domingo, 6 de abril de 2014

CISTERNA


SABIDO é que se os nosos adolescentes demostran unha incompetencia evidente na resolución de problemas, os maiores non o seremos menos. Por lei de imitación, estas carencias non é que nos veñan por herdanza, pero si pola falta de dedicación do entorno. Tocado no amor propio pola vantaxe e superioridade que non só os finlandeses senón a simple media europea demostran sobre nós, nesta semana apareceume un problema diante do que non me arredei e fíxenlle fronte coma un finlandés dos bos.
Durante a noite, cando os sentidos están máis aguzados e o silencio o envolve todo, pareceume oír un ruído suave, suficiente para me pór en alarma. Afinei a atención, descartei distintas procedencias e o meu sentido máis fino levoume á conclusión de que o murmurio líquido procedía do cuarto de baño. Erguinme sixiloso, entrei no baño e fun directo ao lugar do problema: a cisterna. Detectado o lugar, parecíame que estaba levando un método impecable, dado que pasaba das dúas da mañá, optei por pechar o paso da auga e agardar ata o día seguinte. Ao pouco de erguerme, abrín de novo o paso de auga e comprobei que o reguiño continuaba e que a perda non ía a menos por máis que probase baldeirando e deixando encher de novo o depósito. Mans á obra, decidinme. Coa miña mínima caixa de ferramentas dispúxenme. Despois da localización, pensei, deberemos ir á causa última. Para iso, desarmo. No desarme comprobo que os mecanismos constan dun montón de pezas plásticas, de pésima calidade, encaixadas de maneiras un tanto estrañas. Avanzo no despece. Procuro que cada peza quede ben situada para a súa posterior recomposición. Non acabo de ver a causa. Continúo desmontando? Dubido. Opto por montar de novo peza a peza o desfeito a ver se coa nova instalación acerto. Despois da recomposición non é que o problema desaparecese, é que agora xa perde con ganas. Vaise rir de min esta cisterna? Desmonto de novo, pero agora xa máis en profundidade, case a desarmo por completo e por fin paréceme atopar a razón da perda. Volvo a montar. Segue a perder. Amor propio. Razón e método fóra. Volvo á tarefa. Perdo a mañá completa, pero antes de comer, por fin, a cisterna queda montada e sen miga de perda. Problema resolto, anímome por evitar a chamada dun fontaneiro. Agora só faltaría que os de Pisa dixesen que isto non é a resolución dun problema, senón un chapuza.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.