sábado, 24 de octubre de 2015

UN OUVEO DE DOR

A PINTURA de Munch pode gustar ou non, pero impacta, non deixa indiferente. Os seus cadros cospen angustia derretida en verdes estragados, malvas esvaecidos e escuridade tenebrosa. Magoan os ollos e a sensibilidade porque te sitúan inevitablemente diante da enfermidade, da 
loucura e da morte. Tres realidades ás que pretendemos pechar os ollos pero non podemos ignorar. El mesmo, consciente da súa neurose que o incapacitou para levar unha vida aceptablemente serena, entende que cando pinta a enfermidade e a desgracia suponlle un desafogo; unha reacción saudable do que se pode aprender e segundo o cal se pode vivir.
Experimentando a perda da nai dende meniño, logo a da súa irmá, con problemas co alcohol, incapaz de se entender coas mulleres, tendente á soidade, e todo combinado coas potencialidades bioxenéticas que o predispuxesen, converteron a súa vida nunha experiencia tan dolorosa como fonte de enerxía para a creatividade: unha pintura atormentada, agresiva, esgarrada, triste.
Observando os seus cadros dos arquetipos da exposición que ata xaneiro permanecerá no Thyssen de Madrid, comprobamos a obsesiva recorrencia do pintor noruegués polo grito. O primeiro do que se informa nesta exposición é que, agás un pequeno gravado, ningún dos catro cadros do famoso Grito se expón. Eu penso, sen embargo, que é toda a exposición un grito, un berro desesperado dun home que pretende entender o seu sufrimento facéndonolo entender aos demais. Esas mulleres tristes e soas, melancólicas, a agonía tantas veces ensaiada, os celos espetados nos desorbitados ollos do home que a padece, o sexo como perturbación, culpa e misterio, nunca goce limpo, a natureza que se escurece, a luz que esmorece e os homes que levan aterrorizados as mans á cabeza, son todos unha mostra inequívoca do que é a súa obra: ese grito de pánico que o sintetizou todo, inmortalizándoo.


Cada unha das súas aproximacións conducen a ese berro inaguantable que se espeta en todos nós, pois, tal como el mesmo nos di, nun momento experimentou ese ouveo infinito que atravesaba a natureza e foi quen a pararse, deixalo todo e pintalo. El pensaba que do seu putrefacto cadáver brotarían flores, e el estaría nelas, a eternidade. Da súa tenebrosa pintura arrincou o grito que nos explica que tamén somos enfermidade e loucura e imos cara á morte. 
E iso magoa, estremece, pero é que a arte, cando o é, doe non só a quen a crea, senón tamén a quen a admira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.