domingo, 15 de marzo de 2015

DE ROLDÁN A BÁRCENAS

ANDA ESTES días Sánchez Dragó promocionando coas súas habilidades innatas e aprendidas o seu novo libro. Non o lin. Non lles vou contar nada sobre el. Só sei, polo pregoado polo autor, que é un intento de novela non ficción tendo por personaxe principal a Roldán, aquel famoso director da Garda Civil na época final dos anos de goberno de Felipe González, modelo de corrupción como hoxe o podería ser Bárcenas. Calquera comparación é inútil, está perdida de antemán, pero coas diferencias e distancias pertinentes, o recordo daqueles cheirumes de cloaca tráeme as do momento presente. 

A primeira consideración é a innegable necesidade de adoptar unha posición relativista. Nin aqueles foron os peores anos da democracia nin se cadra tampouco o serán estes. Nin daquela o asco foi insuperable nin probablemente o sexa tampouco o de hoxe. O home sempre foi ambicioso e chamado ao mal. No interior do Estado aniñan víboras e augas fétidas capaces das maiores atrocidades e os peores olores. Non podemos chamarnos a engano nin facernos os santiños. A calquera cultura á que retrocedamos atoparemos vilezas, crueldades, corruptos e trampóns. En ningunha manifestación de goberno existen tantos medios de clarificación, persecución e esixencia de responsabilidades coma nos sistemas democráticos. Por mal que cheire a conduta dos que exercen o poder económico e político, non deberiamos esquecer nin alarmarnos coma inxenuos escandalizados, sábese que a podremia é consubstancial coa condición humana e co exercicio do poder. Miremos cara atrás na historia e veremos o grande avance que no control, transparencia e medidas de corrección fomos capaces de aplicar. Ningún tempo pasado foi mellor.
Que hai corrupción pestilente e a seguirá habendo é sabido. O que nos importa é que non se destrúan os mecanismos para investigala e expoñela á vista do cidadán
A perspectiva debería situarnos diante da lección inicial: elevar a momento absoluto en maldade o que estamos vivindo soe ser unha hipérbole nada produtiva. Dá noxo, si. Dá noxo amencer cada día con novos casos de cidadáns aplicados ao latrocinio cando dicían estar ao servizo dos cidadáns; dá noxo descubrir encubridores de tropelías, manobras de chantaxe, altos cargos mafiosos, contubernios impensables; dá noxo espertar escoitando o nome do estafador que non sospeitabas, do traficante que parecía bo xestor, do funcionario vendido. Pasear polos corredores dos ministerios e das dependencias da xustiza e recibir esas bafaradas de aire podre non é fácil de soportar por máis que se tape o nariz. Pero aínda así, caeríamos no confort do escándalo farisaico se non entendemos que xestionar a convivencia trae aparellados estes perigos. 

É este momento o máis corrupto da democracia? Son estas historias constantes e interminables sobre subornos, mordidas, dobres contabilidades, chantaxes e mentiras peores que as da época de González? Non nos acordamos nos tempos nos que aparecían mozos queimados en cal viva? Nin dos de aqueles policías Amedo e Domínguez, polos que soubemos das peores mañas do Estado? E que pasaba antes, cando era Rosón ministro do interior? E non continuamos retrocedendo para non acabar na época da ditadura da policía político social,  da que ao parecer aínda continúan comisarios activos naquelas fornadas formados. Fondos reservados, financiamento de partidos, terror de Estado, cloacas do poder... Porca vida. 

Contamos, sen embargo, cun motivo de esperanza: o contra poder dos partidos que aspiran a gobernar e o da información. Certo que tamén hai mecanismos para atenazar a información, para atala ou dirixila. Pero mentres se manteñan os intereses de distintos medios, a liberdade de crear plataformas informativas cada vez máis libres, contaremos ca dose suficiente de esperanza para crer na bondade desta imperfecta democracia. Cómpre que os medios sigan defendéndose das filtracións en favor da información máis obxectiva e rigorosa. Máis ca nunca, esta rede de posibilidades informativas que non parece ter límite merece un contraste xerárquico de información fidedigna. Diversificar e posibilitar medios con distintos intereses, coñecidos, postos de manifesto, danos a oportunidade de contrastar a procedencia e intencións dos feitos recibidos. Mentres a podremia se vexa perseguida e acurralada pola información, mantemos a esperanza. Que hai corrupción pestilente e a seguirá habendo é sabido. O que nos importa é que non se destrúan os mecanismos para investigala e expoñela á vista do cidadán. Non para escandalizarnos nin pensar que nos tocou o peor período da historia da corrupción. Non para paralizarnos na confortable crítica inane. Simplemente para lembrarnos que é imprescindible andar cos ollos abertos, sempre aleutos, articulando fórmulas de control e transparencia que fagan máis complicado embazarse na lama e, de enlamarse, que non resulte gratis. Detrás de Roldán sempre virá un Bárcenas, e de Bárcenas un Granados, e de Granados... Quen deben estar sempre ao axexo son os mecanismos de control parlamentario e o xornalismo rigoroso e firme para detectar e denunciar aos corruptos.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.