sábado, 21 de enero de 2017

PERDÓN FRÍO

GARCÍA Márquez tiña tanto desexo de contar que se non atopaba a noticia que buscaba, inventábaa. Como literato resulta dunha mente desbordada e sedutora, como periodista de reportaxes debiamos dubidar canto de verdade e de invención existía debaixo do narrado. Ata tivo a falta de vergonza de inventarse unha folga inexistente, evidencia de que como xornalista era trapalleiro. Máis ben pretendía que a realidade se adaptase ás súas ganas e facilidade para contar. Non creo que a situación do xornalismo actual aconselle seguir a liña da invención de noticias, pero analizando as portadas de algúns días case sería preferible que un literato amante do xornalismo nos mandase unha reportaxe, mellor se é fiel, dende algún apartado lugar do mundo para que nos esperte a conciencia do pouco que atendemos aos mortos dalgunhas zonas xeográficas.
Se en en Berlín morren sete persoas os diarios enchen portadas e columnas de opinión e detalles minuciosos durante tres, catro ou cinco día seguidos. Se en Mali, Gabón, Pakistán, Irak ou Sudán morren cincuenta persoas nin un oco atopan ás veces en páxinas interiores. E o que xa resulta máis escandaloso, coma se non houbese cousas que contar, é a tendencia a caer en primeiras planas impensables: vai frío e neva en xaneiro. Que grande noticia. Páxinas de advertencia nos día previos, logo fotos, radio e televisións martirizan con declaracións de persoas que teñene frío, con que cae neve en algunha cidade onde había anos que non caía e así nos pasamos unha semana “nformándonos de algo que merece realmente unha atención especial, que non soe acontecer e que por novo e transcendente se debe remachar: vai frío. 
Coincide esta semana de noticia reina de frío co perdón da ministra Cospedal. Un perdón frío por esencia: chega tan tarde, da boca de ministra tan pouco crible e cun presidente que se mantén á súa, coma sempre, sen pararse en asuntos que non interesan a ninguén, que ocorreron hai moito, que xa están substanciados e que sabe por experiencia que non hai mellor modo de vencelos que ignoralos. Así pois, frío con perdón e frío con Bárcenas. Outro que ben baila. Unhas declaracións surrealistas diante do xuíz dignas de enmarcar nun xornal humorístico dos que xa non quedan, amortiguadas por esta onda de frío siberiano que todo o amortigua. 
O de Trillo xa está resolto: chegou antes do frío, sen vento de Levante, e caladiño tomará posesión da súa cadeira de conselleiro ao máximo nivel do Estado. No medio do frío tamén se continúa co alto nivel de discusión política entre Putin e Tump, sentenciando o ruso que putas coma as rusas non hai. En fin, unha serie de noticias para entreter pero todas envoltas na gran noiticia, certa: vai frío, en algúns lugares ata os coches non puideron circular por culpa da neve. E eu interesado en que un gran reporteiro indagase sobre a rede de negocios e amigos cos que negocia o marido da ministra Cospedal... Non por nada, simplemente por cambiar o rumbo das noticias. A ministra xa sabemos que non dubidaría en pedir perdón aínda que fose moito-moito frío.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.