lunes, 4 de mayo de 2015

TRABALLO:POUCO E MALO

      Non é que esteamos condenados a conseguir o pan co suor da fronte, é que sen traballo non somos. A nosa inserción social, o imprescindible recoñecemento para conseguir a dignidade mínima, pasa por exercer un traballo que, ademais de nos permitir o sustento, nos confirma como seres autónomos e valiosos. Traballar dignamente, sen explotación nin miseria, fainos realmente libres. Existen, sen embargo, modos de traballo que escravizan e destrúen. Ao longo da historia, gracias á loita case sempre dolorosa e non gratuíta, os traballadores tiveron que alcanzar melloras paso a paso para deixar a condición de escravos e explotados. Esquecer que foi con esixencia, pelexa e loita que se alcanzaron dereitos, pasando de servos a cidadáns, de man de obra animal a persoa con dereitos mínimos, cegaranos para entender a situación actual. Non ver tensión ou conflito explícito ou larvado entre quen dá e quen pide traballo é negar a realidade. Que hoxe se admita un obxectivo común, a necesidade de colaboración  entre empresario e traballador e que as empresas máis avanzadas entendan e favorezan a implicación máxima do traballador non baixou da magnánima vontade dos que crean emprego, senón da loita organizada e tenaz de sindicatos que marcaron de cerca as tendencias propias de quen busca o máximo beneficio. Coma en tantos aspectos do enramado social, arredor do traballo existen intereses enfrontados. O que non equivale a dicir que manteñamos unha guerra constante, unha loita de clases tan descarnada como Marx a propoñía, pero si a recoñecer que unha dialéctica de intereses enfrontados está na base de toda relación laboral.
            Vivir en democracia esixe controis entre diferentes intereses. Os partidos vixíanse uns aos outros, a oposición controla a quen goberna, grupos sociais miran polos seus intereses e dereitos, buscan maneiras de defenderse, todos están aleutos, sábese que calquera cidadán, calquera grupo conta con mecanismos legais para esixir a defensa dos seus intereses. Avisados dese cruce de miradas atentas para que ninguén pise os dereitos dos outros é como se procura un equilibrio que free a tendencia innata de  cada quen mirar exclusivamente polo que máis lle favorece sen ter en conta as necesidades dos demais. No mundo do traballo non podía ser menos. Sen contrapeso, non será posible un equilibrio saudable.
            Nas últimas décadas a transformación arredor do mundo laboral supuxo un retroceso impensable. No só polas condicións menos favorables para o traballador senón tamén polo desgaste dos sindicatos, poleas de cambio e mellora nas relacións laborais. O desprestixio das organizacións sindicais, polos erros de vulto cometidos, pola  burocratización das súas estruturas e, sobre todo, pola corrupción imitando aos  partidos máis baixos, converteunos en organizacións caducas, pesadas e en claro declive. Chega con ver a escasa a afiliación, a mínima capacidade de convocatoria, a escasa presencia nas negociacións e mobilizacións dos cidadáns. Resultan a cada paso menos cribles, asócianse cos gobernantes menos achegados ao cidadán e, mesmo desde moitas tribunas, se pide case a súa desaparición por supor un gasto inútil para o Estado.

            Error maiúsculo. Que caesen en vicios e manteñan métodos que non casan coa situación global tan distinta neste comezo de século non supón que os sindicatos sobren. Ao contrario. Son máis necesarios ca nunca e mal iremos se acabamos con eles. Necesitan unha transformación seria, un impulso renovador como toda a actividade política, pero, así como negar a política supón perda de calidade democrática e favorece aos oligarcas e grupos de presión desalmados, arruinar aos sindicatos significaría un regreso perigoso para todo o conseguido con bágoas a favor das condicións laborais. Se hoxe pechamos os ollos e tragamos coas pésimas condicións nas que se están empregando os mozos, se non atopamos canles de negociación, preparémonos para o que nos agardaría de aniquilar aos sindicatos. Cómpre unha urxente refundación da acción sindical, áxil, acorde cos tempos, menos subvencionada e comprometida para defender o traballo digno e ao traballador dignificado. Hoxe non só está difícil atopar traballo, cando se atopa é pésimo. O traballo é pouco e malo. Seguir así non nos fará máis libres, nin máis ricos tampouco, aínda que a algúns lles pareza que é a única maneira de competir e progresar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.