes de restaurantes con alto poder adquisitivo tamén se entusiasmen coas nosas delicadezas no padal. Conseguiriamos así un proxecto de país ben definido: darlles sol, alcohol e ben de comer aos de fóra, para nós ser camareiros, cobrar o salario mínimo por temporada e exhibir algún xenio creador para minorías que defenda a marca España ata en China. A propósito de China, ben farían en ir transformando a cociña aos gustos dos chineses, porque para tal fin, sen non contamos coa aceptación dos grandes millonarios que alí medran coma leite no lume, mal andaremos, porque só de ingleses e alemáns, non creo que deamos cubertas as necesidades mínimas. Claro que para formar cociñeiros que acerten no gusto gastronómico chinés non creo que abonden estes programas de televisión, a súa cultura é a máis rica en canto a cociñar se refire, por máis que nos únicos once días que andei por ese país pasase máis fame que nunca na miña vida. De calquera maneira que sexa, dubido que os concursos aos que me veño referindo poidan servir para crear unha escola poderosa e revolucionaria na cociña do país. Se así fose, benvida sexa, tan respectables son os cociñeiros coma os enxeñeiros informáticos ou os científicos no campo da xenética ou das neurociencias, pero moito me temo que o futuro que lles agarde aos nosos eufóricos nenos hábiles cos coitelo, coccións, frituras e repostería non lles reportará máis satisfacción que ser tan hábiles con microscopios, cubetas ou no dominio de receptores neuronais. Quero por fin resumir, para que non se dubide da miña pouco estima diante desta febre de concursos de cociña, que o que me dá na alma é que seguimos enredando e distraéndonos sen saber realmente que país queremos. Conformarnos con que cada ano aumente o número de visitantes e gasten dez euros máis por día non creo que poida ser a solución para os problemas de emprego do país. Moito menos incentivando a nenos a que na casa lles merquen utensilios específicos e caros para enredar a ser xenios entre cazolas. Polo camiño que levamos, por máis que a bolsa suba, a prima de risco baixe e as promesas de todos os ministros e as enquisas maquilladas nolo confirmen, o ano que comeza non promete ser o da creación de emprego. Estou convencido que non nos quedará outra que conformarnos e aceptar que menos mal, menos mal se baixamos o paro ao 23 ou a 22 % nos próximos dous anos, pero o certo será que esa baixada deberase fundamentalmente a traballos ruíns, estacionarios, miserables, a que moita xuventude emigrará e, claro, non podía ser menos, a que teremos unha xeración de cociñeiros (creadores gastronómicos queda máis bonito) de primeira que serán a envexa de toda Europa, Asía e América.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.