sábado, 9 de noviembre de 2013

HAI XENTE QUE É MALA


CON motivo de tráxicos sucesos, algúns de moi difícil explicación racional, reábrese o debate entre enfermidade e maldade. Existe na actualidade un manual de enfermidades mentais, o DSM, que vén sendo a biblia de diagnóstico para psiquiatras e psicólogos, e sobre todo unha ponte institucional para compañías de seguros, farmacéuticos e moitos bufetes de avogados que, escaravellando nela, sacan petróleo para que unha sentenza caia do lado máis conveniente. Certo que ocorren asasinatos tan arrepiantes coma inexplicables que de primeiras invitan a pensar que se alguén cometeu tal despropósito é porque está mal. Mal da cabeza, enténdese. E non é así. As estatísticas non concordan con esta apreciación. Non son os enfermos mentais os que cometen maiores e peores atrocidades. Pero o significativo é que existe outro aspecto que merece clarificación.
Por entrar unha conduta entre os miles de diagnósticos do DSM non significa que unha persoa quede liberada de responsabilidade. As enfermidades mentais que realmente xustifican que alguén non é dono da súa vontade, que non distingue a realidade do seu delirio, que se move por forzas realmente fóra do seu control, son escasas e están ben delimitadas, agás contadas excepcións. Claro que un home pode ser un sociópata, un adolescente un negativista, un violento contar cuns antecedentes vitais que expliquen as súas saídas agresivas. Pero non sempre é iso razón para negar que quen as comete non distinga cando fai ben ou mal; sabe que está servindo ao seu caprichoso impulso, á comenencia ou á cobiza e déixase levar pola carraxe que podería controlar. Existe unha converxencia de diferentes esferas sociais que coinciden no seu interese por promover a categoría de enfermidade mental con dubidosas finalidades. Ao asasino vil ocórreselle acollerse a que estaba fóra de si cando lle prendeu lume á muller; ao mozo que lle estampa un vaso na cara a outro na noite de esmorga, vénlle ao pelo refuxiarse en que tiña unha copa de máis; ao criminal sibilino e malicioso acáelle que algún perito indague por se queda algún diagnóstico raro que explique conduta tan aberrante. Nesta sociedade parece que resulta de interese para todos, empezando polas grandes compañías de seguros e acabando na xustiza, o amuleto do DSM, coma se fose un salvavidas para eludir responsabilidades. Cando dende sempre se sabe que hai xente que é mala e actúa por pura maldade.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.