martes, 15 de diciembre de 2015

A QUEN LLE ESTORBAN IU E UPyD?

  Seguimos pendentes dos debates. A actualidade manda. Pouco que engadir ao xa visto por quen puxese interese e ollos limpos : Soraya defendeu o mellor que puido a difícil situación na que se atopaba; Rivera non tivo o mellor día: ambigüidade, sobreactuación, nervioso; Sánchez non ve saída no medio da néboa do seu partido e repetiu varios mantras nada entusiastas; e Iglesias, con non estar perfecto e meter varias veces a pata, demostrou ser o de máis capacidade dialéctica, didáctico, convencido e con un discurso máis elaborado. Ningún alcanzou a excelencia, todos levaban unha lección aprendida e defendérona o mellor que souberon, pero como ganar con claridade e apabullando, ningún. Digamos que ganou aos puntos Iglesias, pero supoño que con escasa repercusión á hora do voto. Polo visto, agás un nada probable zapateado de Sánchez a Rajoy na próxima pelexa televisiva, a sorte está servida: ganará o PP, e gobernará coa axuda de Rivera. Da distancia que se produza entre estes dous partidos dependerá o grao de presión que Rivera poida exercer nas esixencias ao PP, pero moito temo que non serán relevantes. Con todo, os auténticos ganadores do espectáculo foron os organizadores e os presentadores. Por primeira vez viuse un debate algo menos ríxido, non tan cargado de monólogos, en grande medida gracias á hábil e rigorosa condución por parte do xornalista Vicente Vallés, punzante, sereno, repartindo problemas por igual a uns e a outros. Sen chegar a un debate exemplar, débese admitir que foi algo novo, máis dinámico e bo sería mellorase no futuro.
            Hai algo, sen embargo, que non acabo de entender nesta toma de posición descarada a favor dos partidos chamados emerxentes en detrimento de outros dous  con representación parlamentaria (isto por referirme aos que se presentan en todo o Estado, para os nacionalistas cómpre unha análise diferene). Hai uns días,  Andrés Trapiello pediu explicación ao diario El País do porqué se eliminaba dos debates a IU e a UpyD. Dous partidos con representación parlamentaria, grazas, polo tanto, ao voto de cidadáns que os elixiron libremente, a favor de outros sen representación por máis que estean aupados polas enquisas. ¿Pesan máis as enquisas que os votos?
            Nesta mesma liña lamentouse nun artigo Fernando Savater de que tamén eles, fundadores do partido de Rosa Díaz, foran emerxentes, trataran de esnaquizar o bipartidismo antes ca ninguén, perseguiron a corrupción sen lles tremer a man, non andaron cambiando a cahaqueta e pasaron a ser ignorados polos medios, de modo que, pola lei da profecía que auto se cumpre, acabarán desaparendo completamente. Por suposto que UpyD cometeu erros e ten responsabilidade de parte do seu fracaso. Como IU. Pero ¿ xustifica iso unha ignoracia tal por parte dos medios como para que non conten de cara ás próximas eleccións?
Non gusto das teorías conspirativas, pero ás veces non queda outra que acudir a elas. ¿Quen pode ter tanto interese en que Ciudadanos medre, que apareza en tódalas enquisas como o partido de crecemento máis espectacular? ¿Por que as televisións, ademáis da audiencia, se volcaron sen disimulo con Rivera e Iglesias? ¿Estorba o PSOE, e convén desfacerse definitivamente de IU e UpyD? ¿Non haberá poderes decididos a renovar a dereita cunha cara máis xuvenil para que de verdade se consolide un conservadurismo doce por varias lexislaturas? ¿Non pretenderán os mesmos aniquilar unha esquerda auténtica por unha esquerda feble que se reparte os votos entre Iglesias e Sánchez?

Preguntas sen resposta. Mais algo non ofrece discusión: non hai dereito a que estes dous partidos non participen non debates xunto cos outros catro. Meréceno por votos, non por estimación de voto que é moi diferente. Porque o voto, ata o 20D, está no peto dos cidadáns. E merecían saber tamén o que estes dous partidos desprazados ofrecen para a próxima lexislatura.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.