martes, 19 de agosto de 2014

UNHA CABANA NA PRAIA


POLO serán adoito pasear á beira da praia. Non agora no verán, sempre. E foi pola primavera que me decatei do interese e entusiasmo co que dous mozos moi novos traballaban na súa cabana. A maioría das tardes víaos centrados coma nenos con zapatos novos no que sería o seu traballo de verán. Primeiro contaron coa axuda dun electricista profesional que lles marcaba as directrices na instalación non só da luz senón tamén dos conxeladores e aparatos que introducían no pequeno pero xeitoso espazo. Logo tiveron un carpinteiro que os asesorou na construción dun estrado de madeira de Oregón baixo os pinos. Pintaron. Puxéronlle nome. Nos comezos do verán, tal e como deducín que sería o seu propósito, tiñan a cabana perfectamente montada, limpa, coas súas mesas sobre madeira, á sombra, con todo o solpor espetándose na auga pegada a Raxó.
Cada día que os vía tan dedicados ao investimento de buscar unha saída laboral, desexáballes sorte polo laboriosos e animosos que se mostraban. Pensaba que, ademais do investimento e horas de traballo, a cabana esixiría permisos e gastos variados para que lles permitisen en lugar tan belo montar o negocio, e parecíame que se esforzaban coa dilixencia e vontade que calquera desexa para unha xuventude emprendedora. Aplaudía en segredo a súa decisión: dous mozos arriscados con ganas de saír adiante. Chegou o verán. Os meus paseos continuaron algo máis tarde nos días de sol, á mesma hora os días de nubes. A flamante cabana abriu as portas aos bañistas, aos veraneantes, aos nenos coa súa oferta de xeados, a quen lles apetece unha cervexa ben fría antes de xantar. E alí estaban os mozos que fixeran de carpinteiros, electricistas, pintores, albaneis, agora de camareiros agardando aos clientes. O fracaso estalou en xullo, no mes que máis sol tivemos: dúas, tres mesas con rapaces xogando ás cartas diante dun refresco que lles duraba a tarde; o resto das mesas mirando o solpor, baleiras, á beira da auga serena, estendida coma unha placa de zinc; os mozos mirándose, entrando e saíndo na cabana, protexéndose do sol cunha gorra que os vendedores de refrescos lles deberan regalar como publicidade. Despois xa chegaron os días de nubes, as chuvias, e se na praia eran poucos os que xogaban, na cabana ninguén consumía. O verán está rematando. A cabana pechará. Os mozos deberán desprazar a ilusión en distinto proxecto. Non queda outra.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.