domingo, 6 de marzo de 2016

PROCESIÓNS DE COÑOS

COMPRENDO A INDULXENCIA de Anson coa xuventude fermosa, lisa e tensa da moza rebelde. A vellez pode levar asociada nalgúns aspectos a intransixencia esclerótica e noutros a comprensión sen límites. Todos fomos rebeldes incautos, atrevidos, parciais, obcecados, decididos e convencidos coma para non nos acordar e perdoar aquelas veleidades. E mais, se quen agora as comete nos traslada a aqueles anos nos que o corpo podía ensinarse con alegría, pois non era máis que mostra da vitalidade, saúde e inmortalidade que nos envolvía. Entendo pois, como non, ao vello xornalista acudindo ao Papa e aos poemas para liberar a Rita da carga dunha persecución amañada, retorta e implacable como soe ser cando a política o enchoupa todo e te morde coma un can doente á presa. Ben está a clemencia cando todos os cans corren rabiados detrás da rebelde inxenua que exhibe con descaro e provación a propia beleza como proba de que confía nun futuro hedonista sen deuses nin dogmas nin imposicións. Pero debaixo hai máis.
Prometeran estes novos políticos unha renovación de hábitos na maneira de gobernar e moitos votantes déronlle a oportunidade de demostralo. A fartura de maneiras oxidadas e cheirentas, flácidas e podres abriu camiño para que ideas de limpeza e claridade, horadez e valores ben xerarquizados lostregueasen esperanza. E por iso en moitas cidades, Barcelona, Madrid, Cádiz, Coruña, Zaragoza, Santiago, Ferrol..., optaron por equipos de goberno que prometían maneiras novas. Pasan os meses e quen deran o voto con espírito crítico, non coma conversos dunha laica fe, queren contrastar promesa e realidade, ditos e feitos. E, aínda conscientes de que a perspectiva é escasa, ademais de que as informacións persecutorias atronan con fanfarras e timbales cada estúpida anécdota á que se lle poder extraer veleno de maldicir, algunhas accións si parece que esixen que andemos aleutos.
García Lorca, nunha alocución en setembro de 1931, inaugurando unha biblioteca en Fuente Vaqueros, despois de mostrar certa melancolía polas criaturas que por falta de medios e para a súa desgraza non gozan do superior ben da beleza que é vida e bondade, serenidade e pasión, acaba citando a Menéndez Pidal para procalamar que o lema da República debía ser: Cultura. Cultura porque só a través dela se poden resolver os problemas en que daquela se debatía o pobo cheo de fe, pero falto de luz. O desexo de García Lorca creo que podería ser trasladado sen grandes modificacións ao día de hoxe. Moitos destes grupos de partidos emerxentes e renovadores creo que aceptarían este lema. Ademais de insistir na necesidade de eliminar necesidades básicas (que a ninguén lle falte teito, luz , pan e leite) aceptarán que é cultura o que nos cómpre con máis urxencia. E iso parecen entender cando progaman e se lanzan con proxectos cargados de actividades culturais. Pero... que actividades culturais?
Aceptando, repito, que existen batallóns apostados esperando a que cometan o mínimo despiste para disparar a matar, o que se vai vendo da programación cultural por parte destes novos gobernantes nos meses que levan non deixa de ser chamativo. Actuacións só provocadoras, irreverentes, cargadas de ideoloxía simplista non equivalen a cultura. Adoutrinamento bastos e ordinarios por adornos laicistas, ecoloxistas e feministas cos se envolvan só dan munición aos artilleiros do inmobilismo. Paréceme errada este gurrar en asuntos controvertidos. Nada aportan á mellora da convivencia. Entorpecen a instrución, a beleza, o diálogo, a tolerancia e os espírito crítico que son bases da cultura que se di defender. Aporte escaso me parece se arrincan centrándose en cambiar nomes de rúas, retirar bustos, premiar poesía insolente e retirar subccións para as procesiós arraigadas na tradición. Seino ben: a cultura ha ser ás veces rompedora, deslumbrante, capaz de meter o dedo do ollo cego ou dormente. Sen dúbida. Pero non confundamos. O balbordo, o badoco e pailán; o atrevemento sen formación; o descaro sen enxeño; a agresividade sen piedade; a ignorancia revestida de osadía non son cultura. Mala estratrexia, pésima comunicación, se esetes gobernantes que se din renovadores non son capaces de destacar que o seu traballo se centra con todo fervor arredor doutras medidas. Porque se non conseguen polas súas accións que nos esquezamos do pucho que se usa con ocasión e sen ela, do ben que se cantan coplas nas comparsas de entroido ou das polémicas por elixir monicreques de planfeto, moito levan que mallar neles e desgastaranse máis axiña do que pensaron. Que o vello Anson indulte o busto liso de Rita non evita que a cidadanía se aburra de polémicas para as que son non horas. Equivócase quen pense que fai cultura, rompe ou innova promocionando procesións de coños. Eses tempos foron outros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.