domingo, 6 de marzo de 2016

AMARRARSE AO PODER

EN calquera exercicio profesional, sobre todo se é de índole creativo e innovador, está comprobado que permanecer demasiado tempo executando unha mesma función acaba por atrofiar aos máis cualificados. Estar ao día, con iniciativa e motivado esixe cambio, formación, fuxir da rutina que vai oxidando a intensidade e creatividade. Cando unha empresa busca andar na primeira liña, ser competitiva e avanzar, está atenta aos cambios nas funcións dos seus directivos e cargos de maior responsabilidade. Só desexan eternizarse na posición os que chegan ao posto máis elevado, parece que de aí ninguén os debe mover. 
Na política, peor. Sexa da tendencia ideolóxica que sexa, é raro aquel que non atopa razóns para xustificar que debe permanecer no cargo. E mira que países con sabeduría democrática coma EEUU téñono ben claro: dúas presidencias e á casa, aínda que salves ao país da maior catástrofe. Lóxico. Pois nada, aquí, de esquerdas ou de dereitas, alcaldes, presidentes autonómicos ou da nación, en canto alcanzan o poder chegan a pensar que son imprescindibles e non hai quen os faga irse a tempo. Queren morrer no cargo. Por suposto, non se aproban leis que establezan períodos razoables de exercicio político. 
A tendencia a amarrase ao poder é enfermiza. Escandalizámonos con certo fariseísmo do que ocorre en Latinoamérica. Estes revolucionarios como Maduro, Ortega e Morales acaban todos toliños por modificar a constitución para seguir salvando á patria. É o convencemento estúpido de pensar que sen eles o mundo non funciona, que os cambios non se producirán, a igualdade non se instaurará. O malo é que, dominadores de tódolos resortes do poder, acostuman a disfrazar de democráticas consultas que son trampa. 
Ortega, aquel revolucionario sandinista agora dictador da peor estirpe, consegue eternizarse na súa finca privada. Maduro, menos hábil nas artes manipuladoras, poida que acabe fóra. E Morales, grazas á intelixencia dos bolivianos, perdeu o seu referéndum para tamén facerse salvador perpetuo do país. Felicidades aos bolivianos. 
Nada esmaga tanto coma que os gobernantes se eternicen. É difícil despois de anos gobernando escapar á podremia da corrupción e vicios autoritarios. Pero non estaría mal que nos esquezamos dos de lonxe e que establezamos entre nós límites no exercicio do poder.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.