lunes, 15 de septiembre de 2014

DE COMO COMEN OS POLOS E DA COLOR DOS OVOS

No brillante libro de Thornton Wilder, “Los idus de marzo”, no diario-carta que o César lle envía a Lucio Mamilio Turrino, na illa de Capri, quéixase de que goberna a innumerable homes pero debe recoñecer que está gobernado por aves e tronos, augures, arúspices, vixiantes do ceo e coidadores de polos. Ata tal punto que estivo a piques de perder unha batalla por culpa dos polos que miraban ao ceo e non querían comer e as galiñas andaban atravesadas. Os augures non prognosticaban nada bo. Menos mal que el e máis Asinio Polión deron pola noite un paseo polos bosques, recolleron ducias de gurgullos, picáronos miúdos cos seus coitelos e tiráronos diante da gaiola dos animais. Ao día seguinte, os coidadores sacaron os polos para realizar a proba, pendente o exército da súa conduta; miraron un chisco para o ceo pero, de súpeto, vendo a comida que se lles ofrecía, abriron os ollos, lanzaron gritos de larpeiros e voaron a comer. O deuses xa eran propicios. César lanzouse á batalla de Colonia e venceu. Non sei que pasaría se a sandadora Adelina, a vidente de Pujol, asesorara nos tempos de César, probablemente abriría un ovo, miraría a color e decidiría se o experto e valeroso xeneral debería ou non atacar. Se alguén estaba desconcertado polo escándalo da fortuna amasada pola familia do expresidente catalán, agora non sairá do seu pasmo ao coñecer os seus tratos con Adelina. Eu mesmo quedei trastornado durante os primeiros momentos, pero deseguida recapacitei e admito con serenidade o que nunca deixou de ser práctica entre tódolos gobernantes do mundo: recorrer á superstición como apoio das súas decisións. Porque aquí o terrorífico non é que Pujol se encomendase a Adelina para que lle anulase o tic, nin tampouco, con ser o colmo da mesquindade, que chegase a facer negocios con ela enviándolle clientes, senón ter que admitir, sen unha regaña para a dúbida, a confianza na ignorancia de homes cosmopolitas, cultivados, dominadores de linguas e con proxectos salvíficos para o seu pobo. Por Hércules, en mans de quen andamos! Que agora Adelina se despache a gusto chamándolle piolloso e aparvado a toda unha figura da historia de Cataluña merecería a pluma de Valle Inclán e non a miña. Se nun teatro escenificasen as consultas e momentos de asesoría entre Adelina e Pujol, o esperpento daría para risos, críticas e aplausos sen límite. Como non é teatro senón pura realidade elevada polos medios a consumo de todos nós ávidos de entretemento da máis alta voltaxe, aquí seguimos pasmados escoitando o despecho de Adelina, abrindo os ollos para saír do estupor e comentando da maneira que mellor sabemos para aliviarnos de tanto desconcerto. Non parece verdade que de Roma a hoxe, coa Ilustración polo medio, as revolucións, a industrialización, o asentamento de parlamentos e o vertixinoso avance tecnolóxico destes días, un presidente se dedique a consultar a videntes nin pretenda eliminar a envexa atento ao que unha sandadora poida opinar ao escachar un ovo. Admitamos que tronos, augures, pitonisas e coidadores de polos montasen un grande negocio arredor dos gobernantes romanos; que o senado servise de pouco ante a predición dunhas aves de mal agoiro; que o propio César consultase antes de iniciar a batalla se comen ou non os polos. Pero que na neste mundo de millóns de datos ao alcance dun minúsculo ordenador, de universidades cheas de científicos con experimentos contrastados, de analistas con posibilidades de cruzar cantas variables se lles antollen para conseguir ao momento resultados incontestables, un presidente que se di culto, lector, reflexivo, ben asesorado por ben pagados expertos nas distintas disciplinas, teña que acudir a que unha sandadora de O Carballiño emigrada a Andorra lle explique o seu futuro e o das súas decisións mirando a color dos ovos, manda moito carallo! E disimulen a expresión, pero non queda outra. Chegados aquí, o que parece evidente é que nin a modernidade máis feroz é quen de eliminar esas tendencias atávicas que en nós habitan. Cando o medo insufrible nos ataca, cando a desconfianza se instala na persoa máis reflexiva ou se o poder é tanto que estamos dispostos ao que sexa por conservalo, volvémonos inxenuos, acríticos ou estúpidos e acudimos ao terror dos tronos ou ao voo dos paxaros para que nos tranquilicen, nos devolvan a confianza ou nos aseguren que continuaremos no poder. Así estamos neste comezo de século desconcertante: nas mans de augures e nos de meigas que saben da vida mirándolle a color aos ovos.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.