domingo, 4 de octubre de 2015

IR AOS TRIBUNAIS PARA MORRER

       Non parece que debera existir conflito. Os pais de Andrea, que a queren, que levan loitado por ela entregados, solicitan que morra en paz. O Comité de Bioética, aínda que  só ten capacidade asesora e non vinculante, informa favorablemente á petición. A lei non impide que se tome tal medida, o suposto é claramente terminal. Por que, entón, o equipo médico do CHUS se obstina en non retirar os recursos terapéuticos que se están aplicando? Que motiva esta decisión que causa tanto padecemento e complicacións? É o seu afán por levar a cabo unha boa práctica clínica a que pesa, a responsabilidade profesional ou o oculto dogmatismo dun exercicio do poder que non se desexa soltar? Non se trata de causar a morte, senón de deixar morrer, de deixar que a nena se vaia en paz, querida, coidada, protexida, aliviada, tamén polo equipo sanitario que a atende. Por que, entón, esa obstinación dogmática do equipo médico?
Debido á propia experiencia como paciente, nos últimos anos escribín neste e noutros medios sobre as bondades dos profesionais do sistema de saúde deste país. Non me retracto nin unha coma. Poucos son os logros ao longo dos últimos trinta anos que se acheguen á calidade do sistema de saúde co que contamos e dos seus profesionais. É a verdadeira xoia da coroa da democracia. Non penso agora dicir o contrario. Iso non impide que peche os ollos ante restos dunha visión da medicina como sabedoría secreta na mans duns sacerdotes meigos no medio da tribo, os que posúen as palabras máxicas, a sabedoría única, o poder exclusivo sobre a vida e a morte. Unha visión antiga e pseudorrelixiosa, por máis que se recubra dunha pátina científica, que confire un poder especial aos seus oficiantes enchéndoos de privilexios e poderes especiais aos que ninguén se pode opoñer. Só eles dominan ese oculto misterio, só eles posúen a linguaxe adecuada e imposible para o vulgo, só a eles compete decidir como e cando alguén sofre ou non, chegou a término ou aínda cómpre seguir intentándoo, a pesar de que todo poda indicar o contrario. Un apego dogmático ao poder dun grupo social que se eleva por riba do vulgo agochado na súa linguaxe exclusiva, nas súas decisións inapelables, na súa sabedoría incontestable. Restos mínimos, certo, dun modelo caduco, pero que talvez aínda persiste nalgunhas posturas, pois calquera colectivo con poder resístese a democratizarse. 
Sospeito que é nesta borralla pretérita onde se cocen conflitos coma o de Andrea. Se non se argumenta e se expoñen con claridade os motivos polos que se aferran a tal decisión, esta  parecería a explicación de fondo na insistencia do equipo por non ceder. Agarrarse a disquisicións bizantinas sobre o momento exacto no que debe ou non deixar de aplicarse tal terapia parece máis escolástico que científico. Por máis que a responsabilidade recaia sobre o equipo médico, este debe rebaixar o dogmatismo para aceptar con humildade que o paciente ou o seu representante, despois de ser informado obxectivamente, ten dereito a tomar decisións sobre accións e tratamentos, e tamén sobre as intervencións médicas que lle afecten; pode incluso rexeitar un tratamento  se a súa vida se puxese en risco. Dar este salto, pasar dunha posición dominante, distante, imperativa e dogmática, é esencial para escoitar e comprender que tamén o paciente e outras instancias, ademais do propio médico, poden aportar en momentos – ninguén o dubida- de especial delicadeza á hora de decidir. 
Con independencia do caso de Andrea, ademais das leis que deben estar atentas ao coidado, alivio e paz coa que se debe tratar aos desafiuzados, parece evidente que aínda resisten entre a clase médica mínimas infeccións de prácticas máis de meigos da tribo que de expertos profesionais nunha sociedade democrática. Non doutra maneira se pode entender que opten por prácticas que insisten no sufrimento innecesario, tanto do enfermo coma dos familiares, en contra  da lei, dos asesores e da peticións dos propios pais. Iso, ata o punto de, en circunstancias tan dolorosas, conducir o conflito aos tribunais, o último lugar ao que calquera querería acudir cando a súa filla está ás portas de abandonar esta vida. Para ben morrer o que un necesita é compañía, sentirse mirado, acompañado, que alguén á túa beira te vexa de verdade. Esta vida hai que deixala nalgún momento. Labor do médico non só é que o paciente non morra, senón tamén que morra ben. Causar un conflito que pode rematar nos tribunais  pola diferencia duns días sobre se o paciente está ou non en fase terminal, parece unha obstinación máis propia duns meigos da tribo que dun equipo de sanitarios formados nos principios da ciencia e da democracia. Para ben morrer non debería facer falla ir aos tribunais. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.