sábado, 5 de noviembre de 2016

FERROL COMO MODELO

CON tanto tempo transcurrido aínda me ronda en que andaría pensando o candidato de En Marea cando, na campaña electoral, dixo que o modelo que empregaría en Galicia sería o de Ferrol. Ferrol? Non saín nin dou saído do pasmo. Unha de dúas, ou o Sr. Villares nunca estivo en Ferrol e sóalle por alguén que lle falou dunha cidade ao norte, ou estaba de carallada. Porque se algún modelo tivese o Concello de Ferrol, del habería que fuxir coma do lume. O malo é que nin modelo ten. Non coñezo neste momento goberno tan desnortado, inoperante e perdido que o da cidade que noutro tempo foi dun caudillo. A non ser que se entenda como modelo de goberno cambiar de bancada á señora Sestayo (unha política de categoría onde as haxa), non dou captado como nos puido meter unha broma tan difícil de rir. 
Por non ter, Ferrol non conta con orzamentos, nin remodelación da Praza de Armas, non paga aos acreedores, non emprende plan algún (Menos mal que onte os visitou o rei). Leva falado de que intentará unha peonalización ao estilo de Pontevedra, pero tamén aí me parece que o señor Suárez fala da cidade do Lérez porque alguén algún día lle dixo que realizou unha renovación urbana modélica, pero el debe levar tempo sen baixar ao sur. E menos falar con Miguel F. Lores, con quen, por ser do BNG, é probable non manteña unha relación fluída. Aínda que relacións fluídas, que eu saiba, non mantén con ninguén este alcalde que agora xa case chorimica a ver se o PP lle axuda a aprobar unha lei que lle permita gastar un euro nas necesidades esenciaias. 
No que leva de lexislatura, en Ferrol ninguén viu nada digno de mención, agás, como xa sinalei, as interesantes relacións de amor, odio, encontro, desencontro, entre Sestayo e Suárez. Unha relación tormentosa, inútil, que só serve para abrir a información política da cidade, porque doutra cousa non se pode falar. O modelo político, se existise, parecería unha crónica social na que os que deben gobernar pasan os días intentando aliarse, desprestixarse, traicionarse, ignorarse. Un culebrón político de baixa estofa que non permite ocuparse da melloría da cidade nin do benestar dos cidadáns. Non queda tempo. Unha minoría illada, un PSOE que reflicte ás mil marabillas neste microcosmos as tribulacións polas que pasa e seguirá pasando, un BNG soíño, e un PP vello, canso, apático, sen enerxía (insistindo en que a peonalización é salvaxe), incapaz de ilusionar a ninguén. Así anda o Concello. E así pasa a lexislatura entre ameazas e abandonos, soidades, pesares e consultas populares inútiles. Pero sen unha obra importante, sen un proxecto cumprido, sen capacidade de gobernar. O exemplo do que non pode ser a política. Iso é o que ocorre en Ferrol. Era iso o que pretendía trasladar o señor Villar á Xunta? Son eses os seus plans de futuro? Sei que é novo nesta lides políticas, pero debería ir cambiando de póla, ou o que se aveciña no Parlamento para os próximos catro anos promete soberana tristura. Necesítase unha renovación política e democrática, pero o modelo, por tódolos deuses, que non sexa Ferrol. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.