domingo, 10 de junio de 2012

O SEÑOR AO QUE LLE CARGABAN A ESCOPETA



O NENO levaba tempo intrigado coa solta dos faisáns na finca da Revolta. En canto se abría a caza, achegábanse ducias de señores decididos a pasar un bo día matando faisáns. O pai quería ensinarlle ao fillo como se organizaban os postos, como se soltaban ata duascentas e, en canto eran abatidas, como os cans portaban cada peza para o seu dono; a aldea parecía nun día festa, os tiros petaban coma foguetes durante toda unha xeira. Pero non era doado cumprirlle o gusto, el tamén participaba da tirada e nunca lle acaía levalo. Ata que un domingo, por pasar a noite anterior en vela a causa dunha vaca enferma, non lle apeteceu ir tirar e decidiu, xa cerca do xantar, saír co fillo ao campo.
Baixaron polo camiño da Revolta. En canto chegaron á finca dos tiradores, coma ao axexo, detivéronse nun cotarelo para observar. O pai deuse conta de seguida de que o neno quedara defraudado. Seica non che gusta?, preguntoulle. Si, contestou o rapaz coa boca pequena para non magoar ao pai. Regresaron para a casa moito antes do calculado. Polo camiño pasaron por onde estaban aparcados os coches. Víchelo, papá?, tiroulle do pantalón o rapaz ao pai sinalándolle un coche de luxo á beira do que paseaban dos homes. Seguiron ata a casa sen moitas palabras, pero antes de entrar ao neno acor doulle: e por que un señor dun posto tiña un home ao seu carón que lle ía cargando na escopeta? Porque é un moi importante, respondeulle o pai. O que lle cargaba a escopeta é o seu chófer e os homes que viches á beira do coche que tanto che gustou son os seus gardas; a unha persoa tan importante pode haber xente que lle queira facer mal, el é o dono dun banco. O neno calou.
Pasados uns meses, o pai andaba dun humor rabioso, e na casa non se falaba doutra cousa ca duns cartos que disque non se podían retirar do banco. O fillo agardou unha miga de calma para facer cadrar as súas sospeitas: e o banco ese que non che dá os cartos é o do señor ao que lle cargaban a escopeta no tiro dos faisáns? O mesmo, foi seco o pai. Eu xa o sabía, atreveuse a rosmar polo baixo o pequeno: que cazador precisa un home á beira para que lle vaia cargando na escopeta...

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.