lunes, 23 de marzo de 2015

SEN CARIDADE, COLAPSO

                                        


            O síntoma máis evidente de que unha sociedade vai pola senda da caridade e non da xustiza é a importancia que adquiren as institucións de beneficencia. Necesarias. Loables. Heroicas en moitas ocasións. Pero reflexo cegador de que a desigualdade medra creando grupos de marxinados incapaces de se subir ao ascensor social. Nos períodos nos que os ascensores permiten a incorporación de persoas a unha ampla franxa de clases medias, descenden as casas de beneficencia; en canto se tronzan as cordas que tiran dese ascensor e os grupos de desconectados son maiores, se a beneficencia falla, acabamos nunha sociedade semellante á que Dickens nos describía nos peores momentos do capitalismo máis inhumano. Nos últimos anos, por desgraza, as medidas de redistribución, igualdade de oportunidades e cohesión nunha clase media máis culta e con mellor calidade de vida, vanse esfiañando ata quedar pendentes de Cáritas, a Cruz Vermella ou as actividades das diferentes parroquias que, de maneira eficaz e sen alardes, colaboran para que a miseria non se apodere de determinados barrios.
            A cidade que debería organizarse de maneira produtiva, libre, competitiva e solidaria, estase a converter nun lugar inhóspito no que compaixón, esmola e acollida altruísta suplen as carencias dunha eficaz planificación social. Son demasiadas as familias sen traballo, sen ningún seguro, carentes do indispensable. Son demasiados os individuos que, como ben explicaba José Martí Gómez, perden fío a fío o cabo que os amarra a porto. Esas persoas que perden o fío do traballo e deixan de contactar cos amigos, perdendo outro; porque non teñen traballo nin amigos, algúns acaban bebendo, e outro fío máis vai esgazando o cabo; e como nin traballo, nin amigos, e si bebida, a muller, os pais, os fillos, rompen tamén o último fío que mantiña o adival firme, de maneira que o barco acaba na deriva. Familias e individuos avergonzados, necesitados ata o extremo de ter que solicitar o indispensable para vivir, de aprender  o que nunca sospeitaron: como moverse nas institucións de caridade, nos comedores sociais, nas casas de acollida para pasar unha noite de frío.
            Que este colectivo aumente é un mostra evidente de fracaso social. De ningunha melloría poderemos presumir mentres esta consecuencia da crise non quede reducida a un resto aceptable e que sempre existirá na sociedade, xa por enfermidade psíquica, drogadiccións ou outras circunstancias ineludibles, pero xamais ata os extremos aos que chegamos actualmente. O dato primeiro de toda macro ou micro economía debería partir do incremento ou decrecemento da desigualdade. Ese é o verdadeiro dato a observar. Aí está a medida de tódalas medidas. E tamén aí radica a diferencia de tódalas apreciacións. Non teño por que dubidar dos que pesan que atendendo ao crecemento estamos preparando o camiño para unha diminución da desigualdade. Gustaríame, sen embargo, que a prioridade na atención recaese nas medidas para lle restar campo de actuación ás institucións de beneficencia. Unha sociedade máis eficiente, máis rica, máis culta só poderá selo na medida en que combata a desigualdade. As consecuencias da desigualdade son, antes que nada, incapacidade para medrar mellor, para investir e asentar un modelo social rico e xusto. A riqueza susténtase na igualdade. A xustiza na creación de condicións para que os mellores non teñan ningún atranco por razón de procedencia social. Mentres a caridade supere por demanda a acción da xustiza, estaremos nunha sociedade con síntomas claros de cancro, esa na que as células peores viaxan e se reproducen de xeito pouco solidario, pouco atentas ao ben común, de maneira imparable ata chegar á metástase convulsa e aniquiladora.
            Hai expertos que se atreven a prognosticar que se hoxe Cáritas, a Cruz Vermella e as institucións de beneficencia das parroquias deixasen de funcionar, moitas da nosas cidades colapsarían. Un colapso pleno que conduciría a vida da cidade á desfeita. Benditas sexan todas cantas institucións continúan prestando axuda e remedio neste momento aínda non superado. Pero parece aconsellable planificar que modelo de sociedade pretendemos e a custe de que. Repugna que a costa de estes sufridores algúns fagan populismo baldeiro. Que acudindo con frecuencia a nenos que non teñen para comer ou xente que pasa frío se intente pasar de contrabando unha mercancía que podería substituír a caridade pola miseria colectiva. Mais isto non impide ver con claridade que se a cidade colapsaría se a caridade deixase de actuar, é porque a xustiza anda moi mal atendida.

            Con motivo da comparación que nestes días se fixo entre Cáritas e o PP, un caricaturista concretou que a relación estaba ben fundada: Cáritas atendía e o PP proporcionáballe necesitados. Sen chegar a tal grao de crueldade e reducionismo, non deberían os gobernantes actuais esquecer o grado de responsabilidade que teñen para que a nosas cidades podan colapsar se a caridade non actúa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.