sábado, 9 de agosto de 2014

QUE É O QUE VEU PARA QUEDAR?

Comezar as vacacións coa conciencia tranquila vale o seu peso en ouro. Este goberno despediuse cheo e satisfeito porque a recuperación chegou para quedar. Van ao descanso relaxados. Non é para menos. Despois de nos prometer que só entrar no goberno o mundo entendería que ao fronte estaba xente seria e con sentido común e todo melloraría en cuestión de meses, axiña tropezaron coa herdanza descoñecida, aínda que por eles ben pregoada e esaxerada durante todo o período de oposición, co que as previsións mudaron radicalmente. E foi para este ano, para o 2014 que prometeron veriamos o comezo da luz e así se está cumprindo, porque é horas, non se pode seguir ata máis cerca das eleccións co discurso tétrico da herdanza. Os visionarios das bolas do futuro(o equipo de asesores da consecución de votos) consideran que basta de insistir no afundimento no que nos deixaron os antecesores e vai sendo hora de mostrar que, a pesar da desfeita legada, están endereitando as cousas. A narración é doada de ver: deixáronnos un país na ruína, xa comezamos a erguelo, vótennos para as próximas eleccións (a catástrofe era tal que non se arranxa tan fácil) e nos próximos catro anos este país volverá a ser a envexa do mundo. Por iso están tan ledos e marchan de vacacións encantados da vida. Que lles presten. 
O malo é que hai algúns que levamos no sangue o espírito da contradición, o desexo de amolar por amolar, e non cremos nin a metade do que nos contan. E non o cremos pola simple razón de que os datos que a uns lles serven para tranquilizar a conciencia e facernos crer que xa entramos na liña do bo camiño, a nós, moi ao contrario, parécenos que as mellorías agochan unhas trampas inadmisibles. De que valen as contas de que mellora o emprego se hai datos evidentes de que : 1) a maioría dos traballos son estacionarios; 2) a cantidade de desesperados e emigrados que desaparecen do mercado de traballo segue a medrar; 3) nos queren vender que se crea un posto de traballo porque dous entran a cobrar por dez horas á semana e un deixou de facelo por trinta. Que clase de embustes son estes? 
Si, baixou a prima de risco (non por méritos do goberno) e o turismo vai co vento nas velas. E que? Non vou maldicir por seguir atraendo a turistas de todo tipo, sempre foi un dinamizador potente da nosa economía. E de paso, así polo menos, os licenciados en bioloxía poden actuar de camareiros dous meses ao ano e tamén por tal motivo moitos lingüistas, historiadores, arquitectos e xornalistas teñen a oportunidade de practicar inglés e alemán nos hoteis das costas. Algo é algo. Pero é esta a senda na que nos instalaremos, o bo camiño? 
Si, tódolos indicadores prevén que se dará certo crecemento na economía. E que? Para que ese crecemento? Para continuar sendo o país que máis medra en desigualdades? Lembro perfectamente unha pregunta que o actual presidente lle formulara ao seu adversario no debate televisivo antes de ganar as eleccións: como é que di vostede ser partidario da igualdade sendo que levou ao país a taxas de maior desigualdade das que se coñecen en Europa? Zapatero, como é lóxico, fuxiu da intelixente pregunta. Devólvolla agora, presidente: como é que se atreve a dicir que a recuperación chegou para quedar cando a desigualdade neste país, moito máis que cando vostede entrou no goberno, segue a medrar como leite no lume? Como é que se sente razoablemente optimista sendo que contamos con estratos sociais cun nivel de pobreza vergonzoso, hai anos non visto? Como pode pretende disimular o seu fracaso cando despois dos anos gobernados volvemos ao nivel de emprego co que vostede se atopou? Onde a melloría? Imos cara unha sociedade dual, onde os escandalosamente ricos cada vez o serán máis e o groso da poboación vivirá empobrecida e sen garantías para nada? É este o esperanzador futuro que lles agarda aos nosos netos? 
Si, as exportacións foron (foron, xa non tanto) ben. E que? Onde se ve creación de postos de traballo na industria? Baixando os salarios como o fixeron nestes últimos anos, aumentando as importacións, que clase de revulsivo se prevé ? Será talvez pola reforma fiscal que permite ás clases medias que sosteñen ao Estado aforrar 300 euros ao ano e aos verdadeiramente poderosos nin se lles toca? Ou pretende nas reformas da volta das vacacións acometer unha auténtica poda na pesada burocracia, nas institucións duplicadas, na eliminación de organismos inútiles? Onde a promesa de adelgazar a graxa mala do Estado? 
O que non admite dúbida é que a sanidade, a educación e a dependencia si recibiron un severo axuste, que estamos menos protexidos. Que o seguro de desemprego axuda a menos persoas. Que os mozos seguen emigrando. O que ninguén poderá negar é que os soldos da maioría son miserables. Non creo que ningún membro do goberno poida discutir que pasamos dun emprego malo a outro moito peor. É innegable que aumentan as desigualdades. É esta a recuperación? Pois se así é, por máis que baixe a prima de risco e os banqueiros se sintan moi animosos, mellor que nada disto viñese e moito menos para quedarse.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.