domingo, 17 de mayo de 2015

INDECISOS

         O indiscutible é que os indecisos abundan. Non teñen claro ou non queren dicir a quen van votar. As leis estatísticas non poden poden con eles. Porque diante dun indeciso só cabe elucubrar, lanzar hipóteses máis ou menos fundadas ou desexadas, pero ningún dato contrastado que permita previsións fiables. Calquera empeño demoscópico, ademais do cabalo de batalla dunha mostra suficiente, tropeza sempre coas tebras dos indecisos. Dentro deste grupo amplo de non definidos, hainos de boa fe. Aqueles que realmente andan na procura dunha elección que lles convenza, que os anime a votar, que lles dea algo de ilusión e convencemento, porque sinceramente atópanse despistados e confusos. Son eses que se informan, escoitan propostas e dubidan ata o último momento. Parécelles que non deberían manter o voto da última elección porque se senten defraudados, pero tampouco acaba de convencelos a oferta dos que se presentan como novidosos e puros cando, a pouco que analices, todo é máis vello do  que aparenta e a pouco que rasques mostra síntomas de impurezas varias. Os indecisos sinceros non enganan nas enquisas. Simplemente se debaten entre non votar por fastío, arriscarse con algo novo aínda que só sexa por probar e castigar ou, como en moitos casos soe acontecer, se manteñen no anteriormente votado, nada mellor nin que convenza plenamente aparece baixo o sol. E ante isto, xa me dirán se poden ou non poden errar os que se dedican a cociñar enquisas.
            Hai outro indeciso, sen embargo, que adopta a postura da indefinición por covardía ou porque lles vén de natural retorto. Son aqueles que si saben con certeza que volverán a votar o que sempre votaron, que nada nin ninguén os moverá das súas inconscientes devocións, pero non queren que se lles saiba porque teñen mala conciencia. Entenden que votar a determinados partidos supón unha túzara fidelidade inexplicable en vista do que escoitan ou analizan. Pero non están dispostos a modificar. Son os fieis da igrexa do partido x que non renuncian á súa capela aínda que cos seus propios ollos vexan a podremia máis pestilente. Son os que entenden a confrontación política como unha guerra entre os nosos e os inimigos, e antes de lle dar un voto ao inimigo, acéptase a máis repugnante conduta política. Estes nunca manifestarán o segredo do seu corazón, pero saben ben a quen votarán, a súa indecisión non é tal. Forman parte dunha comunidade de fe irrenunciable e inamovible á que se fai falla se nega por comodidade ou covardía, pero á que nunca se deixa de votar. E por se non fosen suficientes as dificultades coas que se han de enfrontar os encargados de confeccionar enquisas políticas, aínda han de tropezar con outros elementos peores: os que por mala fe e natural retorto enganan adrede. Son eses que gozan enganando, confundindo aos demais. Os que unifican maldade e ignorancia coma o paisano que ía ao médico e enganaba nos síntomas, ao doutor  lle ía dicir onde e como lle doía, así sábeo calquera, para que estudou, que o adiviñe... Con este tipo de entrevistados van dados os analistas, confúndenos á mantenta e aínda quedarán rindo. Ninguén está libre de labores ingratas.
            Diante de tal panorama, aceptadas tendencias innegables que se veñen repetindo con insistencia evidente, non andaría eu moi tranquilo ata o día das eleccións,  e  tomaría en serio o tempo de campaña, existe aínda moito voto que pode variar a súa intención. Con frecuencia escoitamos a canción do determinista: de nada valen as campañas, todo está decidido, cada quen sabe ben a quen ha votar. Non tal. Por que, entón, pensan que se afanan con tanta dedicación, ás veces chegando incluso á perda absoluta do ridículo, os líderes? Porque saben que nestes días se xogan os votos dos indecisos sinceros, os que realmente moven e modifican o seu voto e son causa de transformacións. Aqueles ríxidos, inmóbiles, reciben a dose de entusiasmo que os reafirma na fe nos discursos e celebracións de autoafirmación. Pero os que no seu interese por atinar andan na busca da mellor elección, necesitan argumentos e signos de que optarán nesta ocasión pola mellor opción, ou, no peor dos casos, pola menos mala. Por iso as enquisas informan e conforman, e por iso cada partido as necesita e as utiliza. Dálles as pautas para intuír por onde quedan bancos de indecisos aos que hai que pescar coa arte que sexa.

            Por sorte para os indecisos, por máis que se intente manipular, nunca se deron condicións tan favorables para se informar e poder decidir con liberdade. Quen poña algo de intención, conta con medios áxiles e variados para elixir o que desexan, non aquelo que lles poden facer crer. Nunca os indecisos contaron con datos tan evidentes e contrastados. Porque se ao aluvión  que chega pola rede se lle engade algo de reflexión sosegada, de análise pausada, calquera está en disposición de optar libremente pola oferta que mellor represente as súas aspiracións de organización social.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.