sábado, 26 de diciembre de 2015

SALA DE TRATAMENTO

ARREDOR de cincuenta enfermos formamos, sentados en sofás, un semicírculo fronte ás mesas das enfermeiras. Unha controla no ordenador historias e tratamentos. As outras afánanse en nos conectar ás bolsas das que gotean os velenos ás veas polas que corren dentro dos nosos corpos. Son anxos brancos con sorriso nos labios, coñecen os nosos nomes, e para todos teñen palabras de ánimo e consolo. Saben con quen tratan. Enfermos de tódalas idades e condicións, que levamos como mellor sabemos as horas de conexión aos líquilos aos que nos encomedanmos para sanar pero que nos postran de corpo e ánimo.
Uns lemos e observamos, outros falan e rin, moitos dormen demolidos polo peso das substancias. Mulleres con panos cubrindo a calvicie, homes demacrados, sen alento algúns, outros con boa presenza, coma se o mal non actuase. Todos apegados á esperanza de que o bombardeo cause os menos danos colaterais e aniquile ao verdadeiro inimigo que se reproduce con malicia extrema.
Hoxe teño á beira a dous enfermos con problema nas veas. O peor. Endurecen coma adivales e non hai maneira de picar. Primeiro proba a enfermeira con experiencia e paciencia nas corres de calos que lle quedan ao vello da dereita. Nos brazos non é posible. No dorso da man. Despois de moito picar, con dolor, conségueo. Quéixase: mal do demo, estaba coma un buxo e isto fendeume; onte pasei a tarde chorando. Pola dor?, pregúntolle. Non, porque me dan baixadas e non paro de chorar.
Na esquerda, unha moza nova, dalle azos á enfermeira para que busque vea por onde sexa. Cando o logra xiringa sangue coma unha billa aberta no chan e no seu branco pantalón. E así avanza a mañá. Eu intentando concentrarme na Ilíada, agora pefiro repasar grandes obras, para lelas como o antipático e intelixente V.S. Naipul di que hai que beber o viño de Porto: mascándoas.
Pero o sono tamén me aplana e cando esperto xa moitos marchan e se despiden desexando o mellor para todos. Un desexo que entendo non pode ser outro que a mellora deste sistema sanitario que a todos por igual atende na experiencia da enfermidade, a inxustiza en estado puro, como dixo Ricardo Piglia. Tamén eu lles desexo o mellor Nadal e lles agradezo a fidelidade por me ler.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.