sábado, 2 de junio de 2012

TI DE QUE TE RIS?

Disque comentaristas da televisión do Reino Unido e de Italia estiveron moi ocorrentes con España a propósito da actuación da cantante que nos representou en Eurovisión. Ao parecer, ridiculizando tanto a súa voz como a súa vestimenta, aproveitaron a situación da banca e da economía en xeral para rirse de España, á que consideran nas últimas e a piques de pedir papas. Eu non escoitei nin vin á nosa representante, non sei se é certo que berraba como para romper os tímpanos ou se ía cuberta por unha cortina de piso hipotecado, pero ao que non lle acabo de atopar excesiva conexión é a rirse dos “outros” países como remedio para as propia tristezas ou escape evasivo diante da cegueira de non aceptar a crueza da verdade: o problema é de clases non de países. A moda última vén sendo rirse ou criticar a gregos, portugueses, irlandeses, españois e italianos acolléndose a unha serie de tópicos e xeneralidades que para nada se axustan á realidade. Que é iso de que os gregos son un desastre, dilapidadores, vagos, mentiráns, insolidarios e improdutivos? Por que a exnadadora francesa agora ao fronte do FMI se atreve a dicir con descaro que os gregos non lle dan ningunha mágoa, que paguen, que paguen os seus impostos? Como é que se corre sen a máis mínima puntualización que os funcionarios gregos son inútiles, os profesionais ineptos e as clases traballadoras preguiceiras? A santo de que admitimos como verdade incontestable que os españois se pasan os días de festa en festa, lacazáns empedernidos, gastan os cartos dos laboriosos xermanos en infraestruturas inútiles, servizos que non se poden permitir e luxos improcedentes? Moita facilidade para rirse e mofarse de todo un país cunha alegría irreflexiva. Hai políticos gregos, españois, alemáns e holandeses impresentables. Hai banqueiros universais que pouco ou nada lles falta para ser salteadores de camiños con gravatas de 100 euros, pero tamén ser reparten por distintos países, por suposto en Alemaña, Reino Unido, Luxemburgo e Bélxica. Bruxelas sabe de defraudadores á facenda igual que Madrid, Barcelona, Atenas e Berlín. E en Londres, Liverpool, Sevilla ou Palermo hai excluídos sociais. A quen criticamos cando falamos de gregos, españois ou alemáns? Referímonos aos multimillonarios gregos que arramplaron cos seus cartos a Suíza? Falamos talvez de mozos españois licenciados que levan anos en paro despois de realizar estudos no estranxeiro e traballar como bolseiros por mil euros nunha empresa que foi a pique? Estaremos se cadra sinalando aos executivos bancarios que blindaron a xubilación con millonarias indemnizacións? A risa non vai países, vai por clases. Si, é certo que en Alemaña só teñen unha taxa de paro do 5,6% fronte a máis do 20% en España. Pero, que hai en común entre un asalariado de minijobs xermano e un exdirectivo de Bancaja español? En que se semella un funcionario sanitario español que paga relixiosamente os seus impostos a un millonario defraudador en paraísos fiscais de Londres? Onde radica a causa do desprezo que pode sentir un traballador de Manchester cara un parado de Valencia? Quen se está beneficiando deste andazo de enfrontar países contra países, laboriosos contra lacazáns, organizados fronte a anárquicos, aforradores contra dilapidadores? Realmente os directivos dos bancos dos lands alemáns, que tamén necesitaron rescate de fondos públicos e non os dan levado aos tribunais, son moi distintos dos directivos das caixas valenciana, madrileña, catalá e galega en España? En que se diferenza o medo dun parado irlandés ao dun andaluz? A xeneralización por países convenlle á caste dos financeiros globais e tranquiliza aos máis desfavorecidos locais. Serve ao primeiros para desprazar a súa responsabilidade sobre o foco nacional. Evade aos segundos facéndolles crer que no país veciño pode ser moito peor, que goza da sorte de pertencer a un colectivo de categoría superior, cando o evidente é que, viva na rica Baviera ou na pobre Estremadura poden ter máis en común do que eles sospeitan. O sociólogo Claus Offe resúmeo con claridade: O debate que hoxe se realiza entre países debe cada vez máis ser entre clases sociais. Cando haxa partidos europeos con intereses de clase europeos, Europa será unha realidade.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.