sábado, 23 de noviembre de 2013

ENFERMEIRAS



Non me sorprende que na literatura sexa tan frecuente, sobre todo nas situación máis extremas de guerra, a debilidade afectiva do doente diante da muller que o atende na súa dor. Nin tampouco as manifestacións xenerosas de quen vendo diante de si tanta indefensión e quebranto é quen de esquecer e rachar toda norma para dar mostras de cariño e consolo. A relación debe ser neses momentos tan especial e transcendente que calquera reacción é xustificada e nunca merece ser xulgada polas leis da convivencia común. Pero no quero hoxe escribirlles sobre relacións literarias, senón sobre a realidade do que está acontecendo no sistema de saúde público deste país, para que se saiba, se valore e se impida a súa destrución. Se digo enfermeiras e porque son aínda moitas máis elas ca eles, pero non me obriguen a esa estupidez de aclarar enfermeiras/enfermeiros para non discriminar a ninguén. Sabemos perfectamente que non referimos a un colectivo profesional que ten unhas funcións moi concretas na atención hospitalaria. Sabido é que para acceder á carreira a nota que se esixe non é baixa, cómpre realizar un bo bacharelato e unha boa selectividade para poder acceder a estes estudos. E tal vez sexa esta a primeira causa da súa boa formación. Pero non creo que sexa a única. Aínda sen coñecer o funcionamento das escolas de enfermeira, pola actuación dos profesionais sábese de seguro que reciben unha formación sólida e completa. Non me estraña que noutros países sexan apreciadas as nosas enfermeiras e que teñan posto de traballo asegurado. Agora que teño ocasión de comprobar case día a día a súa capacidade de traballo e atención ao paciente, atrévome sen miga de dúbida a dicir que contamos cun cadro enfermeiras de magnífica formación técnica e psicolóxica. Técnica por canto o sistema de paso da facultade a práctica está tan ben programado que a aprendiz vai sempre da man dunha experta veterana que a vai introducindo con lentitude pero con decisión na execución das súas funcións. Unha acción titorial eminentemente práctica coa supervisión que dá a tranquilidade de alguén que xa leva anos exercendo e dominando a técnica que se aplica. Este método aporta unha seguranza e confianza no aprendiz que de contado destaca, se atreve, perde temores e axiña está en condicións de ser autónomo. Mais se a formación técnica é imprescindible e clave para este tipo de exercicio, hai outra condición, antes dicíanlle vocación, eu agora penso que é correcta formación, que é a de mostrar as condicións psicolóxicas para tratar con cada paciente. Cada enfermo, por carácter, idade, formación, tipo de doenza, é un complexo personaxe ao que saber tratar non resulta doado. Pois é aquí onde máis me sorprende o nivel de formación e habilidade destas profesionais. Salvando a excepcións obrigadas coma en toda profesión, é raro atopar con unha enfermeira que non conte co don de captar de inmediato o trato que merece o ignorante, o que se queixa por comenencia, o atormentado, o medroso, o angustiado ou o derrotado pola dor. E para todos eles manexan habilidades sociais sutís, palabras escolleitas, actitudes efectivas. Pero por se isto non fose suficiente, todas teñen perfectamente aprendido que están tratando con persoas que sofren, e iso convérteas en amables sen sen servilismo, educadas sen untuosidade, acolledoras sen caer en maternais. Un equilibrio perfecto froito dunha boa formación psicolóxica, do contrario axiña cheiraría a caridade mal entendida, a voluntariado lixeiro ou a atención dun superior para tranquilidade da súa conciencia. E nada diso ocorre. É unha relación laboral ben establecida e regulada, onde o paciente recibe a mellor atención que se lle pode dar cos medios cos que se conta. Dilixentes, sempre cun sorriso que anima, aceptando a dor do que sofre, explicando cada acción que van realizar, acudindo en canto solicitas a súa atención, poñéndose no teu lugar cando algo sae mal e se agudiza a dor, aniñándose diante dun vello o tempo que faga falta ata que entenda o que realmente se lle vai aplicar e non dá entendido, ignorando sen suficiencia ao manipulador que as quere acaparar, atentas a cada reacción ante un posible fallo, utilizando coa naturalidade os idiomas que aquí falamos, memorizando o historial, nome e pequenos detalles de cada paciente, son realmente un grupo de profesionais ao que deberiamos valorar e potenciar, tanto nas súas quendas laborais para poder atender as súas vidas familiares, coma nunhas remuneracións adecuadas ao importante traballo que realizan. Cando penso no atraso deste país contratando políticos a eito, valorando, adulando, aplaudindo e elevando aos altares a catro mequetrefes que, teléfono en cada man, dedican a súa viveza a conseguir subornos, mordidas, comisións e se din creadores de riqueza e emprego, e vexo que se recorta na súade, non se apoia nin valora como se merecen profesionais coma as enfermeiras, penso que estamos diante de decisións políticas que non se sabe se pesa máis a irracionalidade ou a inmoralidade.




PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.