sábado, 30 de junio de 2012

BORRACHOS E LACAZÁNS

Os que opinamos con frecuencia, sexa de boca ou por escrito, estamos condenados a dicir bobadas. A min non me gusta nada repasar o que quedou escrito por se me dá un pasmo e se me poñen as orellas coloradas coma un tomate. O falar non ten cancelas e ás veces somos tan precipitados e irreflexivos nas nosas análises, que vergonza nos daría se cun mínimo de siso e rigor analizaramos moitas das opinións que emitimos a bote pronto, por unha simple impresión ou por repetir o que se leva en determinados momentos. Vén isto a conto, porque o mesmo que me aplico a min, non faltaría máis, aplícollo ao veciño, e ultimamente estou farto de escoitar falacias simplista e tan estúpidas que, pola dinámica da repetición, acaban sendo dogmas de fe. Tomarei como exemplo dúas declaracións de dous importantes empresarios, recollidas en tódolos medios nacionais. A primeira escoiteina nunha radio á hora do informativo máis importante do día. Non lembro o nome nin interesa para o caso, o relevante é que se trataba dun alto representante dos empresarios da construción non sei se de Levante ou Andalucía. A súa lección para o resto da cidadanía podería resumirse así: Este país sairá adiante (dose de optimismo bobo co que o politicamente correcto obriga a comezar toda manifestación pública), sempre saíu, agora non será menos, pero debemos recoñecer que vivimos nunha festa que non nos podemos permitir. Para entendérmonos (agora entra o lado pedagóxico do discurso), é coma se estiveramos de festa durante toda a noite, copa vai, copa vén, bebendo por riba do que podemos pagar, e agora cómpre saber que estamos na resaca, que debemos recoller entre todos o lixo da noite de esmorga. Así se despachou o filósofo construtor. Nada novo baixo o sol. A lección non fai máis que repetir o discurso manido dende hai catro anos de que todos – a clave é: todos- fomos uns gastadores, dilapidadores, irresponsables dedicados a vivir por riba das nosas posibilidades. A peculiaridade da exposición deste exemplo elixido está na noite de esmorga, talvez porque é ese o campo pedagóxico do que mellor se podía servir o citado empresario. Pois permítanme que rebata de raíz a base do argumento: non é certo que neste país estiveramos todos – a clave, repito, é: todos- de esmorga, copa tras copa, e agora debamos pagar as consecuencias. Esa é a trampa falaz pola que se desexa confundir ao cidadán. De esmorga, dilapidando, gastando máis do que debían, ganando máis do que ninguén debería ganar, especulando, enganando, realizando negocios sucios, corrompendo ás institucións, creando postos políticos innecesarios, planificando mal, investindo peor, abusando e enriquecéndose de maneira groseira e escandalosa estiveron un poucos – algúns-, pero a maioría non. A maioría non incrementou os seu salario, os funcionarios non participaron de ningunha festa, o salario dos médicos e enfermeiras non son os causantes das débedas da seguridade social, os mozos licenciados non fundiron as empresas cobrando 900 euros ao mes, o asalariado que pediu un crédito para mercar un piso desproporcionadamente caro non dirixiu a liña de investimento, risco e malversación dos bancos. A festa foi só de algúns. Andaron de copas, gañando cartos a moreas, levándoos a paraísos fiscais, continuando co bucle infernal de investir no solo e no ladrillo uns cantos. Non é certo que todos viviramos por riba das nosas posibilidades nin en festas irresponsables, sen formarnos nin prepararnos par investigar e innovar. Os pensionistas, os funcionarios, os centros públicos educativos e os hospitais non foron os causantes da festa rachada. Aplíquense o da esmorga estúpida quen andaron nela, pero non nos metan aos que nos deitamos e erguemos por norma á nosa hora. A segunda declaración corresponde a un empresario de supermercados con grandes beneficios nos últimos anos. Alédome por el e a súa empresa. Pero as simplezas coas que pontificou en dúas declaracións non deixan de resultar ridículas. A súa mensaxe é tan breve como simplista: para que España non funda debe traballar máis, coma chinos chegou a dicir. Que grande verdade! Pero traballar máis quen? En que? Como? Eu vou con frecuencia ao seu supermercado -estou tentado de ir cada vez menos- e non vexo precisamente que os seus empregados sexa lacazáns, nin perdan un segundo.Todos andan afanados cumprindo de maneira variada en cada función do negocio: repoñen produtos, removen expositores, realizan funcións de limpeza, informan, van da caixa á peixería, da peixería á droguería, da droguería á carnicería, sen rechiar, sempre cun sorriso, amables, dedicados. Deben os seus empregados traballar máis horas aínda, talvez baixarlles o salario, ir tamén polas noites, días santos e festas do patrón ao traballo? Que simpleza é esa de que temos que traballar máis? Coma se non houbese xente que traballa de sol a sol, coma se os traballadores deste país fosen uns preguiceiros natos... Non traballan os nosos mozos licenciados horas sen taxa por mil euros?; non traballan os operarios da construción con chuvia e sol?; non traballan os médicos de garda?; non traballan os profesores pelexando días tras día cos nenos e adolescentes?; non traballan os empregados que deben facer horas extraordinarias sen cobrar e sen dar pío?; non traballan as mulleres que realizan a limpeza de oficinas?; non traballan os comercias que deben vender o invendible a ritmos de visita e enxeño excepcionais?; non traballan os xornalistas, tendeiros, panadeiros, bancarios, garda civís, condutores, mariñeiros e gandeiros? Se non saben que dicir, que calen, pero non repitan sandeces. Que o problema non é de fácil solución, admitido. Que cómpren correccións en múltiples áreas sociais, concedido. Que haberá que racionalizar gastos e funcións, de todos sabido. Pero repetir ata fartar para que todos o dean por certo que o problema se concentra en que somos lacazáns e de que andamos de festa, nada de nada. Certo que algúns andaron de festa rachada e queren continuar con indéntica marcha. Eu quero saber quen andaron nela e, por suposto, non estou disposto a seguir pagándolles as copas, que é o que eles pretenden: convencernos de que nos emborrachamos todos e que todos corramos cos gastos, incluso máis os que nin fomos convidados á esmorga. Tururú!




PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.