sábado, 18 de enero de 2014

UN PONTEVEDRÉS EN WASHINGTON

Que orgullo! Que inenarrable satisfacción tivo que experimentar o pontevedrés máis coñecido do planeta ao se sentar á beira do verdadeiro amo do mundo, aínda que algo vido a menos, Barack Obama! O traballo intenso de Monago e os seus acólitos negociando tan ansiada visita nunca lle será ben pagada. Vostedes verían coma min a foto, imposible non vela, e notarían a ledicia contida do presidente ao se ver en tan exclusivo e desexado despacho. Certo que o sorriso de Obama brilla e anula a calquera que teña ao seu carón, máxime se quen lle acompaña non está dotado do don da risa franca, pero aínda así a foto existe, a cámaras gardarán a imaxe para a posteridade e ao pontevedrés universal que lle quiten o bailado. Por suposto que a ledicia non se reduciu á súa familia, grupo íntimo de colaboradores, membros do partido... Imaxinen ao núcleo duro de amigos PTV de toda a vida, eses aos que foi colocando en distintos postos da administración (para adelgazala tal e como é o seu propósito ). Estarán exultantes e dando pinchacarneiros de alegría tal é a súa fidelidade e agradecemento como corresponde a todo ben nacido, máxime se é de Pontevedra de toda a vida. Chimparán foguetes contaxiados do éxito do seu protector e benfeitor. Pero non só este círculo máis estreito e apegado a el. Recoñezamos que haberá cidadáns de boa fe que tamén experimentarán certa fachenda vendo ao seu presidente campando por Wasihington coma se fose o líder dunha nación realmente poderosa. A moitos encheráselle o papo ao escoitar as palabras de eloxio de Obama dicindo que é un grande líder e que corrixiu o que a toda canalla financeira lle interesaba. Pareceralles un síntoma máis de que este ano si, por fin, imos ver a luz e os mozos atoparán traballo, os asalariados non perderán poder adquisitivo, o consumo interno aledará rúas comerciais e gurgullará efervescente o crédito e o carto que vai de man en man para potenciar o comercio e a economía familiar. Non nego que a necesidade de crer en tal milagre se vexa potenciada por esta visita espectáculo onde lle deron ao noso presidente unhas palmadas no lombo, moi ben, estalo facendo moi, segue así, e regresa á casa cheo e satisfeito pensando que atopará un país distinto. Mais non. Obama, que ademais de sorrir ben e andar cun estilo de bailador seguro , como de bobo non ten un pelo xa lle advertiu que mentres non solucionase o do emprego non lle podía dar máis parabéns. E o desemprego é co que se atopará ao regreso e por moitos anos. Porque miren a graza que ten o ministro Guindos intentando animarnos: se cadra a taxa de paro descende dun 26% a un 25,5%. Admirable, sr. Ministro. Non sabe vostede os ánimos que nos insufla. Agora que resulta que se para o fin da lexislatura regresaramos á taxa de paro na que nos deixara o anterior presidente (todos avisados de que foi el o causante das pragas de Exipto e da primeira guerra mundial que este ano recordamos) lograríamos un éxito rotundo, sería o síntoma de recuperación máis evidente e poderiamos durmir tranquilos porque España volvería a ir ben. Non lles parece que é rirse na cara de todos nós tomándonos por bobos? Os éxitos e felicitacións que está recibindo o presidente non deixan de ser un mero recoñecemento de que está facendo o que lle mandan. Moi ben, Mariano, debe dicirlle algún día Merkel cando non ten algo máis interesante que facer, segue cumprindo o que eu che diga. Estupendo, Mariano, dixéronlle Obama e unha exnadadora agora presidenta do FMI, segue cumprindo as ordes, continúa coas reformas profundas e recibirás os honores de ser un gran líder. Caralludo. E o país? E os mozos que con graos, máster, cursos no estranxeiro están dispostos a traballar no que sexa? E os que emigran para buscar a vida? E os avós que están espremendo a mínima pensión para dar acollida ao fillo de 50 anos en paro? E as familias que recollen aos mozos ata os 35 anos porque non hai onde buscar un triste traballo? E cando os avós morran e desapareza a pensión? E cando as familias non soporten máis a carga dunha filla con neto incorporado? E cando moitos parados non poidan dar de comer aos seus fillos? Felicitarémonos polas reformas profundas, polas bases para que se cre emprego de verdade? O mellor de todo isto é a foto, Sr. Rajoy. Consérvea, enmárquea como se merece e gárdea para lla ensinar aos netos. Imaxine, rodeado de netiños e contándolles: vedes, aquí estou dándolle unha camiseta da selección ao Papa de Roma, aquí parlamentando co primeiro presidente negro dos EE.UU. , aquí... E así pasará tardes inesquecibles e os seus netos medrarán de facenda e poderán presumir na escola coma ananos. Claro que os seus compañeiros de pupitre non se quedarán atrás. O fillo de Ronaldo presumirá dos balóns de ouro, o fillo ou neto de Blesa non se cortará narrando o fabuloso economista que foi seu pai ou avó, salvando ao país xestionando o banco máis poderoso, e ademais mataba leóns... E así sucesivamente, porque entre os descendentes desta xente sempre hai moito do que presumir. Por iso o máis salientable desta viaxe será a foto. Espero que Elvira saiba colocala no lugar adecuado e que lle dea ordes ao servizo para que a manteñan sempre coma ouro en pano.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.