sábado, 19 de diciembre de 2015

ESCURIDADE DE DESEÑO

MENOS mal que non levaba urxencia. Parei porque o lugar ofrecía tódalas condicións que se requiren para facer un descanso despois de dúas horas conducindo: moderno, coidado, limpo e con ofertas moi variadas. Cumpridos os requisitos de repostar combustible e tomar unha auga, fun ao baño. A primeira proba pola que tiven que pasar foi pola identificación da porta para señoras e señores.
Estarei máis canso do que cría, pensei mentres prestaba atención aos símbolos de alto deseño que intentaban diferenciar unha porta da outra, pero a miña intelixencia non daba para máis. Permanecín na máis escura dúbida ata que saíu unha señora dunha porta acristalada, sorriu e indicoume: a súa é esa, non se estrañe, a min tamén me custou dar coa miña. Pensei que rematara cos problemas e podería cumprir co meu propósito sen dificultade.
Erro maiúsculo. Aberta a porta corredera quedei dentro dun espazo escuro sen dar atopado o mando da luz. Intenteino ás apalpadas, pero sen éxito. Supuxen que, dada a modernidade do local, un sensor indicaría a miña presenza e axiña se acendería. Por iso me movín. Nada. Tropecei 
co que supuxen sería a meseta dos lavabos, ou o retrete, non sei. Falei por se había alguén dentro, ningunha resposta.
A escuridade continuaba. Volvín a onde me parecía que deixara a porta de corredera, pero equivoqueime, tropecei con outra que non se abría automaticamente. Xa algo canso emitín sons e bufei e tusín e dei co pé no chan a ver se algún sensor me detectaba. Impaciente, desexei que alguén de fóra entrase, pero en contra de toda experiencia en áreas de descanso, non entraba nin unha alma.
Que deseño é este? Sen saber como, unha luz intensa acendeuse e vinme perdido no medio e medio do recinto amplo, cheo de espellos, luminoso. A ver se por fin, pensei mentres me poñía a aliviar, pero no medio da operación, outra vez escuridade.
E así por tres veces e nunca sen descubrir cal era o sistema polo que se acendía nin apagaba. Cando quixen lavar as mans, para que a billa botase auga tiven que mover e retorcer as mans coma Sara Baras. Antes de saír aínda outra vez quedei a escuras. Xa fóra, moito desexei un interruptor e unha billa dos de sempre. E agradecín non estar de urxencia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.